Miguel Loureiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Miguel Loureiro Ameijenda»)
Loureiro
Información persoal
Nome Miguel Loureiro Ameijenda
Nacemento 21 de novembro de 1996
Lugar de nacemento Cerceda
Altura 1,78 m.
Posición Lateral dereito
Información de club
Club actual Huesca
Número 5
Carreira xuvenil
2001–2008 Luis Calvo Sanz
2008–2010 Deportivo da Coruña
2011–2014 Bergantiños
2014–2015 Celta de Vigo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2013–2014 Bergantiños 28 (2)
2015–2016 Pontevedra B 23 (3)
2015–2017 Pontevedra 44 (0)
2017–2019 Córdoba 33 (0)
2019–2021 Andorra 45 (1)
2021–2022 Racing de Ferrol 34 (1)
2022–2023 Lugo 40 (1)
2023– Huesca 21 (2)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 5 de xaneiro de 2024.
editar datos en Wikidata ]

Miguel Loureiro Ameijenda, nado en Cerceda o 21 de novembro de 1996, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito no Huesca, da Segunda División.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Cerceda, formouse como futbolista nas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz do Bergantiños.[1] En 2008 fichouno o Deportivo da Coruña para a súa canteira, pero só puido competir uns meses, ata que unha lesión o afastou dos terreos de xogo durante tres anos.[2] De regreso en Carballo, xogou co equipo xuvenil do Bergantiños na Liga Galega, e o 24 de agosto de 2013, con só 16 anos, debutou co primeiro equipo na Preferente, saíndo de titular nunha vitoria por 2-1 sobre o Atlético de Riveira na Fieiteira Marcou o seu primeiro gol o 1 de decembro, contra o Dumbría.

As súas actuacións espertaron o interese de varios equipos, entre eles o Celta de Vigo, que o incorporou para a súa canteira en xullo de 2014.[3] Xogou no equipo xuvenil celeste, co que foi campión da División de Honra.

En agosto do ano seguinte, o club comunicoulle que non contaba con el, polo que asinou polo Pontevedra CF, para xogar inicialmente no filial, o Pontevedra B, na Primeira Autonómica.[1] Con todo, xa esa tempada comezou a adestrar co primeiro equipo de Luisito, co que disputou os seus primeiros encontros. O seu debut co conxunto granate produciuse na primeira rolda da Copa do Rei, contra o Guijuelo. Xogou ademais sete partidos da Segunda División B co primeiro equipo, seis deles como titular. Na súa segunda tempada converteuse en titular indiscutible do primeiro equipo, co que xogou un total de 37 partidos, todos dende o inicio, e clasificouse para a disputa da promoción de ascenso.

En xullo de 2017 asinou un contrato de tres anos co Córdoba, da Segunda División.[4] Debutou na categoría de prata o 20 de decembro de 2017, nunha goleada por 5-0 sobre o Reus. Militou durante dous anos no club andaluz, perdendo a categoría ao remate da tempada 2018/19, ao rematar na penúltima posición. A continuación rescindiu o seu contrato e fichou polo FC Andorra, da Segunda División B.[5][6] Militou dúas tempadas no club andorrano, disputando un total de 46 partidos e marcando un gol.

En 2021 regresou a Galicia e fichou polo Racing de Ferrol para disputar a tempada inaugural da nova Primeira División RFEF.[7] Indiscutible no once inicial de Cristóbal Parralo, xogou 37 partidos, 36 deles como titular, e clasificouse para a promoción de ascenso, na que o equipo ferrolán caeu ante o Nàstic.[8]

No verán de 2022 fichou polo Lugo, volvendo así á Segunda División.[8] Titular indiscutible para os catro técnicos que pasaron polo banco lugués, foi o xogador de campo máis utilizado da tempada, con 3351 minutos repartidos en 40 encontros. Con todo, non puido evitar o descenso do equipo á Primeira División RFEF.

En xullo de 2023 foi traspasado ao Huesca, continuando así na categoría de prata.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ferreiro, José M. (25 de agosto de 2015). "El lateral Miguel Loureiro ficha por el Pontevedra de Luisito". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  2. Centeno, Alexandre (20 de outubro de 2018). "Miguel Loureiro: «Siento morriña, pero volver no es una prioridad»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  3. "Miguel Loureiro primer fichaje del Juvenil A procedente del Bergantiños" (en castelán). 22 de xullo de 2014. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  4. "Seis fichajes y dos renovaciones para poner caras al nuevo proyecto del CCF" (en castelán). 2 de xullo de 2017. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  5. "Loureiro deja de pertenecer al Córdoba CF" (en castelán). 26 de xuño de 2019. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  6. Rodríguez, Melissa (9 de agosto de 2019). "El cercedense Miguel Loureiro ficha por el Andorra de Piqué". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  7. Quijano, Juan (19 de xuño de 2021). "El Racing ficha a Miguel Loureiro para el puesto de lateral derecho" (en castelán). Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "Miguel Loureiro, produto galego para o lateral do Lugo". Televisión de Galicia. 1 de agosto de 2022. Consultado o 3 de agosto de 2022. 
  9. "El traspaso de Loureiro al descubierto" (en castelán). 6 de xullo de 2023. Consultado o 5 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]