Saltar ao contido

Mitoloxía de Mesopotamia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mitoloxía de Mesopotamia
 Instancia de
 Subclase de
Características
 Cultura
 Aspecto de
Localización
 Localización
Wikidata C:Commons
Mapa da Antiga Mesopotamia

A mitoloxía mesopotámica, tamén denominada mitoloxía de Mesopotamia, é o conxunto de mitos, crenzas, textos relixiosos e tradicións literarias das antigas civilizacións de Mesopotamia, principalmente as de Sumer, Acad, Babilonia e Asiria. Estas tradicións desenvolvéronse ao longo de máis de tres milenios na rexión comprendida entre os ríos Tigris e Éufrates, no territorio do actual Iraq e zonas limítrofes.

A maior parte das fontes conservadas proceden de inscricións en táboas de arxila escritas en cuneiforme por escribas. Entre elas figuran himnos, oracións, epopeas, relatos mitolóxicos e outros textos relixiosos, varios dos cales constitúen algunhas das obras literarias máis antigas coñecidas. O seu estudo proporcionou unha valiosa información sobre a relixión, a ideoloxía e a cosmoloxía das sociedades mesopotámicas.

A relixión mesopotámica era politeísta e contaba cun amplo panteón de deuses, deusas, demos e outros seres sobrenaturais asociados ás forzas da natureza e á orde do cosmos. Moitos dos seus relatos exerceron unha notable influencia sobre as tradicións relixiosas e literarias da antiga Asia Occidental. Entre as súas narracións máis coñecidas atópanse os mitos da creación, o descenso de Inanna ao inframundo e os relatos do diluvio, que presentan paralelismos con tradicións posteriores, como a narración bíblica da arca de Noé e o mito grego de Perséfone.

Cosmogonía

[editar | editar a fonte]

A mitoloxía mesopotámica non presenta un único relato da creación, senón diversos mitos elaborados polas distintas culturas que habitaron Mesopotamia ao longo da súa historia. Aínda que estas narracións difiren nos seus detalles e protagonistas, comparten elementos comúns e reflicten unha evolución das tradicións relixiosas sumerias, acadias, babilónicas e asirias.

O relato cosmogónico máis coñecido é o Enūma Eliš, a epopea babilónica da creación. Segundo este mito, o universo existía inicialmente como unha mestura das augas primixenias personificadas en Apsu, representante das augas doces, e Tiamat, representante das augas salgadas. Da súa unión naceron sucesivas xeracións de deuses ata que Marduk derrotou a Tiamat, empregando o seu corpo para crear o ceo e a terra e establecendo a orde do cosmos. Posteriormente creou a humanidade para servir aos deuses e aliviar as súas tarefas.[1]

Outros relatos, como o Atrahasis e a Xénese de Eridu, explican a creación da humanidade e o gran diluvio. Ambos narran que os seres humanos foron creados por intervención divina para asumir os traballos que ata entón realizaban os deuses. Máis adiante, a proliferación da humanidade levou aos deuses a desencadear un diluvio universal, do que só sobreviviu un home xusto —Atrahasis na tradición acadia e Ziusudra na sumeria— grazas á advertencia dunha divindade[1][2].

Epopeas e mitos heroicos

[editar | editar a fonte]

As epopeas e os mitos heroicos ocupan un lugar destacado na literatura mesopotámica e abordan cuestións como a relación entre os seres humanos e os deuses, os límites da mortalidade ou a procura da sabedoría.

A Epopea de Gilgamesh, considerada unha das obras literarias máis antigas que se conservan, narra as aventuras do rei Gilgamesh de Uruk e do seu compañeiro Enkidu. Tras a morte deste último, Gilgamesh emprende unha procura da inmortalidade que remata en fracaso, e acaba aceptando a condición mortal propia do ser humano. A obra, transmitida a través de varias versións ao longo de máis de mil anos, constitúe unha das reflexións máis antigas conservadas sobre o sentido da vida e da morte[3].

Outro relato destacado é o Mito de Adapa, protagonizado por un sabio de Eridu favorecido polo deus Enki cunha sabedoría extraordinaria, aínda que non coa inmortalidade. Tras romper as ás do vento sur, Adapa é chamado a comparecer ante o deus An (Anu). Seguindo o consello de Enki, rexeita o alimento e a auga que alí se lle ofrecen, sen saber que se trataba precisamente do alimento e a auga da inmortalidade, polo que perde a oportunidade de acadar a vida eterna. O relato constitúe unha explicación mítica da orixe da mortalidade humana e presenta paralelismos con outras tradicións posteriores, entre elas o relato bíblico do Paraíso[4].

  1. 1 2 Dalley, Stephanie (1989). Myths from Mesopotamia : creation, the flood, Gilgamesh, and others. Oxford University Press. ISBN 0198143974.
  2. "Mesopotamian religion | Facts, Names, Gods, Temples, & Practices | Britannica". www.britannica.com (en inglés). 2026-06-08. Consultado o 2026-07-30.
  3. David., Coogan, Michael (2013). A reader of ancient Near Eastern texts : sources for the study of the Old Testament. New York: Oxford University Press. ISBN 9780195324921.
  4. Altaweel, Mark (2018). Revolutionizing a world : from small states to universalism in the pre-Islamic Near East. Squitieri, Andrea. London. ISBN 9781911576631.