Montañas de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Montañas galegas»)

A paisaxe galega está composta por unha ampla sucesión de outeiros, penedos e serras separadas por vales suaves ou profundos, canóns e algunha que outra chaira e depresión. A montaña é o común denominador de toda a accidentada xeografía galega xunto con outros factores como o clima ou a litoloxía conforman o medio natural galego.

Os primeiros poboadores tiveron que adaptarse ás duras condicións destes lugares aproveitando os seus recursos naturais ao mesmo tempo que lle mostraban o seu respecto, así coma a outros elementos naturais.

Respecto que a pesar do paso do tempo e os cambios relixiosos, se conservou na memoria oral da nosa cultura ata a actualidade.

A montaña é o último refuxio de moitas especies animais e vexetais que se viron desprazadas polas actividades humanas, tamén conserva o pasado xeolóxico da nosa terra das últimas glaciacións e pregamentos e os antigos e recentes vestixios etnográficos. Por estas razóns moitos dos nosos montes forman parte de espazos protexidos como o Invernadoiro e o Xurés ou están en trámites de selo.

A montaña non é so un elemento natural, forma parte tamén da nosa cultura e de nós mesmos.

Descrición[editar | editar a fonte]

O Monte Louro é un claro exemplo de Monte Illa

O territorio galego esta formado por un relevo moi envellecido e modificado desde as súas orixes por múltiples procesos erosivos que durante moito tempo se intercalaron con algún que outro proceso de reactivación tectónica, o cal volveu a rexuvenecer en certa medida este relevo.

Por esta razón os relevos angulosos propios de zonas de máis recente formación coma os Alpes, non son moi frecuentes en Galiza, de xeito que os perfís arredondados e de pendentes suaves nas proximidades dos cumes son os máis característicos, aínda que pode variar segundo a resistencia ao desgaste que ofrezan os materiais existentes ou as vicisitudes xeolóxicas do lugar.

Ao falar das montañas, o primeiro aspecto ao que se adoita facer referencia é a altura. No caso galego non se acadan grandes cotas, superando os 2.000 m só na zona da Serra do Eixo, con Pena Trevinca como máxima altura cos seus 2.124 m; polo xeral altitude media é duns 510m. Pero tamén hai que destacar outros parámetros como a pendente e a orientación, que son os que van a condicionar notablemente o tipo de ecosistemas que se desenvolverán. Máis da metade do territorio ten pendentes superiores ao 20 %, sendo a media un 21,5 %.

Este dato inflúe en gran medida no tipo do solo galego, de escasa profundidade e con perfís pouco evolucionados debido ao predominio de rocha granítica, a cal orixina solos areosos e moi permeables que, xunto co elevado réxime pluviométrico, provoca un lavado continuo, e por conseguinte, unha elevada acidez, favorecendo, ao mesmo tempo, o establecemento de numerosas especies de vexetación que lle aportan ao solo unha gran cantidade de materia orgánica.

As montañas forman parte de aliñacións que se coñecen co nome de serras, cordais ou cordilleiras segundo a súa extensión, as veces algunhas montañas atópanse illadas e con alturas claramente diferentes con respecto ao terreo lindante. Este tipo de estrutura aparece en Galiza, principalmente preto da costa, onde debido a resistencia dos materiais graníticos con respecto a outros, se forman os chamados montes illa ou inselbergs.

Orixe e evolución[editar | editar a fonte]

As teorías xeolóxicas, que actualmente están xeralmente aceptadas, sitúan o nacemento do territorio galego no proceso da oroxénese herciniana, durante o cal aflorou un macizo montañoso, chamado macizo Ibérico, debido a colisión de dúas placas continentais. Este proceso, semellante a formación moito máis recente do Himalaia, abarcou o lapso de tempo que vai dende hai 360 millóns de anos ata hai 250 millóns de anos, dando lugar a un sistema montañoso de varios miles de metros de altura no que se situaría o actual territorio galego.

A partir do momento no que rematou este proceso o terreo galego foi sometido a numerosos procesos xeolóxicos de erosión e reactivación tectónica que deron lugar á actual paisaxe.

Oroxénese herciniana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Oroxénese herciniana.

Hai uns 650 millóns de anos, a finais do Precámbrico, as masas continentais que estaban reunidas nunha soa (Panxea I) comezaron a separarse, dando lugar a continentes máis pequenos. Entre estes continentes abriuse un gran mar no que se foron depositando rochas sedimentarias e volcánicas durante todo o Paleozoico.

