As versións máis antigas das moedas-pa tendían a ter un furado para encaixar o cabo fráxil e oco, que lembra unha pa metálica. As versións posteriores das moedas-pa transformaron este oco nunha peza fina e plana e, co paso do tempo, engadíronse inscricións ás moedas-pa para marcar os seus valores nominais.[1]
Varias versións de moeda-pa circularon polas chairas centrais chinesas durante o período da dinastía Zhou ata que foron abolidas pola dinastía Qin no 221 a.C. en favor das moedas de cobrebanliang.[1] Logo, durante a dinastía Xin, fundada por Wang Mang, reintroduciuse o diñeiro-pa. Nese período existiron 12 tipos diferentes destas moedas, con valores que ían de 100 a 1000 qián.[2]
En 2021 publicouse un artigo sobre un antigo obradoiro monetario que se descubriu nun sitio arqueolóxico na provincia de Henan. Mediante a datación por radiocarbono das moedas-pa atopadas alí estimouse que foron creadas despois de 640 a.C. e non máis tarde do 550 a.C., o que a converte posiblemente na ceca máis antiga coñecida do mundo, unha condición tradicionalmente atribuída ao reino de Lidia.[3] Con todo, as moedas-pa que se atoparon do depósito arqueolóxico de Guanzhuang non son tan antigas como as moedas de metal que se descubriron na antiga cidade de Éfeso.[4]
As moedas-pa con cabo oco (en chinés: 布幣; pinyin: bùbì) constitúen unha ligazón entre as pequenas ferramentas de labor agrícola usadas como medio de troco e os obxectos estilizados empregados como diñeiro. Malia a súa fraxilidade, conservan o encaixe oco onde se suxeitaría unha empuñadura para as usar como unha ferramenta de verdade. Este encaixe é rectangular na súa sección transversal e aínda conserva a arxila do proceso de fundición. No encaixe, tamén se reproduce o furado que fixaría a ferramenta ao seu cabo.
Moedas-pa prototipo: este tipo de moeda-pa é similar en forma e tamaño aos utensilios agrícolas orixinais. Mentres que algúns exemplares son o suficientemente robustos como para poderen ser empregados no campo, outros son moito máis lixeiros. A moeda-pa prototipo leva unha inscrición co nome da cidade emisora. Algúns destes obxectos foron atopados en tumbas das dinastías Shang e Zhou Occidental, datadas entre o 1200 e o 800 a.C. Os espécimes inscritos parecen datar de cara ao 700 a.C.[5]
Moedas-pa de ombreiro cadrado: este tipo de moeda-palea caracterízase pola forma cadrada dos seus ombreiros, un pé recto ou lixeiramente curvado e tres liñas paralelas no anverso e no reverso. Atopáronse en cantidades de ata varios centos de exemplares na zona correspondente ao Dominio Real de Zhou, ao sur de Hebei e ao norte de Henan. As probas arqueolóxicas datan estas moedas do comezo do período de Primaveras e Outonos, aproximadamente do 650 a.C. en adiante.
