Saltar ao contido

Milan Galić

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMilan Galić

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1938 Editar o valor en Wikidata
Zrenjanin Editar o valor en Wikidata
Morte13 de setembro de 2014 Editar o valor en Wikidata (76 anos)
Belgrado, Serbia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNovo Cemitério de Belgrado (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altura173 cm Editar o valor en Wikidata
Peso70 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1958 Editar o valor en Wikidata - 1973 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaIugoslavia
Serbia Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1955–1958 FK Banat Zrenjanin
1958–1966 FK Partizan 148(74)
1966–1970 Standard de Liège 84(33)
1970–1973 Stade de Reims Champagne 55(18)
  Selección nacional Número de eventos xogados
1959–1965   Iugoslavia 51(37)
Participou en
1962Mundial de Fútbol Chile 1962
25 de agosto de 1960Xogos Olímpicos de 1960
xullo de 1960Eurocopa de Fútbol Francia 1960 Editar o valor en Wikidata

FIFA: 174551 UEFA: 36722 WikiTree: Galić-7 Editar o valor en Wikidata

Milan Galić, nado en Bosansko Grahovo (Reino de Iugoslavia) o 8 de marzo de 1938 e finado en Belgrado o 13 de setembro de 2014, foi un futbolista iugoslavo de etnia serbia que xogaba como dianteiro.

Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Partizan, co que gañou catro ligas iugoslavas e acadou a final da Copa de Europa en 1966. É o segundo máximo goleador histórico da selección de Iugoslavia, coa que marcou 37 goles en 51 partidos,[1][2] só un gol menos dos logrados por Stjepan Bobek.[3] Formou parte do equipo iugoslavo que gañou o ouro nos Xogos Olímpicos de 1960 e foi o autor do primeiro gol na historia da Eurocopa.[4]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe e infancia

[editar | editar a fonte]

Naceu o 8 de marzo en 1938 no seo dunha familia serbia de Bosansko Grahovo, localidade que por aquel entón formaba parte da banovina do Vrbas, no Reino de Iugoslavia, e que hoxe é parte do territorio da Federación de Bosnia e Hercegovina, en Bosnia e Hercegovina. Seu pai, campesiño, faleceu dun infarto seis meses antes do nacemento de Milan.[5] En plena segunda guerra mundial as potencias do Eixe lideradas pola Alemaña nazi invadiron Iugoslavia, e Milan, xunto con súa nai e seus irmáns maiores, tiveron que deixar o seu pobo fuxindo dos fascistas húngaros de Voivodina ata terras bosníacas, pero alí a nai foi asasinada polos ustaše croatas.[5] Nos seguintes anos pasou por diferentes orfanatos, coincidindo nun deles con Rale Rasic, tamén futuro futbolista.[5]

Comezou a súa carreira como futbolista no Proleter Zrenjanin, sendo traspasado en 1958 ao Partizan. Militou no conxunto de Belgrado durante as seguintes oito tempadas, gañando a Primeira Liga de Iugoslavia en catro ocasións (1961, 1962, 1963 e 1965). Gañou o seu primeiro título de liga na tempada 1960/61, contribuíndo con 14 goles en 21 partidos. A mellor marca anotadora da súa carreira conseguina na campaña 1962/63, con 16 goles en liga.

Na histórica tempada 1965/66, na que o Partizan se converteu no único club da historia de Iugoslavia en acadar a final da Copa de Europa, Galić tivo que realizar o servizo militar no Exército Popular, polo que só puido disputar cinco partidos de liga e tres na Copa de Europa. Con todo, marcou nos dous primeiros partidos da competición europea contra o Nantes, campión francés, e foi titular na final, disputada contra o Real Madrid no estadio de Heysel de Bruxelas. Formou na dianteira xunto a Pirmajer, Hasanagić e Kovačević, e no minuto 55 o seu equipo adiantouse cun gol de Velibor Vasović, pero finalmente dous tantos de Amancio e Serena déronlle a volta ao marcador.[5]

Standard de Liège e Reims

[editar | editar a fonte]

Trala final perdida da Copa de Europa, deixou a súa terra natal e fichou polo Standard de Liège, co que gañou dúas veces a liga belga ( 1969 e 1970), así como a Copa de Bélxica de 1967. Entre 1970 e 1973 xogou no Reims francés.

Selección iugoslava

[editar | editar a fonte]

Debutou coa selección de Iugoslavia o 31 de maio de 1959, nun partido contra Bulgaria no estadio JNA de Belgrado, e tardou só 27 segundos en marcar o seu primeiro gol.[5]

En 1960 participou na primeira Eurocopa da historia e foi o autor do primeiro gol do torneo, na goleada por 5-4 sobre Francia. Titular na final contra a Unión Soviética no Parque dos Príncipes, formou nunha dianteira que completaban Matuš, Šekularac, Jerković e Kostić. No minuto 43 conseguiu superar cunha cabezada ao histórico gardameta Lev Iashin, pero os soviéticos acabaron remontando e levando a primeira edición da Eurocopa.

Foi convocado por Aleksandar Tirnanić tamén para os Xogos Olímpicos de 1960 e converteuse na grande estrela do torneo, conseguindo marcar nos cinco partidos do seu equipo, incluíndo un triplete contra Bulgaria. Proclamouse así campión e máximo goleador do torneo, aínda que foi expulsado nos últimos minutos da final contra Dinamarca.[6][5]

Participou ademais no Mundial de 1962, contribuíndo con tres goles a que o seu equipo acadase as semifinais. Disputou o seu último partido internacional en outubro de 1965 contra Francia.[7]

Faleceu en Belgrado o 13 de setembro de 2014, aos 76 anos,[8][9] sendo enterrado no Sendeiro de Cidadáns Ilustres do Cemiterio Novo de Belgrado xunto con Mića Orlović, Franjo Mihalić e Borisav Pisić.[10]

  1. "Gone but not forgotten". FIFA (en inglés). 31 de decembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2015. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  2. "Milan Galic - Goals in International Matches". rsssf.org (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  3. "1960 team of the tournament". UEFA (en inglés). 1 de febreiro de 2011. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  4. "Milan Galić". olympedia.org (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Babic, Bojan (9 de febreiro de 2024). "Milan Galic: goles en el orfanato". Panenka (en castelán). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  6. "Olimpijski komitet Srbije uručio priznanja veteranima sporta" (en serbio). 1 de decembro de 2015. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  7. "Milan Galić". football.info (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  8. "Preminuo legendarni Milan Galić" (en serbio). 13 de setembro de 2014. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  9. "Preminuo Milan Galić" (en serbio). 13 de setembro de 2014. Consultado o 26 de outubro de 2024. 
  10. "Mića Orlović". Consultado o 26 de outubro de 2024.