Mew (Pokémon)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mew (ミュウ Miyuu?) é unha das especies de Pokémon que aparecen na franquía Pokémon, unha serie de videoxogos, anime, mangas, libros, cartas coleccionables e outros medios que foi creada por Satoshi Tajiri e xerou miles de millóns de dólares en beneficios para Nintendo e Game Freak.[1] Está considerado un Pokémon lendario tanto nos videoxogos coma nos mangas e no anime de Pokémon.

O seu creador, o programador de Game Freak Shigeki Morimoto, incluíu a Mew en Pokémon Red e Blue como un personaxe secreto. Isto fixo que a súa presenza estivese envolta de azueiras e lendas que contribuíron ó éxito da franquía Pokémon. Nestes xogos, Mew só se pode conseguir en eventos de distribución de Pokémon.

Mew (ミュー) foi a primeira marca rexistrada de Pokémon en ser solicitada (9 de maio de 1990) e rexistrada (31 de marzo de 1994), mesmo antes que Pocket Monsters (ポケットモンスター), que foi solicitada o 11 de setembro do 1995 e rexistrada o 26 de decembro de 1997.

Mew fixo a súa primeira aparición cinematográfica en Pokémon: The First Movie, que protagoniza xunto con Mewtwo. O filme revelou que un pelo fosilizado de Mew descuberto por un equipo de científicos na selva de Güiana foi empregado para crear a Mewtwo, un clon de Mew mellorado mediante enxeñería xenética. Mew volveu aparecer de novo en Pokémon: Lucario and the Mystery of Mew, onde tamén é un dos personaxes principais, desta volta xunto con Lucario. A trama secundaria do filme xira arredor da misteriosa historia de Mew e como chegou a ser tan poderoso. Un dos protagonistas de Pokémon: The Mastermind of Mirage Pokémon é un Mew espellismo que axuda a Ash e os seus amigos a derrotar o Mirage Master ('Amo dos Espellismos').

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pokémon Franchise Approaches 150 Million Games Sold" (en inglés). Nintendo. PR Newswire. 4 de outubro de 2005. Arquivado dende o orixinal o 26-04-2007. Consultado o 26-08-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]