Saltar ao contido

Moeda-coitelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moedas-coitelo expostas no Museo da Capital, en Pequín, China.

A moeda-coitelo (chinés tradicional: 刀幣; chinés simplificado: 刀币; pinyin: jīn cuò dāo) é unha forma premonetaria de bronce fundido en forma de coitelo producida por varios gobernos e reinos no que hoxe é o territorio da China, hai aproximadamente 2.500 anos, entre os anos 600 a.C. e 200 a.C., durante a dinastía Zhou.[1][2]

A súa evolución parece ser paralela á das moedas-pa características do nordés da China.[3]

Paralelamente, hai referencias de que tamén en Corea circularon moedas-coitelo, coñecidas como myeongdojun, como a súa primeira forma de moeda, arredor do século III a.C., pertencentes aos estados de Yan e Gojoseon.[4]

Hai varias hipóteses acerca das circunstancias da introdución das moedas-coitelo, aínda que non hai certeza da exactitude de nuingunha delas con base en fontes documentais. Segundo unha delas, un príncipe que se estaba a ficar sen diñeiro para pagar ás súas tropas permitiulles usar os seus coitelos como forma de moeda para os trocar cos veciños, e este medio acabaría facéndose tan popular que pasaría a ser aceptado con normalidade como xeito habitual de pagamento. Segundo outra hipótese, o mesmo príncipe comezaría a aceptar coitelos como pagamento de pequenas multas, no canto do diñeiro en forma de anel característico daquela época na China.[1]

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]

As moedas-coitelo imitan con moita similitude a forma real que tiñan os coitelos empregados durante o período Zhou, o que fai que habitualmente se dividan en seis tipos en relación coa súa tipoloxía:[3][5]

