Miguel Ángel González Suárez
Miguel Ángel | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Miguel Ángel González Suárez | ||
Nacemento | 24 de decembro de 1947 | ||
Lugar de nacemento | Ourense | ||
Altura | 1,74 m. | ||
Posición | gardameta | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1965–1966 | Couto | ||
1966–1967 | Atlético Ourense | ||
1967–1986 | Real Madrid | 247 | (0) |
1967–1968 | → Castellón | 26 | (0) |
Selección nacional | |||
1975 | España afeccionada | 1 | (0) |
1975–1978 | España | 18 | (0) |
Na rede | |||
![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Miguel Ángel González Suárez, nado en Ourense o 24 de decembro de 1947, é un exfutbolista galego que xogaba de porteiro. Militou durante case dúas décadas no Real Madrid, club co que gañou numerosos títulos de equipo e o Trofeo Zamora na tempada 1975/76. Foi 18 veces internacional coa selección española, coa que disputou os Mundiais de 1978 e 1982.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios[editar | editar a fonte]
A primeira actividade deportiva de Miguel Ángel González foi o balonmán, onde competía como porteiro no equipo do seu colexio, o Cardeal Cisneros. Tamén practicou o baloncesto, pero finalmente debutou como porteiro no AD Couto, un modesto equipo da cidade das Burgas, que en 1966 se transformou no Atlético Ourense, o filial do CD Ourense.
Chegada ao Real Madrid[editar | editar a fonte]
En maio de 1967 foi emprestado ao Celta de Vigo para disputar un partido amigable contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu,[1] pois o gardameta céltico Ibarreche estaba lesionado.[2] Unhas semanas despois foi fichado polo club branco,[3] que xa se interesara por el anteriormente.[2]
Na súa primeira tempada foi cedido ao Castellón, co que debutou na Segunda División o 15 de outubro de 1967, nun partido contra o Calvo Sotelo. Foi titular en tódolos restantes partidos da tempada, na que o equipo acabou descendendo.
Despois desta experiencia regresou ao Real Madrid, ao principio como terceiro porteiro ao carón de Junquera e Betancort como rivais na demarcación. O adestrador daquel tempo, Miguel Muñoz prefería o canario Betancort, de xeito que na campaña 1968/69 só interveu en seis encontros amigábeis, circunstancia que se foi repetindo durante as seguintes seis tempadas, nas que xogou só 41 partidos oficiais.
O brillo[editar | editar a fonte]
Mediada a tempada 1973/74 Miguel Muñoz foi substituído por Luis Molowny e este deulle unha oportunidade ao ourensán, aliñándoo na final da Copa do Xeneralísimo no Estadio Vicente Calderón ante o FC Barcelona. A vitoria foi para o equipo madridista por un rotundo 4-0.
Na campaña seguinte, 1974/75, fíxoe cargo do equipo Miljan Miljanic, e Miguel Ángel pasou a ser titular indiscutible. O iugoslavo aliñouno en corenta encontros, e con el proclamouse campión de Liga e Copa. Esta vez a final gañáronlla ao Atlético de Madrid nos penaltis, logo de rematar o tempo regulamentario cun empate a ceros.
Co Real Madrid Miguel Ángel conseguiu seis Ligas máis e outras dúas Copas de España, ademais de dúas Copas da UEFA, pero ningún máximo título europeo, malia disputar nove Copas de Europa. Ademais, foi dúas veces semifinalista e unha vez finalista deste torneo. A primeira semifinal perdida foi contra o Bayern de Múnic (1977) e a segunda contra o Hamburgo SV (1978). A final disputouna en 1981 contra o Liverpool FC.
Internacionalidade[editar | editar a fonte]
O porteiro ourensán foi internacional coa selección española en 19 ocasións (18 coa selección A e unha coa olímpica), coincidindo na época de José Ángel Iribar. O seu debut como internacional produciuse o 12 de outubro de 1975 no Estadio de Sarrià, ante Dinamarca, substituíndo o lesionado Iribar. Aos poucos foise facendo habitual nas convocatorias de László Kubala, técnico que o levou ao Mundial de 1978 na Arxentina. A súa maxistral actuación ante o Brasil non puido evitar que España non pasase da primeira eliminatoria.
Retirada[editar | editar a fonte]
Retirouse o 30 de xuño de 1986, e pasou a desempeñar diversos cargos deportivos dentro do Real Madrid. Primeiro ocupou o posto de delegado do equipo, máis tarde encargouse da preparación dos porteiros do primeiro equipo durante distintas épocas e, desde finais dos noventa foi director das instalacións de adestramento e competición do club.
En decembro de 2022 anunciou que padecía esclerose lateral amiotrófica.[4]
Palmarés[editar | editar a fonte]
- Real Madrid
- Primeira División (7): 1971/72, 1974/75, 1975/76, 1977/78, 1978/79, 1979/80, 1985/86.
- Copa do Rei (5): 1969/70, 1973/74, 1974/75, 1979/80, 1981/82
- Copa da Liga (1): 1985.
- Copa da UEFA (2): 1984/85, 1985/86.
- Individual
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Real Madrid, 6-Celta, 0". La Noche (en castelán) (14203). 18 de maio de 1967. p. 10. Consultado o 27 de abril de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 "Miguel Ángel, portero del At. Orense, a Madrid". El Pueblo Gallego (en castelán). 17 de maio de 1967. p. 10. Consultado o 27 de abril de 2022.
- ↑ "Si Miguel Angel no ficho en el Celta, es porque nadie se dirigio al club". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de xuño de 1967. p. 18. Consultado o 27 de abril de 2022.
- ↑ "Miguel Ángel, ex portero del Real Madrid, anuncia que padece ELA". Marca (en castelán). 17 de decembro de 2022.