As inscricións nestas moedas adoitan consistir nun único carácter, xeralmente un número, un carácter cíclico, un topónimo ou o nome dun clan familiar. A escrita rudimentaria é a dos artesáns que fabricaban as moedas, e non a caligrafía máis coidada dos eruditos que escribían as inscricións votivas en bronce. O estilo de escrita coincide co do período medio Zhou. Coñécense máis de dúascentas inscricións, moitas das cales non foron completamente descifradas. Os caracteres pódense achar á esquerda ou á dereita da liña central e poden estar invertidos ou ser retrógrados. A aliaxe destas moedas está composta normalmente polo 80% de cobre, o 15% de chumbo e o 5% de estaño. O habitual é atopalas en tesouros de centos de exemplares, ás veces atadas xuntas en forma de feixes. Malia non haber mención na bibliografía do seu poder adquisitivo, está claro que non eran moedas de pequeno valor.[6]
Moedas-pa de ombreiro inclinado: estas moedas-pa caracterízanse pola inclinación do seu ombreiro, coas dúas liñas exteriores no anverso e no reverso formando un ángulo. Normalmente non existe unha liña central. Este tipo é xeralmente máis pequeno que o das moedas-pa prototipo e o das de ombreiro cadrado. As súas inscricións son máis claras e adoitan consistir en dous caracteres. Asócianse co Reino de Zhou e coa zona de Henan. O seu tamaño máis pequeno indica que son posteriores ás moedas-pa de ombreiro cadrado.[7]
Moedas-pa de ombreiro en punta: este tipo ten ombreiros en forma de punta, e un furado para o cabo longo e oco. Estas moedas teñen tres liñas paralelas no anverso e no reverso con inscricións ocasionais. Atópanse no nordés de Henan e Shanxi, o territorio do estado de Jin, que máis tarde pasaría a ser Zhao. Considérase que son algo posteriores ás pas de ombreiro cadrado. A súa forma parece estar deseñada para facilitar a súa atadura en feixes, e non parece ter relación ningunha cun apeiro agrícola en particular.[8]
A moeda-pa de cabo plano (平首幣) non ten o espazo oco para o cabo que tiñan as primeiras moedas-pa. Case todas teñen uns pés diferentes, o que suxire que o seu deseño estivo influído polas moedas-pa de ombreiro en punta con cabo oco, cunha estilización adicional para facilitar o seu manexo. Xeralmente son máis pequenas, e ás veces as súas inscricións especifican o seu valor nominal, ademais dos nomes de lugares. En combinación coa pouca evidencia das datas de fundación dalgunhas cidades produtoras, as moedas-pa de cabo plano poderían ser un desenvolvemento posterior. A evidencia arqueolóxica dátaas no período dos Reinos Combatentes (475 a 221 a.C.). As moedas-pa de pé arqueado teñen unha aliaxe composta por aproximadamente o 80% de cobre; para outros tipos, o contido de cobre varía entre o 40% e o 70%.[9]
Moedas-pa de pé arqueado: este tipo ten unha base arqueada en forma de U invertido. Os ombreiros poden ser arredondados ou angulares. Normalmente especifícanse os valores nominais de medio, un ou dous jin. Esta variedade de moedas-pa asóciase co estado de Liang —tamén coñecido como Wei—, que floreceu entre o 425 e o 344 a.C., e co estado de Han (403–230 a.C.).[9]
Moedas-pa especiais de Liang: estas son similares en forma ás de pé arqueado, mais amosan unhas inscricións que, aínda que foron obxecto de moito debate, parecen indicar unha relación entre o padrón de pesojin destas moedas-pa e o padrón alternativo lie, tamén utilizado tanto para o peso como para a moeda. Os estudosos atribúen unanimemente estas emisións ao estado de Liang.[10]
