Miliaresion

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a moeda romana con denominación latina, ver miliarense.
Exemplar do primeiro miliaresion, emitido por León III (717-741) para celebrar a coroación como coemperador do seu fillo, Constantino V (741-775), coa cruz como única representación. Diámetro: 21 mm. Peso: 2,05 gr.

O miliaresion (en grego: μιλιαρήσιον; en latín: miliarensis), foi a denominación dada a diversas moedas bizantinas de prata. Nun sentido máis específico, o termo refírese á emitida entre os séculos VIII e XI, co valor da doceava parte do sólido de ouro.[1][2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Miliaresion foi orixinariamente a denominación que nas áreas de influencia cultural grega se lle deu á moeda romana de prata coñecida como miliarense, emitida no século IV co valor de 1.000 nummi e o peso de 72 pezas en libra. Desde entón, os bizantinos non volveron utilizar moedas de prata ata o século VII, e nese momento o termo miliaresion pasou a apliocárselles ás moedas do tipo do hexagrama. Non foi ata arredor de 720 cando apareceu un novo tipo de moeda de prata, máis grande e máis delgada que o hexagrama, que foi introducido no sistema monetario bizantino por León III (717-741), co valor da doceava parte do sólido de ouro. Esta é a moeda á que actualmente, no ámbito numismático, se lle atribúe en exclusividade a denominación de miliaresion.[4][5]

O peso teórico co que se instituíu esta moeda era o de 144 pezas por libra (arredor de 2,27 gramos), e no período da dinastía Macedonia no Imperio Bizantino (séculos IX e X) aumentou ata os 3,03 gramos (108 moedas por libra). No primeiro século de cuñaxe desta moeda o seu uso debeuse limitar ao conmemorativo e cerimonial, con motivo do nomeamento o coemperador, e non foi ata o reinado de Teófilo (829-842) cando as súas emisións adquiriron a condición de regulares.[6]

Miliaresion dos coemperadores Constantino VII, Romano I e Constantino (913-959), cuñado en Constantinopla. Anverso: IhSЧS XRI-SτЧS nICA, cruz con tres chanzos e medallón ovalado no centro co busto de Romano. Reverso: + ROmAnO’/COnSτAnτ’/SτЄFAnOS/CЄ COnSτA’/Єn XШ Ь’ R’ en seis liñas,
Miliaresion de Romano III (1028-1034). Anverso: ΟCΗΛΠΙΚΕ ΠΑΝ-ΤΑ ΚΑΤΟΡΘΟΙ; o emperador en pé e de fronte sostendo cruz patriarcal longa cunha man e globo crucífero coa outra. Reverso: +ΠΑΡΘΕΝΕ CΟΙΠΟΛVΑΙΝΕ; a Virxe María tendo no colo o neno Xesús, ambos aureolados.

O modelo no que se inspirou esta nova moeda foi o dírham do mundo árabe, desa mesma época e tamén de prata, co que compartía inicialmente a peculiaridade de carecer de representacións humanas, xa que se limitaba a exhibir a cruz no seu anverso, e lendas co nome e os títulos do emperador no reverso.[7] Xa no século X, o emperador Alexandre III (912-913) introduciu o busto de Cristo no anverso, ao que Romano I (920-944) lle engadiu un busto imperial no centro da cruz. Esta uniformidade concluíu no século XI, cando empezaron a proliferar nestas moedas as imaxes dos emperadores, de Cristo e da Virxe María.[8][9]

No século XI, a penosa situación financeira e militar provocou unha diminución da calidade do miliaresion (particularmente nas décadas de 1070 e de 1080) e emitíronse tamén francións de dous terzos e dun terzo.[10] Despois de 1092, a súa produción foi moi descontinua, aínda que se mantivo como unidade de conta co valor da doceava parte do nomisma, e baixo os Comneno substituíuse por unha moeda de billón con pouca proporción de prata, o aspron, inicialmente co valor dun terzo de miliaresion, aínda que axiña sufriu grandes desvalorizacións. Dalgunha maneira, pódese dicir que o miliaresion foi revivido en forma de basilikon, unha moeda do mesmo valor e similares características métricas que se emitiu a partir de 1300.[11]

O nome deu orixe nas linguas europeas occidentais á denominación de millarés, utilizada inicialmente para aplicar a diversos tipos de moedas de prata do mundo árabe e, posteriormente, ás súas imitacións en Occitania, Cataluña e Italia, entre os séculos XIII e XIV.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alfaro Asins, C. et al. "Miliaresion". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  2. "Miliaresion". En Forum Ancient Coins.
  3. "Miliaresion". En Tipos de moneda bizantina. www.Tesorillo.com
  4. Kazhdan (1991). Páxina 1.373.
  5. Grierson (1999). Páxina 13.
  6. Grierson (1999). Páxina 14.
  7. Miles, G. C. "Byzantine miliaresion and arab dirhem: some notes on their relationship". En Museum Notes (American Numismatic Society). Vol. 9 (1960). pp 189-218
  8. Grierson (1999). Páxina 14-15.
  9. "Representations of the Virgin". En Coinage of the Byzantine Empire.
  10. Grierson (1999). Páxina 15, 44.
  11. Grierson (1999). Páxina 15-16.
  12. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Millarés".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]