Moeda dun franco de Gaulle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1 franco de Gaulle [1][2][3]
A/: Cabeza de Charles de Gaulle cara á dereita. Marca de gravador: monograma ER.

Lendas: CHARLES DE GAULLE / REBUBLIQUE FRANÇAISE (lendas separadas por senllas cruces de Lorena).

R/: Valor facial dentro dun marco hexagonal. Data no exergo, flanqueada por marcas do director da ceca: golfiño e cornucopia.

Lendas: LIBERTÉ · ÉGALITÉ · FRATERNITÉ / 1958 · 1988.

O franco de Gaulle é unha moeda con valor facial dun franco francés cuñada en 1988 na honra do expresidente da República Francesa Charles de Gaulle e emitida con motivo do trixésimo aniversario da proclamación da quinta República Francesa, en 1958.[1][2][3]

O deseño e o gravado da moeda débeselle ao daquela gravador xeral de moedas de Francia, Émile Rousseau, e da súa produción encargouse a Monnaie de Paris.[1][2]

Moeda circulante[editar | editar a fonte]

Existen dúas variantes desta moeda, á parte do seu modelo estándar.

Por unha banda, un reducido número de exemplares foron cuñados cun acabamento especial (proof ou essai), con fondo espello e relevo mate. Nestas moedas incluíuse a palabra ESSAI en letras pequenas no reverso, no espazo entre o a parte inferior do marco e a data [4]

Coñécense ademais algúns exemplares nos que non aparecen as marcas do golfiño e a cornucopia a ambos os lados da data, no exergo do reverso, característicos da emisión ordinaria. Descoñécese a cantidade de exemplares con esta variante que, pola súa rareza, é moi apreciada polos coleccionistas e ten unha cotización superior no mercado numismático.[1][5]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Ano de emisión Tipo Exemplares cuñados
1988 Proof - Essai 1.850
Estándar 49.917.011
Sen marcas ?

Emisións especiais[editar | editar a fonte]

Á parte da súa emisión ordinaria, destinada á súa posta en circulación, existen tamén dúas versións destinadas ao mercado do coleccionismo e do investimento: unha delas é a cuñada en ouro (920 milésimas, 23,85 mm, 9 g),[6][7] cunha tiraxe de 20.000 exemplares, e outra en prata de tamaño meirande (900 milésimas, 37 mm, 22,22 g), da que se cuñaron 60.000 exemplares.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]