Moedas-pa de pé en punta: este tipo ten pés en punta e unha base cadrada. Os ombreiros poden estar orientados cara a arriba ou ser rectos. Trátase dunha clara evolución da moeda-pa de ombreiro en punta con cabo cóncavo. O peso e o tamaño dos exemplares meirandes son compatibles coa unidade dun jin das moedas-pa de pé arqueado e cabo plano. Pola súa banda, os exemplares máis pequenos adoitan especificar a unidade como medio jin ou un jin —este menos frecuente—, aínda que con frecuencia non especifican unidade ningunha. Isto parece implicar que a unidade de medio jin acabou por se converter na norma. Estas moedas-pa asócianse co estado de Zhao e normalmente atópanse nas provincias de Shanxi e Hebei. Amosan adoito números no seu reverso. Os nomes dos obradoiros monetarios compostos por dous caracteres implican que as cidades que produciron estas moedas se poden identificar con máis certeza que as de series anteriores.[11]
Moedas-pa de pé cadrado: este tipo caracterízase pola forma cadrada dos seus pés, unha base tamén cadrada e unha liña central no anverso. O reverso normalmente só ten tres liñas, agás nas moedas-pa producidas por algúns obradoiros monetarios do estado de Zhao, que tamén produciron exemplares de pé en punta. Estas teñen números no reverso. As cecas que produciron moedas-pa de pé cadrado son máis numerosas que as que produciron as de pé en punta. Os seus pesos son compatibles co valor nominal de de medio jin. Estas pezas están asociadas cos estados de Han, Zhao, Liang, Zhou e Yan, e acháronse exemplares nas provincias de Mongolia Interior, Jilin, Hebei, Shanxi, Shaanxi, Shandong, Jiangsu, Anhui, Henan e Zhejiang. Este tipo utilizouse simultaneamente ao das moedas-pa de pé en punta; algúns obradoiros produciron ambos os tipos, e atópanse xuntos en tesouros.[12]
Moedas-pa de cantos afiados: estas forman unha subserie dentro das de pés cadrados. Diferéncianse lixeiramente do tipo ordinario en que teñen pequenas proxeccións triangulares no cabo. As inscricións dos tres tipos meirandes inclúen os caracteres j金 jīn e 涅 niè. Aínda que niè era o nome dun río en Henan, o carácter non se pode interpretar doadamente como parte dun topónimo, xa que se atopa en conxunción con outros topónimos como Lu Shi e Yu. Segundo o Fang Yan —un antigo libro sobre dialectos—, niè significaba o mesmo que huà (化), traducido como "diñeiro" ou "moeda". Xa que logo, os caracteres jīn niè significan "moeda metálica". Os pesos das moedas meirandes semellan lixeiramente superiores aos 14 gramos do estándar jin. Os lugares de achado corresponden cos estados de Liang e Han.[12]
Moedas-pa Dang Jin: constitúen outro subgrupo cuxas inscricións suxiren equivalencia entre as unidades de dúas zonas comerciais. Tanto as moedas pequenas como as grandes teñen no seu anverso o carácter 伒 jìn. Normalmente considérase que esta é a mesma nidade jin atopada noutras moedas-pa de cabo plano. Con todo, o peso de 28 gramos desta variedade suxire que a súa unidade era o dobre dos 14 gramos do jin da moeda-pa de cabo plano, polo que quizais fose unha unidade local da zona. A moeda máis pequena adoita acharse en parellas unidas polos pés. Así foron fundidas, pero non está claro se se pretendía que circulasen deste xeito ou separadas. O seu peso está entre 7 e 8 gramos, aproximadamente un cuarto do das moedas máis grandes, polo que a inscrición que indica que catro eran equivalentes a un jin é lóxica. As súas inscricións no anverso foron obxecto dun certo debate, e na procura do consenso semella que a lectura máis lóxica é 斾比當伒 pèi bǐ dāng jìn ("moeda [da Cidade de] Pei equivalente a un jin").[13]