  • Noedas-coitelo de Qi:[6] trátase de moedas de gran tamaño atribuídas ao estado de Qi. Atópanse na zona de Shandong, ao leste do río Amarelo, e non parece que circulasen moito fóra desta contorna. Aínda que se deu unha considerable controversia acerca da data da súa emisión, a arqueoloxía demostra que se remontan ao período dos Estados Combatentes. Presentan na súa folla uns caracteres —tres, catro ou seis, segundo os casos— que as singularizan doutras moedas-coitelo, relativos ao establecemento do estado de Qi, o cal podería terse producido, en función de como se interpreten as primeiras historias, no 1122 a.C., no 894 a.C., no 685 a.C. ou no 386 a.C. As dúas datas derradeiras son as máis probables para a introdución destas moedas. A aliaxe das moedas-coitelo deste tipo con tres caracteres componse de arredor do 54 % de cobre, o 38 % de chumbo e o 8 % de estaño, en tanto que nas que teñen catro ou seis caracteres a porcentaxe de cobre ascende ata o 70 % de cobre.[7]
  • Noedas-coitelo de punta de agulla: este tipo de moedas-coitelo distínguese pola súa longa punta afiada. Ata 1932 a súa existencia era descoñecida, xa que foi ese ano cando se descubriron os primeiros exemplares nun tesouro achado en Chengde, na provincia de Hebei. Máis tarde atopáronse novos espécimes noutros tesouros na mesma zona. Algúns estudosos suxeriron que estas moedas-coitelo se terían producido para o comercio entre os chineses e os xiongnu (hunos) que ocupaban esa área do norte naquel momento. Podería ser que este tipo fose simplemente unha variación local das moedas-coitelo de punta aguzada, ou tamén que este fose o tipo orixinal e que posteriormente se modificase ao resultar incómodo de usar. Neste tipo de moeda-coitelo rexistráronse unhas cincuenta inscricións, que poden consistir en números, caracteres cíclicos e outros caracteres, moitos dos cales non foron descifrados aínda.[8]
  • Noedas-coitelo de punta aguzada (尖首刀):[9] neste tipo, a punta da folla está igualmente curvada, mais a moeda-coitelo carece da longa punta afiada que caracteriza o tipo de punta de agulla. O feito de que os lugares onde se acharon os espécimes deste tipo se concentren no nordés da China asóciaos co estado de Yan. Nos últimos anos atopáronse tesouros de ata 2.000 exemplares destas moedas-coitelo, ás veces atados xuntos en feixes de 25, 50 ou 100 pezas.[10]
Nas follas dos exemplares deste tipo rexistráronse máis de 160 inscricións diferentes, algunhas das cales representan números e outras caracteres cíclicos, pero moitas non foron descifradas aínda. De xeito diferente ás moedas-pa, estes caracteres non se asociaron xeralmente con nomes de lugares coñecidos. As súas dimensións e os seus pesos son variados (de 11 a 16 gramos).[10]
  • Moedas-coitelo do estado de Yan: a primeira é de "punta de agulla" (ca. 600-400 a.C.), a segunda de punta aguzada (ca. 600-400 a.C.) e a terceira de tipo Ming (ca. 400-220 a.C.).
    Noedas-coitelo Ming (明刀):[11] os exemplares coñecidos desta tipoloxía de moedas-coitelo son xeralmente máis pequenos que os de punta afiada, e as súas puntas caracterízanse por ser practicamente rectas. Este tipo toma o seu nome do carácter que portan no anverso, que tradicionalmente se leu como "ming" (chinés: 明; pinyin: míng). No entanto, outras propostas foron "yi" (易; yì),"ju" (莒; jǔ), "ming" (盟; méng) e "zhao" (召; zhào).
En Xiadu, ao suroeste de Pequín, descubriuse un obradoiro de fabricación de moedas-coitelo Min que estaba soterrado. Como o lugar do achado foi Yi —a capital do estado de Yan a partir de 360 a.C.—, a posibilidade da interpretación do carácter como "yi" gañou o favor dalgúns investigadores. Tamén se descubriron moldes para a súa produción en Shandong. Estas moedas atopáronse adoito en grandes acumulacións, nas provincias de Hebei, Henan, Shandong, Shanxi e Shaanxi, e tamén no nordés de China, e mesmo en lugares tan arredados como Corea e o Xapón. É frecuente que aparezan en achados conxuntos con moedas-pa con punta e de catro patas cadradas.[12]
Habitualmente establécense dúas subcategorías de moedas-coitelo Ming. A primeira, presumiblemente a máis antiga, é curva do mesmo xeito que os coitelos de punta afiada, en tanto que a segunda ten unha folla recta e con frecuencia unha curva angular pronunciada no medio. Esta forma coñécese como 磬 qing ("pedra musical tradiconal chinesa"). A súa aliaxe contén arredor do 40 % de cobre e polo xeral estes exemplares pesan arredor de 16 gramos.[12]
Nos reversos das follas das moedas-coitelo Ming hai unha ampla variedade de caracteres, algúns deles individuais, semellantes aos que se atopan nas moedas-coitelo de punta aguzada. Dous grandes grupos teñen inscricións que comezan cos caracteres 右 yòu ("dereito") ou 左 zuǒ ("esquerdo"), seguidos de números ou outros caracteres. o carácter yòu ten tamén o significado secundario de "rapaz" ou "oeste", en tanto que zuǒ tamén pode significar "adulto" ou "leste", o cal puidera ter relación co feito de que as escavacións en Xiadu revelasen na cidade interior un palacio esquerdo (zuo gong) e un palacio dreito (you gong). As semellanzas entre os outros caracteres destes dous grupos amosan que foron determinados polo mesmo sistema. Un grupo máis pequeno ten inscricións que comezan con 外 wài ("fóra"), pero os outros caracteres non teñen moito en común cos grupos yòu e zuǒ. Un cuarto grupo ten inscricións que comezan cun carácter pouco claro, e outros caracteres semellantes aos atopados nos grupos yòu e zuǒ. Por analoxía co wài, este carácter pouco claro leuse como 内 nèi ("dentro") ou 中 zhōng ("centro").[12]
  • Noedas-coitelo do estado de Qi Ming (coitelos Boshan): a súa aparencia xeral é similar á das moedas-coitelo Ming, aínda que o carácter "ming" é grande e angular e as moedas deste tipo dispoñen de amplas inscricións no reverso. En Boshan, un distrito do leste de Shandong, apareceu soterrado un tesouro destas moedas-coitelo no período Jiaqing (1796-1820), e en datas posteriores atopáronse novos achados na mesma zona, que formaba parte do estado de Qi, e as súas inscricións tamén se refiren a Qi. Entre 284 e 279 a.C., o estado de Yan ocupou a maior parte do territorio de Qi, e xeralmente considérase que estas moedas datan dese período. Por outra banda, as súas inscricións do reverso, que semellan referirse a nomes de lugares, non foron descifradas aínda de xeito satisfactorio. Unha lectura dá o primeiro carácter como 莒; , que podería referirse á cidade de Ju.[13]
  • Noedas-coitelo rectas (直刀): trátase de moedas-coitelo de tamaño inferior a todas as anteriores, e caracterízanse tamén porque as súas follas non están curvadas ou, nalgúns casos, só lixeiramente curvadas. Foron emitidas nalgúns lugares do estado de Zhao. Esta categoría inclúe outras moedas máis pequenas de varias formas. Atópanse en tesouros xunto con moedas-coitelo Ming.[14]