Pero as masas continentais deixaron de separarse no Ordovícico e comezaron a xuntarse de novo. Existían dous grandes continentes: Laurasia, formado por Norteamérica, Groenlandia e o norte e centro de Europa; e Gondwana, que se corresponde cos actuais territorios de África, Suramérica, Australia e a Antártida. Ademais tamén existían outras masas continentais máis pequenas como Armórica, un continente que se uniría a Laurasia no Carbonífero, antes da unión definitiva con Gondwana. Este continente correspondese hoxe en día, coa parte occidental de Galicia e a súa unión deixou unha cicatriz que coñecemos como a rexión do ollo de sapo.

Cando finalmente se uniron os continentes en Panxea II, o mar pechouse, e os sedimentos acumulados no fondo afloraron á superficie. O achegamento entre placas provocou un fenómeno de subdución de Laurentia por baixo de Gondwana, o que provocou que se alcanzasen elevadas temperaturas e que se fusionaran as rochas, as cales saíron a superficie en forma de magma ou quedaron no interior, arrefriándose, para formar o granito actual, tras a desaparición do material que se atopaba por riba deles por medio da erosión posterior. As rochas sedimentarias e magmáticas, debido do mesmo xeito as elevadas temperaturas e presións, transformáronse en rochas metamórficas.

A oroxénese herciniana, xa no seu tramo final, orixinou un sistema de fallas e liñas de fractura no macizo hespérico que cobraran moita importancia en etapas posteriores, posto que constituirán liñas de debilidade a favor das cales circularan cursos de auga e marcarán a orientación das rías baixas e medias galegas.

Etapa de arrasamento[editar | editar a fonte]

A finais do Carbonífero, cando a oroxénese herciniana xa estaba completada, o territorio que ocuparía a actual Galicia estaba formado por unha extensa cadea montañosa de varios miles de metros de altura. Pero dende finais desta etapa e durante todo o Mesozoico e principios do Cenozoico tería lugar un intenso proceso erosivo que reduciu todo o territorio agás algúns relevos e descubriu rochas cristalinas, plutónicas e metamórficas que se atopaban ocultas baixo capas de material sedimentario que anteriormente ocupaban a superficie.

Durante o Mesozoico comeza a disgregarse o supercontinente Panxea debido a aparición dos chamados puntos quentes ou de tripla unión. Un destes tres puntos situaríase no noroeste de Galicia do que partirían tres rifts ou fracturas con vulcanismo asociado, dando lugar a expansión dos fondos oceánicos. Deste xeito o océano Atlántico comezará a ensancharse e definirase a marxe occidental galega. Ademais tamén se producirá, con posterioridade, a apertura do golfo de Biscaia que definirá a marxe continental cantábrica. Tamén aparecerán novas fracturas na xa complexa rede de fracturas tardi-hercinianas que cobrarán grande importancia na configuración final do relevo actual.

Reactivación alpina[editar | editar a fonte]

Nos inicios do Terciario, fai 65 millóns de anos, ten lugar a oroxénese Alpina, proceso de formación montañosa que xorde debido ao achegamento da placa africana cara a europea e a creación dunha zona de subdución na costa cantábrica; creando cordilleiras como os Alpes, os Pireneos, ou as cordilleiras Béticas que, aínda que non afecta directamente a Galicia, produce, en cambio, unha reactivación por distensión das fracturas hercinianas, dando lugar á elevación dunha serie de bloques delimitados por estas fracturas con respecto a outros que quedan a un nivel inferior e a outros intermedios dispostos a modo de chanzos.

A formación deste relevo provocou tamén unha reactivación dos procesos erosivos das zonas elevadas que depositaron materias sedimentarios nas zonas afundidas, dando lugar ás concas Terciarias, as cales hoxe en día se atopan recheas de materiais areosos, arxilosos, gravas, conglomerados ou lignitos como en Meirama, As Pontes, Maceda, Monforte ou Xinzo de Limia.

Etapa cuaternaria[editar | editar a fonte]

Fai 2 millóns de anos, durante o Cuaternario os procesos tectónicos detéñense e son os procesos erosivos os que continúan a modelar o relevo. Sucédense numerosos cambios climáticos con etapas temperadas e outras máis frías que traen consigo grandes glaciacións. O nivel do mar varía, coma os cursos dos ríos que se van encaixando no terreo (formando paisaxes coma os Canóns do Sil), o que orixina a formación de distintos niveis de socalcos fluviais (Tui, Monforte, Valdeorras). A acción glaciar foi especialmente intensa durante o Plistoceno até hai uns 80.000 anos seguido de procesos preglaciares que duraron até hai uns 11.000 anos.

As pegadas glaciares reflíctense nas formas de relevo modeladas polo xeo, xeralmente con vales en forma de U e depósitos pedregosos de morrenas. As zonas onde se observa máis claramente esta erosión son as serras dos Ancares, O Courel, O Xurés ou a Serra de Queixa entre outros.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]