Moedas-pa de pé redondo.Moedas-pa de pé redondo: é un tipo raro, caracterizado por ter cabo redondo, ombreiros redondos e pés redondos. Este tipo está representado polas moedas-pa de cinco cidades na actual Shanxi, entre o río Fen e o río Amarelo. Hai dous tamaños, equivalentes aos valores nominais dun jin e de medio jin. Teñen varios números nos seus reversos. Algúns estudosos defenden a tese de que proceden dos estados de Qin e Zhao ao final do período dos Reinos Combatentes, en tanto que para outros provirían do estado de Zhongshan durante o século IV a.C.[14][15]
Moedas-pa de tres furados: presentan furados tanto no cabo como na base, e cabo, ombreiros e pés redondos. Trátase doutro tipo raro, que se acha en dous tamaños: o tamaño grande ten a inscrición 兩 liǎng no reverso e o máis pequeno 十二銖 shí'èr zhū ("12 zhu"). Como a unidade liǎng de peso se dividía en 24 zhū, está claro que os dous tamaños representan denominacións dunha "unidade" e dunha "metade". Tamén teñen números de serie no cabo, no reverso. Do mesmo xeito que as moedas-espada de pé redondo, non está definitivamente determinado que estado emisor. Os lugares de achado radican no leste de Shanxi e Hebei. Os nomes dos obradoiros monetarios correspóndense con cidades que foron ocupadas tanto por Zhong Shan como por Zhao.[16]
O misterio e a rareza que rodean a moeda-pa de tres furados" (三孔布) son tales que moitos coleccionistas de moedas chinesas a alcumaron "o rei das moedas antigas".[17] As moedas-pa de tres furados adoitan ser únicas, dentro dunha serie de múltiples variantes, e mesmo dalgunhas destas variedades só se coñecen fragmentos.[18] Aínda que existen catálogos de moedas chinesas antigas desde hai máis de nove séculos, a existencia das moedas-pa de tres furados só foi coñecida polos estudosos modernos, desde hai uns dous séculos, por mor da súa rareza.[17] A maioría dos exemplos coñecidos de moeda-pa de tres furados atópanse en mans de coleccionistas privados que residen fóra da China continental.[18]
A atribución destas pezas segue a ser incerta. Crese que circularon como moeda no que hoxe é o leste de Shanxi e Hebei nalgún momento cara ao final do período dos Reinos Combatentes. Os investigadores están divididos acerca da atribución, aínda que apuntan a Zhao, Zhongshan e Qin. Baseándose en achados arqueolóxicos e escavacións na idade contemporánea, así como nos topónimos das cidades identificados polas inscricións no anverso de varias moedas-pa de tres furados, as probas máis sólidas apuntan á hipótese de que foron producidas por Zhao, en tanto que o feito de que utilicen as denominacións zhu e tael constitúe un argumento de que poderían estar producidas en Qin.[18]
A inscrición do anverso das moedas-pa de tres furados adoita conter o nome da cidade onde se produciron, en tanto que a do reverso indica o seu valor facial, que era dun tael (兩) ou 12 zhu (十二朱). As moedas-pa dun tael normalmente teñen unha lonxitude de aproximadamente 7,2 centímetros e reciben adoito a denominación de "pas grandes"´, mentres que as de 12 zhu normalmente teñen unha lonxitude de aproximadamente 5,2 centímetros, e coñécense como "pas pequenas".[17]
A primeira moeda-pa de tres furados documentada na idade moderna apareceu hai arredor de dous séculos, durante a manchúdinastía Qing, cando foi adquirida polo artista e epigrafista Zhang Tingji (張廷濟, 1768–1848). Os caracteres en escrita de selo que aparecen na inscrición do anverso dese espécime son 下邲陽 xià qu yáng. Crese que a cidade de Xiaquyang estivo situada no actual condado de Ningjin, Hebei. Pola súa banda, considérase que a inscrición do reverso desta moeda-pa de tres furados é 十七兩 shí qī liǎng (17 tael). Este exemplar ten unha lonxitude de 7,35 centímetros, unha anchura de 3,7 centímetros e un peso de 13,4 gramos.[18]Moeda-pa de tres furados.
