Mito de Píramo e Tisbe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosaico romano sobre a traxedia de Píramo e Tisbe

O mito de Píramo e Tisbe aparece recollido na obra Metamorfoses de Ovidio. Esta historia conta os tráxicos amores dos protagonistas, que os leva a acabar coa súa vida por amor.

Lenda[editar | editar a fonte]

Píramo e Tisbe eran dous mozos namorados que vivían en casas contiguas. O seu amor non era aceptado polos seus pais e, por iso, apenas podían comunicarse. Pero un día descubriron unha fenda nunha das paredes que comunicaba unha casa coa outra e comezaron a ter conversas a través dela. O tempo pasou e os dous namorados, desexosos de verse, citáronse á beira dunha moreira, algo lonxe das súas casas, para que ninguén soubese da súa partida. Tisbe, ansiosa por ver a Píramo, chegou antes da hora prevista e, mentres o esperaba, apareceu unha leoa que viña de cazar e tiña cheos de sangue os fociños. A rapaza asustouse ó vela e escondeuse con presa para non sufrir dano ningún. Na súa escapada caeulle o veo. A leoa xogou con el e desgarrouno todo, enchéndoo de sangue. Cando Píramo chegou e viu o veo da rapaza esnaquizado e cheo de sangue, pensou que o animal acabara coa vida da xove; colleu a súa espada e, desesperado, cravouna no seu corpo. Cando Tisbe saíu do seu escondedoiro e atopou o corpo sen vida do seu amado, caeu presa da desesperación, colleu a espada de Píramo e atravesou o seu fráxil corpo con ela. O sangue dos dous rapaces tinguiu os froitos da moreira próxima ós seus corpos, que antes eran de cor branca, e dende entón os froitos teñen a cor do sangue.

Versión antiga[editar | editar a fonte]

A versión máis antiga, conta que Píramo e Tisbe se uniran antes de casar e que Tisbe quedou embarazada. Ela, desesperada pola situación na que se atopaba, decidiu acabar coa súa vida. O seu amado, ao que soubo do ocorrido, quitouse tamén a vida. Os deuses decidiron que se transformaran en correntes de auga. Píramo pasou a ser o río homónimo de Cilicia, e Tisbe unha fonte que se vertía nel.

Obra do pintor Waterhouse.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]