Midríase

A midríase é un aumento do diámetro da pupila debido á contracción do músculo dilatador do iris, cuxas fibras son radiais. A midríase é o efecto contrario á miose.
Fisioloxía
[editar | editar a fonte]A midríase é unha reacción normal á penumbra. Nese caso é bilateral e reactiva (a iluminación dun ollo supón a regresión da midríase de ambos os ollos). Esta reacción (e a súa contraria) necesita a integridade dun circuíto que comprende os seguintes elementos:
- a retina ;
- o nervio oculomotor ;
- as áreas cerebrais da visión ;
- a pupila.
A midríase débese á activación do sistema nervioso simpático ou á inhibición do sistema nervioso parasimpático, por exemplo durante a acción dun colirio de atropina.
Ás veces, a midríase é o signo dun traumatismo cranial ou da órbita ocular (lesión ocular), do esfínter do iris (o músculo responsable do peche da pupila) ou dos nervios que o controlan, que se son danados, xa non permiten ou reducen o reflexo pupilar.
A mellor maneira de medir unha midríase de maneira fiable e obxectiva é utilizar un pupilómetro, que permite medir cunha precisión milimétrica o aumento do diámetro pupilar. Este aparello representa unha axuda preciosa no diagnóstico neurolóxico, especialmente en reanimación e en urxencias, onde unha avaliación rigorosa das variacións pupilares permite detectar rapidamente os danos neurolóxicas graves[1].
A midríase artificial é provocada pola aplicación no ollo dun colirio alfa-mimético. Ese utilízase principalmente para certos exames oftalmolóxicos (como a observación do fondo do ollo).
A midríase é tamén un dos signos que indican unha parada cardiorrespiratoria.
Patoloxía
[editar | editar a fonte]Neuroloxía
[editar | editar a fonte]A midríase arreactiva simétrica (as dúas pupilas están dilatadas e non se contraen coa luz) é un signo de lesión cerebral importante como a que se pode ver despois dunha parada cardiorrespiratoria, mais tamén en certos comas de orixe diversa.
Unha midríase unilateral, caracterízase por unha anisocoria (só afecta un dos ollos). Isto pode indicar un dano nalgunha parte do circuíto descrito antes e pode por veces revelar unha doenza grave (compresión por un tumor, hematoma intracerébral...). Neses casos cómpre facer un diagnóstico especializado.
A observación das pupilas e o test de reflexos pupilares é parte da avaliación do estado neurolóxico do paciente.
Psicoloxía
[editar | editar a fonte]A midríase bilateral é un proceso natural cando non persiste ante unha forte luminosidade ambiental, cando non é patolóxica nin síntoma dunha patoloxía ou dunha abstinencia na toma dun axente químico midriático como certas drogas, alcohol ou certos medicamentos ou tóxicos naturais. Este fenómeno é inconsciente, é dicir, está controlado unicamente polo sistema nervioso autónomo.
Na fisioloxía humana, a midríase aparece principalmente baixo a influencia dunha dor[2], medo ou cando se presta grande atención (nunha persoa en alerta ou nunha situación de perigo ; a midríase permite ao cerebro percibir mellor certos detalles do ambiente). Está asociada a emocións positivas fortes (a midríase pode ser un signo de grande interese por un obxecto ou situación ou dunha atracción por outros, como nas experiencias amorosas).[3][4]
Oftalmoloxía
[editar | editar a fonte]En oftalmoloxía, provócase a midríase para poder efectuar un exame do fondo do ollo co obxectivo de estudar por exemplo a evolución dunha diabetes (retinopatía diabética) ou unha forte miopía (desprendemento de retina).
Midriáticos
[editar | editar a fonte]Un midriático é un axente que induce a dilatación da pupila, por exemplo a atropina (extraída da beladona), a tropicamida, o ciclopentolato ou o sulfato de duboisina.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Couret, David; Boumaza, Delphine; Grisotto, Coline; Triglia, Thibaut (2016-03-13). "Reliability of standard pupillometry practice in neurocritical care: an observational, double-blinded study". Critical Care (Londres, Inglaterra) 20: 99. ISSN 1466-609X. PMC 4828754. PMID 27072310. doi:10.1186/s13054-016-1239-z. Consultado o 2025-04-10.
- ↑ Kramer, J (1930), Bedeutung der sympathischen Reakzionen zur Diagnose des Schmerzes, Berlin.
- ↑ Peele S & Brodsky A (1975) Love and addiction (resumo).
- ↑ Peele S (1975) Love and addiction. Nova York : Taplinger