Mesosoma (artrópodos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Esquema dun escorpión: 1, prosoma; 2, mesosoma; 3, metasoma.
Esquema dun esquizómido: II a VI, apéndices do prosoma; 5 a 11, os once terxitos do opistosoma.
Esquema do abdome dun insecto apócrito. Á esquerda, o mesosoma; á dereita, o metasoma.

Nos artrópodos, en cuxo corpo se distinguen tres partes, o mesosoma é o tagma medio do corpo (ou parte media). As outras dúas son o prosoma e o metasoma (nalgúns, opistosoma). Este tagma leva as patas e, no caso dos insectos alados, as ás.

O termo utilízase normalmente para todos os artrópodos pero, segundo os diferentes grupos, non designa necesariamente a rexións equivalentes desde o punto de vista embriolóxico.

Merostomados[editar | editar a fonte]

Nos merostomados do grupo extinto dos euriptéridos (os chamados escorpións acuáticos), o mesosoma é a parte anterior do opistomoma, situada entre o prosoma e o metasoma, e peresentaba apéndices en forma de escama.[1]

Arácnidos[editar | editar a fonte]

Nos membros da orde dos escorpións (os escorpións terrestres ou alacráns), o mesosoma é a parte anterior, longa, do opistosoma, situada entre o prosoma e o metasoma, e compremnde sete segmentos), que conteñen a maior parte dos órganos internos. No primeiro segmento están os órganos sexuais así como un par de apéndices vestixiais e modificados que forman unha estrutura chamada opérculo xenital ou gonóporo; o segundo segmento leva un par de órganos sensoriais chamados peites e, do terceiro ao sexto, un par de pulmóns en libro cada un.[1] O mesosoma está armado con placas quitinosas, na superficie superior, os terxitos, e na inferior, os esternitos.

Nos da orde dos uropixios, é a parte anterior, longa, do opistosoma, situada entre o prosoma e o metasoma, que comprende sete segmentos e ten dous pares de pulmóns en libro.[1]

Nos da orde dos esquizómidos, é a parte anterior do opistosoma, situada entre o prosoma e o metasoma, e está formado por nove segmentos nun par de pulmóns en libro.[1]

Nos da orde dos palpígrados, é a parte anterior do opistosoma, longa, situada entre o prosoma e o metasoma, a cal comeza por un segmento estreito, denominado pedúnculo.[1]

Insectos[editar | editar a fonte]

Nos himenópteros da suborde dos apócritos (abellas, avespas e formigas), consiste nos tres segmentos torácicos e o primeiro segmento abdominal (ou propodeo).[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Garrido, Carlos (1997).
  2. Charles A. Triplehorn & Norman F. Johnson (2005): Borror and DeLong's introduction to the study of insects Arquivado 25 de decembro de 2016 en Wayback Machine., 7th edition, Thomson Brooks/Cole. ISBN 978-0-0309-6835-8.
  3. Vilhelmsen, Lars, Istvan Miko & Lars Krogmann (2010): "Beyond the wasp‐waist: structural diversity and phylogenetic significance of the mesosoma in apocritan wasps (Insecta: Hymenoptera)". Zoological Journal of the Linnean Society. 159 (1): 22–194.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brusca, R. C. e G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]