As moedas-coitelo de Qi

[editar | editar a fonte]

Os espécimes Qi pódense clasificar en función do número de caracteres chineses que aparecen no anverso da súa folla.[15] As moedas-coitelo Qi evolucionaron a partir dun antigo utensilio de bronce chinés cun anel no extremo, que se coñecía como 削 xue.[16]

Esta categorización subdividíseas, xa que logo, en exemplates de tres caracteres (三字刀), de catro caracteres (四字刀), de cinco caracteres (五字刀) e de seis caracteres (六字刀). Crese que, de todas estas categorías, as moedas-coitelo de catro caracteres son as máis antigas e que foron introducidas nalgún momento a principios do período coñecido como de "Primavera e Outono" (entre os anos 771 e 476 a. C.). Pola súa banda, as moedas de cinco caracteres comezaron a producirse a finais dese mesmo período. Dos exemplares con tres caracteres sábese que comezaron a circular durante o período inicial ou medio dos Reinos Combatentes.[15]

Mentres que a forma máis antiga de moeda-coitelo circulaba no estado de Qi, as moedas-coitelo estenderíanse máis tarde aos estados de Yan e Zhao.[16]

Subtipos de coitelos de Qi

[editar | editar a fonte]
Moeda-coitelo de Qi, do período dos Reinos Combatentes (476 a.C. - 221 a.C.), con tres carateres.

Todos os tipos de moedas-coitelo de Qi considéranse raros na era moderna.[15]

  • De tres caracteres. Algunhas moedas coitelo de tres caracteres (三字刀) levan a inscrición 齊法化 Qi fa hua ("Moeda legal de Qi").[16][17]
  • De cinco caracteres. As moedas-coitelo Qi con inscricións de cinco caracteres producidas na cidade de Jimo —actual Pingdu, Shandong— tiñan a inscrición 即墨之法化 Ji mo zhi fa hua ("Moeda legal de Jimo").[15][18] Pola súa banda, as producidas na cidade de Anyang —situada xusto ao leste do que agora é Caoxian, Shandong— tiñan a inscrición 安陽之法化 An yang zhi fa hua ("Moeda legal de Anyang").[15]
  • De seis caracteres. As moedas-coitelo de seis caracteres (六字刀) do estado de Qi emitíronse como un tipo de "moeda conmemorativa" (chinés simplificado: 开国纪念币; chinés tradicional: 開國紀念幣; pinyin: kāi guó jì niàn bì). Os exemplares desta categoría adoitan ser bastante grandes e grosas; e xeralmente dan mostra de estar finamente fundidas e feitos de bronce de calidade, e as súas inscricións adoitan amosar unha caligrafía chinesa exquisita. As moedas-coitelo de seis caracteres adoitan ter entre 18,2 e 18,5 centímetros de lonxitude e entre 2,8 e 2,9 centímetros de ancho, e o seu peso está normalmente entre 45,5 e 50,9 gramos.[15]
Unha das primeiras emisións conmemorativas das moedas-coitelo de seis caracteres conmemora o recoñecemento formal de Tian He como gobernante do estado de Qi no ano 386 a.C.[15]
Esta é a primeira moeda conmemorativa coñecida na historia da China e a súa inscrición está escrita nunha antiga caligrafía chinesa que en tempos modernos resultou difícil de descifrar. Crese que a inscrición se corresponde con 齊造邦長法化 (chinés simplificado: 齐造邦长法化; pinyin: qí zào bāng cháng fǎ huà), que se podería traducir como "Qi establece diñeiro estatal legal de longa duración". Con todo, ademais desta lectura, hai algúns expertos que propoñen interpretacións alternativas para esa inscrición, entre elas a que sostén que non se trata de 齊造邦長法化, senón máis ben 齊複邦長法化 ou mesmo 齊返邦長法化, de maneira que se traduciría máis como "retorno" que como "establecemento". Esta lectura alternativa podería ser unha referencia a un acontecemento no que o duque Tian He derrotou o exército de Yan en Jimo no ano 284 a.C., o que permitiu o regreso do rei Xiang de Qi desde o estado de Ju a Linzi, a capital de Qi, no ano 279 a.C.[15]
Mentres que o anverso das moedas-coitelo de seis caracteres presenta seis caracteres chineses, o reverso adoita conter só un, que se cre que se pode referir ao valor nominal da moeda ou servir como unha especie de marca de ceca; alternativamente, como estas pezas se fundían en moldes de pedra, crése que outros caracteres no reverso poden servir como referencia de en que molde se fundiu cada exemplar. En concreto, xeralmente sostense que o carácter 十 ("dez") é unha alusión ao valor nominal, entanto que os caracteres 司, 工 e 日 representan os nomes de cecas establecidas pouco antes na cidade de Linzi, onde foron fundidas todas as moedas-coitelo de Qi de seis caracteres. Os caracteres chineses máis raros atopados no reverso destas moedas son 化 (Hua) e "上" (Shang).[15]
As moedas-coitelo de seis caracteres emitidas polo estado de Qi constituíron a primeira forma chinesa de moeda emitida en conmemoración do establecemento dunha nova familia gobernante ou unha nova dinastía (開國紀念幣). Como ás veces se fundían para conmemorar un acontecemento especial e debido ao seu carácter de obxecto monetario, considéranse unha das primeiras emisións de moeda conmemorativa de China.[19]
Debido a que as pezas de seis caracteres son as máis raras de todos os tipos de moedas-coitelo de Qi e tamén unhas das máis raras de todas as cuñaxes chinesas antigas, adoitan acadar prezos moi altos nas poxas numismáticas. No mes de maio de 2014, un exemplar desta categoría vendeuse nunha poxa organizada pola compañía Xiling Yinshe Auction Co. (西泠印社拍卖有限公司) na cidade de Hangzhou por un importe de 862.500 renminbi, equivalentes naquel momento a 121.036 euros.[15]

