Merengue (doce)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Merengues de diferentes cores e sabores.
Madalenas realizadas con merengue e fariña.
Merengues.
Corte de torta de limón con merengue.

O merengue[1] (do francés: meringue, merenda[2]) é un doce tipo crema elaborada con claras de ovo batidas a punto de neve con azucre e cocidas no forno, que adoita empregarse para cubrir ou reencher doces ou para a preparación do doce do mesmo nome (suspiro[3])[4]. O merengue é unha crema moi lixeira e doce, cunha cor branca intensa.

Elaboración[editar | editar a fonte]

Prepárase batendo claras de ovo a punto de neve mesturadas con azucre. O azucre empregado na elaboración do merengue adoita ser glas; ademais poden aromatizarse a mestura con vainilla, coco, améndoas etc. Acostuman empregarse como recheo de tortas ou pasteis. O merengue tamén se pode cociñar. Faise no forno a moi baixa temperatura durante un longo período no caso de merengues brandos e menos tempo e máis temperatura no caso dos duros. O xeito de rematalo é cociñalo até que colla unha tona seca e crocante e fique a miola húmida e zumarenta. Unha volta cociñado non se pode refrixerar, xa que se humedece. O tempo de enfornado dun merengue brando é unha hora a 170 °C e para un duro de 15 minutos a 210 °C.

Na antigüidade comíanse para matar a fame a media tarde. Era costume en partes de Galicia comer merengue despois de comer e antes de cear, pois era un alimento barato e que logo se preparaba.

Chámase punto de merengue ao grao de firmeza que adquire a clara do ovo cando ao batela con azucre triplica o seu volume e presenta unha textura consistente[5].

Historia[editar | editar a fonte]

A teoría ou lenda con máis forza disque foi inventado arredor de 1600 polo pasteleiro italiano Gasparini, residente de Meiringen, vila suíza, de aí o seu nome. Outra teoría di que foi obra dun cociñeiro ao servizo do rei polonés Estanislao I Leszczynski, a partir dunha receita alemá, e que proviría da verba polonesa "marzynka". O que si é seguro é que os primeiros merengues en Francia servíronse en Nancy, da corte dese mesmo rei polonés. A filla de dito rei era moi larpeira e entusiasta desa receita, ao casar con Luís XV, púxoa de moda na corte francesa.

A nova raíña María Antonieta, dona de Luís XVI, gustaba moito dos merengues e dos vacherin (feitos con aneis de merengue ou pasta de améndoas e recheo con xeado ou nata batida), o seu lugar preferido para elaboralos coas súas propias mans era o Petit Trianon (un edificio intependente, agasallado á raíña polo rei, no mesmo Palacio de Versalles).

Na obra española "Arte de Repostería" de 1747 de Juan de la Mata, aparece un capítulo, o 23, dedicado aos merengues, aparecendo o texto a seguir: "Aínda que pequena obra, é cómoda para se valer en caso de necesidade pola presteza coa que se executa e ademais de ser moi boa para adornar, é moi gustosa. Faise do azucre máis selecto".

Até principios do século XIX os merengues moldeábanse cunha culler antes de se meter no forno (suspiros). A actual forma de facelos coa manga foi introducida por Marie-Antoine Carème, cociñeiro galo.

O merengue en Galicia[editar | editar a fonte]

O merengue é un doce común nas pastelarías e confeitarías galegas.

O primeiro rexistro do merengue en lingua galega foi feito por Antonio Fernández Morales en 1861 nos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano[6]: pois si a que colle dúas mamuquiñas gana indulgencias pra muitos días, a que merengues (cousa máis fina) papa, rezando a letanía , fincada no atrio cara pra arriba, ca boca aberta como unha mirla, gana as plenarias pra toda a vida..

A primeira mención nun dicionario galego fíxoa Eladio Rodríguez González en 1958 no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. {{Cita web |url=http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?id=1137020&sinom=0 |título=Nome en Portal das Palabras da [[RAG |data-acceso=08 de outubro de 2014 |urlarquivo=https://web.archive.org/web/20141013142527/http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?id=1137020&sinom=0 |dataarquivo=13 de outubro de 2014 |urlmorta=si }}
  2. Dicionario da RAE coa entrada homónima en castelán: merengue.
  3. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (Galaxia, Vigo) fala dos sospiros como unha "especie de doce que se fai de fariña, azucre e ovo". Coincide tamén co nome portugués do doce
  4. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  5. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  6. Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]