Posteriormente, Zhang Tingji rexistrou esta moeda-pa no seu catálogo de moedas 古泉拓本 gǔ quán tà běn ("Cuestións de moedas antigas"), o que converteu a moeda-pa de tres furados Xia Qu Yang na primeira en aparecer nunha publicación de calquera tipo. Durante o primeiro período da República da China, a moeda-pa de tres furados Xia Qu Yang foi adquirida polo famoso coleccionista de moedas chinés Zhang Shuxun (張叔馴) e a reprodución desta moeda apareceu en case todos os principais catálogos de moedas chinesas publicados desde ese período.[18]
Baseándose en espécimes que apareceron en catálogos de moedas que datan da dinastía Qing, actualmente considérase que hai máis de dez nomes de cidades diferentes que se empregaron como inscricións nos anversos das moedas-pa de tres furados, e que poden existir máis de trinta variedades da moeda. Os numismáticos e eruditos chineses modernos consideran sorprendente o feito de que un antigo estado fabricase tantas variedades diferentes dunha mesma moeda en cantidades tan pequenas.[18]
No ano 2010, unha moeda-pa de tres furados coa inscrición no anverso 武陽 wǔ yáng foi adxudicada nunha poxa da compañía China Guardian por 3.528.000 renminbi (uns 488.000 euros).[18]
Outro exemplar da moeda-pa de tres furados vendeuse nunha poxa o 25 de novembro de 2012 organizada pola casa Beijing Cheng Xuan Auctions Co. (北京诚轩拍卖有限公司) por 3.680.000 renminbi (508.000 euros), o cal naquel momento estableceu un novo récord mundial para unha moeda chinesa antiga.[18]
Outro exemplar acadou o 23 de abril de 2013 nunha poxa en liña organizada por Huaxia Coin Grading (华夏古泉网) os 2.475.000 renminbi (346.000 euros). A inscrición do anverso dese espécime é 陽湔 yáng jiān, o que indica a cidade onde foi fundida, mentres que a inscrición do reverso di que o seu valor nominal era 1 tael (兩). O exemplar desta poxa mide 73,99 milímetros de lonxitude, ten un grosor de entre 2,00 e 2,13 milímetros e un peso de 16,33 gramos. Trátase, xa que logo, da única "pa grande" de Yang Jian da que se ten constancia.[17]
A única "pa pequena" de tres furados (de 12 zhu) coñecida de Yang Jian pertence ao Museo de Historia de Tianjin (天津历史博物馆).[17]
Varios exemplares de moedas-pa de tres furados forman parte das coleccións do Museo Nacional da China, do Museo de Shangai e do Museo da Moeda do Banco do Xapón.[18]
No ano 1974, un agricultor no condado de Fugou, Henan, desenterrou un trípode de bronce de tres patas (鼎, dǐng),[19][20] que albergaba no seu interior dezaoito espécimes de moedas-pa. Un deles era do tipo de cabo oco, mentres que os 17 restantes eran de cabo plano. Todas estas moedas-pa desenterradas están feitas en prata e pasaron a estar expostas no Museo de Henan.[19][20]
Este achado supón, ademais, o primeiro caso rexistrado de produción de moeda de prata na China, segundo un artigo publicado en 1983 no volume 3 da revista 中國錢幣 "Moedas chinesas").[19]
No obradoiro monetario de Guanzhuang descubríronse dúas moedas-pa e unha ducia de moldes para a súa fundición, cuxa produción se atribúe á época entre os anos 640 a.C. e 550 a.C., o que, segundo Hao Zhao, arqueólogo da Universidade de Zhengzhou, nun artigo publicado en 2021 en Antiquity, o converte na ceca máis antiga coñecida do mundo.[21][22]
A propia cidade amurallada e con fosos de Guanzhuang —na actual provincia de Henan— estableceuse arredor do 800 a.C., e o seu obradoiro de fundición, onde se vertía o bronce e se batía para o converter en recipientes rituais, armas e ferramentas, abriu arredor do ano 770 a.C. As escavacións tiveron lugar entre os anos 2015 e 2019.[23] Hao Zhao afirmou que non foi ata 150 anos despois cando os traballadores da fundición de Guanzhuang tamén comezaron a producir moedas-pa fóra da porta sur da cidade interior.[22] Zhao afirmou que, aínda que outras investigacións datan as moedas do Reino de Lidia —na actual Turquía— a partir do 630 a.C., a ceca máis antiga da que se ten constancia que producise moedas naquela zona data de entre o 575 a.C. e o 550 a.C., o que, de ser certo, converte a ceca de Guanzhang na máis antiga coñecida do mundo.[21][22] Mentres tanto, a data proposta de 650-500 a.C. —baseada na tipoloxía cerámica— para os restos de produción das fundicións achados en Xintian e Xinzheng segue a ser só unha conxectura e nunca foi confirmada por datación por radiocarbono. Con todo, a datación por este método da ceca de Guanzhuang foi máis concluínte, o que reforza a hipótese de que foron os chineses os que inventaron o diñeiro, e non os lidios.[21]