Poder adquisitivo das moedas-coitelo de Qi

[editar | editar a fonte]

O profesor Song Jie (宋杰; 宋傑 sòng jié) escribiu nun artigo académico titulado 中国古代货币史; 中國古代貨幣史 zhōng guó gǔ dai huò bì shǐ ("Historia da moeda antiga da China"), que versa sobre o poder adquisitivo contemporáneo dunha moeda coitelo de Qi. Segundo este traballo, durante o final do período dos Reinos Combatentes, un dou (斗) de arroz, equivalente a uns 10 litros, podía mercarse con tres moedas fundidas banliang (半兩 bànliǎng). Cómpre ter en conta que unha moeda-coitelo de Qi tería a equivalencia de sete ou oito destas moedas banliang. Xa que logo, cunha moeda-coitelo de Qi poderíase mercar máis de dous dou ou de 23 a 26 litros de arroz.[15]

Os coitelos de Qi no Museo do Patrimonio de Qi

[editar | editar a fonte]

A maior colección de diñeiro en forma de moedas-coitelo de Qi do mundo atópase no Museo do Patrimonio de Qi (齐文化博物院) en Linzi, Shandong. Este museo está situado no lugar do que unha vez foi a capital do estado de Qi. Todos os obxectos da colección deste museo proceden de escavacións arqueolóxicas.[15][16]

Moeda-coitelo da dinastía Xin

[editar | editar a fonte]
Moeda-coitelo de Wang Mang do 7 d.C, coa inscrición Yi Dao Ping Wu Qian ("un coitelo vale 5000 moedas").

Wang Mang era sobriño da emperatriz viúva Wang Zhengjun. No ano 9 d.C., usurpou o trono e fundou a dinastía Xin. No seu período introduciu varias reformas monetarias que tiveron distintos graos de éxito.[20][21]

Moitas das moedas introducidas durante o reinado de Wang Mang tiñan valores nominais que non reflectían con exactitude o seu valor intrínseco. Como exemplo, unha peza monetaria que podía ter un valor nominal equivalente a 1.000 moedas fundidas Wu Zhu só tiña un valor intrínseco de tres ou catro destas moedas.[22] No seu intento de restaurar as antigas institucións da dinastía Zhou, Wang Mang emitira moitos tipos diferentes de moeda en formas moi diversas.[23]

Debido ao valor nominal irrealmente alto do diñeiro emitido baixo Wang Mang, moitos chineses recorreron a fundir as súas propias moedas, co fin de minimizar as súas perdas. Con todo, como contramedida, Wang Mang emitiu edictos que estipulaban castigos moi severos para quen se demostrase que fundira moedas en privado durante o seu reinado.[22]

