Miguel Jones

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miguel Jones
Información persoal
Nome Miguel Jones Castillo
Nacemento 27 de outubro de 1938
Lugar de nacemento Malabo
Falecemento 8 de abril de 2020
Lugar de falecemento Bilbao
Altura 1,78 m.
Posición Varias
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1956 Barakaldo 15 (4)
1956–1959 Indautxu 56 (24)
1959–1967 Atlético de Madrid 80 (28)
1967–1968 Osasuna 10 (2)
Total 161 (58)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Miguel Jones Castillo, nado en Santa Isabel, Guinea Española, o 27 de outubro de 1938 e finado en Bilbao o 8 de abril de 2020,[1][2][3] foi un futbolista español de orixe ecuatoguineana. De posición polivalente, desenvolveu a maior parte da súa carreira no Atlético de Madrid.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do destacado empresario e político ecuatoguineano Wilwardo Jones Níger e da súa muller Susana,[4] naceu en Guinea Ecuatorial durante a época colonial española, e chegou á Península Ibérica en 1943 cos seus pais e os seus seis irmáns. Instaláronse en Bilbao, cidade na que estudara o seu pai e na que se criou. Estudou en Navarra, no colexio Lekaroz dos Capuchinos e licenciouse en Ciencias Económicas pola Universidade de Deusto.

Seareiro do Athletic Club dende neno,[5] foi descuberto por Ferdinand Daučík mentres xogaba un partido co equipo da súa facultade, fronte a Deusto, onde militaba o fillo do adestrador, Yanko Daučík. O técnico levouno entón ao Athletic Club, co que estivo adestrando un mes e co que chegou a disputar un partido amigable fronte ao Indautxu en xaneiro de 1956.[6] Con todo, a directiva do club rexeitou a súa fichaxe xunto á de Chus Pereda por non seren biscaíños de nacemento.[5][7] Fichou entón polo Barakaldo,[8] co que debutou na Segunda División na campaña 1956/57, compartindo equipo con Telmo Zarra entre outros. En 1957 pasou a xogar no Indautxu de Rafael Iriondo, tamén de Segunda, onde coincidiu con futbolistas como Eusebio Ríos, Isasi ou Chus Pereda. O equipo rematou cuarto esa tempada e terceiro na seguinte, anotando Jones un total de 27 goles.

En 1959 fichou polo Atlético de Madrid baixo a dirección de Daučík e militou durante oito tempadas no equipo madrileño. O seu debut produciuse no Stadium Metropolitano de Madrid o 18 de outubro de 1959 nunha derrota por 0-2 diante do Granada.

Con Vavá e Mendonça como dianteiros estrela do equipo, non tivo apenas oportunidades durante a súa primeira campaña, na que disputou só ese partido de liga. Con todo, foi titular na Copa do Xeneralísimo a partir dos cuartos de final, e na ida das semifinais marcou catro goles na histórica goleada por 8-0 sobre o Elche. Anotou tamén na final que o seu equipo gañou diante do Real Madrid.

Gañou protagonismo no equipo durante os seguintes anos, e na campaña 1961/62 anotou un total de 18 goles, un deles na final da Recopa de Europa que o seu equipo conquistou ante a Fiorentina. O seu bo nivel valeulle a convocatoria de José Villalonga para varios partidos da selección española en 1962, pero nunca chegou a debutar. Futbolista polivalente, xogou tanto como dianteiro centro como centrocampista, interior e incluso defensa central.[5][8] Gañou outras dúas Copas do Xeneralísimo e a liga da tempada 1965/66, con Balmanya no banco. Militou no Atlético durante oito tempadas, acumulando 129 partidos oficiais e 51 goles.

Aínda que en 1967 decidiu retirarse, acabou sendo convencido por Osasuna para disputar con eles unha última campaña na Segunda División. Disputou 10 partidos co club, nos que marcou dous goles, e a continuación colgou definitivamente as botas.[6]

Instalado en Bilbao, foi durante 15 anos directivo do Indautxu, e socio do Athletic Club, sendo un habitual seareiro en San Mamés.[4] Faleceu en Bilbao o 8 de abril de 2020, aos 81 anos por mor dunha pneumonía complicada polo COVID-19.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Muere Miguel Jones, histórico jugador del Atlético de Madrid, a los 81 años". Libertad Digital (en castelán). 8 de abril de 2020. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  2. Gallardo Kuster, Gustavo (8 de abril de 2020). "Muere Miguel Jones a los 81 años" (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  3. "Fallece Miguel Jones, exjugador del Atlético de Madrid en los 60". La Razón (en castelán). EFE. 8 de abril de 2020. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  4. 4,0 4,1 Relaño, Alfredo (12 de abril de 2020). "Miguel Jones, el hijo de Don Wilwardo". El País (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Goikotxeta, Julián (29 de xaneiro de 2011). ""No pude jugar en el Athletic porque en aquella época todos tenían que ser vizcainos"". Deia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2011. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 Corcuera, José Ignacio (1 de maio de 2013). "Jones, el bilbaíno de Fernando Poo que no pudo jugar en el Athletic". Cuadernos de fútbol (en castelán) (43). ISSN 1989-6379. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  7. Jones, Miguel (11 de decembro de 2009). "Da igual que sea blanco, negro o azul". As (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  8. 8,0 8,1 "Balboa, en la senda de Jones". As (en castelán). 2 de xaneiro de 2006. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  9. Rivas, Jon (8 de abril de 2020). "Muere Miguel Jones, héroe colchonero". El País (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022.