Michèle de Saint Laurent

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMichèle de Saint Laurent
Biografía
Nacemento9 de decembro de 1926
Fontainebleau, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte11 de xullo de 2003
Lannion, Côtes-d'Armor
Francia Francia
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancesa
EducaciónUniversidade de París
Actividade
Campo de traballoTaxonomía, Carcinoloxía
Ocupacióncarcinólogo , zoóloga Editar o valor em Wikidata
EmpregadorMuseo Nacional de Historia Natural de Francia Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata


Michèle de Saint Laurent, tamén coñecida como Michèle Dechancé, nada o 9 de decembro de 1926 en Fontainebleau, Seine-et-Marne (Illa de Francia) e finada o 11 de xullo de 2003 en Lannion, Côtes-d'Armor, foi unha bióloga francesa especializada en carcinoloxía.[1]

Pasou a maior parte da súa carreira no Muséum national d'Histoire naturelle de París, traballando na sistemática de crustáceos decápodos.

As súas principais achegas foron sobre os cangrexos ermitáns e sobre os Thalassinidea. Codescribiu en 1975 o xénero Neoglyphea,[1] un fósil vivente e, en 1988, creou unha nova superfamilia de crustáceos, a dos enoplometopoideos.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Michèle de Saint Laurent naceu o 9 de decembro de 1926 en Fontainebleau, cerca de París. Seu pai, oficial do exército, retirouse por motivos de mala saúde en 1938, e foi a vivir coa súa familia a Plestin-les-Grèves, na Bretaña; morreu en 1939. Durante a segunda guerra mundial, a nai de Michèle ocultou aviadores británicos dos ocupantes nazis, polo que foi xulgada por un tribunal militar en Alemaña e condenada a prisión, sendo recluída no campo de concentración de Ravensbrück, onde morreu en 1944.[1]

Michèle casou en 1950, tomando o nome de Michèle Dechancé, e a súa filla Odile naceu nese mesmo ano. Estudou bioloxía na Universidade de París (A Sorbona) con Pierre-Paul Grassé, obtendo a súa licenciatura (Diplôme de Licence) en 1954. Comezou os seus traballos de investigación científica antes de licenciarse, durante un período que pasou no Instituto Pasteur baixo a dirección de Robert Deschiens, onde investigou o efecto dos sales de ferro nos moluscos que transmiten a esquistosomíase. O artigo que publicou,[3] fixo que persoal do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, en París, contactase con ela; alí Jacques Forest suxeriulle que estudase as larvas dos cangrexos ermitáns. A partir de 1955, e até 1960, traballou no Centre national de la recherche scientifique (CNRS), no seu laboratorio de Banyuls-sur-Mer. A continuación regresou ao Museo de París.[1]

En 1965, Michèle divorciouse e volveu usar o seu nome de solteira. Retirouse o 1 de outubro de 1992, dividindo o seu tempo entre as súas actividades de investigación que continuou e a pasar temporadas na súa casa na Bretaña. Durante moitos anos sufrira por mor dunha hepatite C e, en 2001, diagnosticáronlle cancro de fígado. Faleceu o 11 de xullo de 2003.[1]

Traballos[editar | editar a fonte]

Neoglyphea inopinata, un fósil vivente dos glifeoideos descrito por Michèle de Saint Laurent e Jacques Forest.

O primeiros traballos de Michèle de Saint Laurent centráronse na sistemática dos cangrexos ermitáns. A finais de 1960 revisou a familia dos pagúridos, describindo varios novos xéneros nuevos. Así mesmo, participou na descrición dos cangrexos ermitáns da expedición do Calypso pola costa atlántica de América do Sur, e estivo a bordo do Jean Charcot e o Thalassa durante varias viaxes científicas.[1]

Tamén investigou sobre outros crustáceos decápodos, particularmente sobre os Thalassinidea, unha das sete infraordes da suborde dos pleociemados, que eran pouco coñecidos porque ningunha das súas especies ten interese comercial. Como resultado deste traballo, foi invitada en 1974 pola Smithsonian Institution para que estudase os talasinideos das súas coleccións. Durante este traballo, mostráronlle un exemplar non identificado polo carcinólogo Fenner A. Chace, Jr. (1908–2004) e que fora capturado na expedición Albatros en 1908.[4] Ela, e Jacques Forest, déronse de conta de que era un parente vivo dos Glypheoidea, unha superfamilia dos astacideos que se cría que estaba extinguida desde o eoceno.[1] Ambos os dous describiron o xénero en 1975, denominándoo Neoglyphea.[1][5]

Os últimos traballos de Michèle de Saint Laurent inclúen unha nova clasificación dos cangrexos (os braquiúros) que implicou o recoñecemento dunha nova sección (Eubrachyura) e tres novas superfamilias (Axioidea, Enoplometopoidea e Retroplumoidea), así como diversos artigos sobre os decápodos que viven nas fontes hidrotermais.[1]

Abreviaturas[editar | editar a fonte]

As abreviaturas de Saint Laurent e de Saint Laurent-Dechancé empréganse para recoñecer a Michèle de Saint Laurent como autoridade na descrición e sistemática en zooloxía.

Xéneros de pagúridos descritos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Obituario por Jacques Forest, orixinalmente publicado en francés como Forest (2004a), e máis tarde publicado na súa tradución inglesa por Gary C. B. Poore como Forest (2004b).
  2. Michèle de Saint Laurent (1988). "Enoplometopoidea, nouvelle superfamille de Crustacés Décapodes Astacidea". Comptes rendus de l'Académie des sciences. III 307: 59–62. 
  3. Dechancé, M. and R. Deschiens (1955): "Action des sels de fer sur les mollusques vecteurs des bilharzioses". Bulletin de la Société de Pathologie exotique 48 (4): 470–473.
  4. Lemaitre (2006)
  5. Forest & de Saint Laurent (1975); Forest et al. (1976).

Citas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]