A primeira reforma, no ano 7 d.C., mantivo a serie Wu Zhu de moedas en forma de lingote, pero reintroduciu dúas versións da moeda en forma de coitelo:[2] unha coa inscrición 刀平五千 yīdāo píng wǔqiān; ("un coitelo vale 5.000 moedas")[24] e outra coa inscrición 契刀五百 qì dāo wǔbǎi ("coitelo de cincocentos"),[20] en relación á súa equivalencia de 500 moedas fundidas Wu Zhu.[22]

Tesouros de moedas-coitelo

[editar | editar a fonte]
  • En 1960, o xornal Toledo Blade, de Toledo, Ohio, informou de que se apareceran soterradas varias moedas-coitelo datadas no período dos Reinos Combatentes no condado de Luanping, provincia de Hebei. Entre o tesouro tamén había outros obxectos diversos, entre eles enxoval de cociña, ladrillos, tellas, espellos de bronce, doas de ágata e moedas de cobre.[25]
  • No ano 2012, un veciño chinés da provincia de Hebei, ao cavar un pozo no seu xardín, descubriu unha gran colección de moedas-coitelo e de moedas-pa que databan do período dos Reinos Combatentes. O tesouro incluía 98 espécimes de moedas-coitelo e 161 moedas-pa. Trátase do primeiro gran tesouro de moeda chinesa antiga desta época que se desenterrou no condado de Laiyuan, Hebei. As moedas de ambos os tipos deste tesouro foron atribuídas a Yan.[26]
  • O 3 de maio de 2013 informouse de que Liu Jiafu (刘佳富), un veciño de Pingquan, Hebei, descubriu un recipiente de barro soterrado que contiña uns 600 espécimes de moedas-coitelo na aldea de Guangxingdian (广兴店村). Segundo Chang Wen (常文), da Oficina de Protección de Bens Culturais do Condado de Pingquan (平泉县问保所), todas as moedas se correspondían coa tipoloxía Ming, emitidas por Yan.[27][28]
  1. 1 2 Allen, L. (1999). Páxinas 58-59.
  2. 1 2 Andrei, M. (2011). "You should know about Chinese knife money". En SME Science (zmescience.com). 28 de marzo.
  3. 1 2 Hartill, D. (2005). Páxina 53.
  4. Yoo Dal (2009). "National Museum of Korea Opens Permanent Gojoseon Collection". Arirang News (arirang.co.kr). The Korea International Broadcasting Foundation.
  5. "Knife Money". En Chinese Cast Coins (Calgarycoin.com).
  6. "Knife money (401-220 BC)". Numista.com
  7. Hartill, D. (2005). Páxinas 54-58.
  8. Hartill, D. (2005). Páxina 59.
  9. "Pointed-tip knife". Numista.com
  10. 1 2 Hartill, D. (2005). Páxinas 60-62.
  11. "Ming Knife". Numista.com
  12. 1 2 3 Hartill, D. (2005). Páxinas 63-73.
  13. Hartill, D. (2005). Páxinas 74-75.
  14. Hartill, D. (2005). Páxinas 76-78.
  15. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 Ashkenazy, G. "State of Qi Six Character Knife Money". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  16. 1 2 3 4 Ashkenazy, G. "Ancient Chinese Coin Exhibit at the Qi Heritage Museum". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  17. "Chinese knife money". 2 Clicks Coins (2-clicks-coins.com). 5 de outubro de 2023.
  18. Ashkenazy, G. "Knife Money from State of Qi Unearthed in Shandong". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  19. Ashkenazy, G. "State of Qin Silver Banliang Coin". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  20. 1 2 "Wang Mang". En Hartill, D. (2005). Páxinas 86-90
  21. "Coin; knife-money". The British Museum.
  22. 1 2 3 Ashkenazy, G. "Xin Dynasty (7-23)". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  23. "Chinese Cast Coins - Ancient Chinese Coinage 700 BC to 255 BC". En Chinese Cast Coins (Calgarycoin.com).
  24. "Chinese Empire, Xin Dynasty, Wang Mang, Knife Coin (Value 5000)". Money Museum Zurich (Moneymuseum.com).
  25. "Sword-Shaped Coins Of Ancient China Discovered". En Toledo Blade. 21 de setembro de 1960.
  26. Ashkenazy, G. "Knife and Spade Money from State of Yan Unearthed in Hebei". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  27. Ashkenazy, G. "Knife and Spade Money from State of Yan Unearthed in Hebei". Ancient Chinese Charms and Coins (Primaltrek.com)
  28. Zhang Fan (张帆); Yin Xiumin (尹秀敏); Du Ping (杜平) (2013). 河北平泉发现战国时期钱币窖藏. En China News. 3 de maio.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]