Así e todo, George Selgin, director do Centro de Alternativas Monetarias e Financeiras do Instituto Cato, asegura que, malia o considerar un achado impresionante, "non cambia a nosa comprensión básica de cando se produciron as primeiras moedas, e non significa necesariamente que a China o fixese primeiro", e engade que o achado non demostra necesariamente que os chineses inventasen o diñeiro antes que os lidios.[22]
As técnicas de produción empregadas no obradoiro monetario de Guanzhuang testemuñan que a elaboración das moedas-pa non se trataba dun experimento de pequena escala e esporádico, senón dun proceso ben planificado e organizado, en cantidades moi considerables, estandarizado e con control de calidade.[21]
Bill Maurer, profesor de Antropoloxía na Universidade de California en Irvine e director do Instituto para o Diñeiro, a Tecnoloxía e a Inclusión Financeira, sinalou que a integridade do achado dá peso ás afirmacións feitas no artigo de Antiquity. Mauer afirmou que normalmente as moedas tenden a acharse "xuntas e completamente desprovistas de calquera contexto orixinal da súa produción ou do seu uso", mais neste caso atopáronse os restos de todo o obradoiro, xunto co material utilizado e as pezas elaboradas. Mauer engadiu que se descubriu unha fundición enteira, chea de residuos de carbono asociados á produción do propio obxecto, o que lle engade máis peso á precisión da datación por radiocarbono que demostra a autenticidade das afirmacións feitas por Zhao e outros investigadores.[22]
Maurer engadiu ademais a National Geographic que o aparente nivel de estandarización da elaboración das moedas-pa no depósito arqueolóxico "lle dá peso á hipótese que os antropólogos e os arqueólogos manteñen desde hai tempo: que o diñeiro xorde principalmente como unha tecnoloxíapolítica, non como unha tecnoloxía económica", xa que estas pezas foron achadas nun depósito de alta importancia política.[24][22]
No ano 2012, un cidadán chinés da provincia de Hebei, ao cavar un pozo no seu xardín, descubriu un gran tesouro de moedas-coitelo e de moedas-pa que databa do período dos Reinos Combatentes. O tesouro incluía 98 espécimes de moedas-coitelo e 161 de moedas-pa. Trátase do primeiro gran tesouro de moeda chinesa antiga desta era que se descubriu no condado de Laiyuan, Hebei. Ambos os tipos de moeda deste achado foron atribuídos a Yan. No relativo ás moedas-pa, estas eran tanto de pé cadrado" como de pé de punta.[25]
O 13 de novembro de 2017, o Departamento de Bens Culturais de Henan anunciou que nunha escavación preto de Zhoukou, Henan, se desenterrara un gran número de tumbas e de moedas de cobre que datan do período da dinastía Han. Descubríronse máis de 120 tumbas diferentes, das cales 105 datan do período da dinastía Han e 15 dos períodos da dinastía Song e da dinastía Qing. Pola súa banda, a maioría das moedas de cobre desenterradas nese sitio arqueolóxico foron moedas Wu Zhu (五銖), aínda que tamén se atoparon varias moedas-pa da dinastía Xin emitidas por Wang Mang e moedas de cobre da dinastía Song en varios túmulos.
O 15 de xullo de 2018, a axencia de noticias Xinhua informou de que se desenterraron 504 moedas-pa do período de Primaveras e Outonos nunha obra en Sanmenxia, Henan. As 504 moedas-pa estaban preservadas no interior dunha pota de barro, e delas 434 ficaban intactas. Li Shuqian, o director do museo local, sinalou que era moi raro que unha cantidade tan grande de moeda chinesa antiga permanecese conservada en tan bo estado.[26]