Medina Azahara (banda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Na rede
http://www.medinaazahara.es
Facebook: medinaazahara.es Twitter: MedinaAzahara_ Youtube: UCuqiFef-6Ee3L5iknK49vfw Spotify: 72XPmW6k6HZT6K2BaUUOhl Musicbrainz: 63d38a2c-55dc-4318-9ff4-82d4c265f89f Songkick: 139085 Discogs: 1266979 Editar o valor em Wikidata

Medina Azahara é unha banda de rock española, recoñecida como unha das agrupacións máis emblemáticas do chamado rock andaluz.[1][2] A banda foi fundada en 1979 en Córdoba (Andalucía) por Manuel Martínez (voz), Pablo Rabadán (teclados), Manuel S. Molina (baixo), José Antonio Molina (batería) e Miguel Galán (guitarra). Foron lanzados ao gran público por Rafael Martín Parraga na Feira de Setembro da cidade. O nome da banda alude á cidade califal próxima a Córdoba.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios e década de 1980[editar | editar a fonte]

Axiña tiveron a oportunidade de gravaren o seu primeiro álbum, Medina Azahara, editado en 1979 por CBS. Recolle as influencias da banda, que mesturan o hard rock do estilo de Deep Purple ou Rainbow con trazos propios do rock sinfónico e do rock andaluz de grupos como Triana. De feito, esta banda foi unha das maiores influencias no estilo de Medina Azahara. O disco incluía o éxito Paseando por la mezquita, que se converteu nun himno do grupo, até o punto de o mesmo álbum pasar a ser coñecido con ese nome.[3]

Na mesma liña do disco debut, publicaron en 1981 o seu segundo álbum, La esquina del viento, e en 1982 chegou Andalucía. Porén, a escena do rock andaluz e a súa popularidade comezaban a quedar atrás, coa consecuente diminución comercial. A banda desvinculouse de CBS, malia seguir a súa actividade en directo.

En 1984 saíu da banda Manuel S. Molina e entrou Randy López, antigo baixista de Mezquita. Durante os seus nove anos no grupo, amais, achegou composicións como "Navajas de cartón", "El soldado", "Velocidad", "El destino" e "La guitarra". Pouco despois, Pablo Rabadán abandonou a banda por discrepancias persoais con Miguel Galán, e entrou Antonio Fernández como teclista.

Porta da cidade de Madīnat al-Zahrā, na cal se inspirou o nome da banda

En 1986 o grupo autofinanciou o seu novo álbum, Caravana española. Cun son algo máis próximo ao pop rock, mais sen perder a súa esencia, foi lanzado pola compañía Tuboescape o ano seguinte.

A finais de 1988 Miguel Galán deixou o grupo e Pablo Rabadán regresou aos teclados. En 1989 a banda púxose en contacto co selo discográfico madrileño Avispa Music e co representante Javier Gálvez. En xullo dese ano Paco Ventura uniuse ao grupo como guitarrista e gravan En Al-Hakim, publicado en decembro. A xira do álbum supuxo unha volta a escena cunha formación renovada, xa que entrou no grupo o batería Manuel Reyes.

Década de 1990[editar | editar a fonte]

En 1990 gravaron En directo, un álbum coas súas actuacións en vivo en Leganés (Madrid). O disco resumiu a súa historia musical até o momento. En 1992 editaron Sin tiempo, xa cun novo baixista, José Miguel Fernández. Con dous dos seus sinxelos alcanzaron o ouro e o platino.

O disco Dónde está la luz, de 1993, foi o último co teclista Pablo Rabadán, quen deixa a banda a principios do ano seguinte. Con Alfonso Ortega aos teclados, publícase o dobre CD Árabe en 1995. En 1996 gravaron varios directos co fin de editar un dobre disco en vivo, o segundo da súa historia, e con algúns temas novos, chamado A toda esa gente. A canción que dá título ao álbum está dedicada aos seus seguidores.[4]

En 1998 viu a luz Tánger, un disco que mestura o rock con sons árabes e andalusís. Gravado entre Tánxer e Madrid, nel colaborou a orquestra marroquí de Taktuka Yeblía. Tras a publicación do álbum sae da banda o teclista Alfonso Ortega e entra Manuel Ibáñez como membro de apoio.

En 1999 a discográfica Avispa, coa que o grupo cumpría 10 anos de traballo, editou Baladas, unha recompilación enfocada ao material máis melódico do grupo. As baladas, en efecto, sempre foron un dos puntos fortes da banda. Ao mesmo tempo comezou a gravación dun novo álbum coa colaboración de Manuel Ibáñez aos teclados.[5]

Década de 2000[editar | editar a fonte]

En 2000, coincidindo co 20º aniversario do grupo, sacaron á venda XX, con 14 temas novos, e iniciaron unha xira por España. O ano seguinte a banda lanza Tierra de libertad, con doce novos temas e unha versión de «Ocaso de un amor», tema popularizado polo grupo granadino Realidad en 1971.

O seu seguinte disco, Versión original, incluía versións de temas de Triana, Miguel Ríos, Los Módulos, Flamenco, Los Salvajes e a antedita canción de Realidad, amais de dous temas inéditos. O CD incluía un DVD de entrevistas, actuacións en directo, «making of» e videoclips.

En 2003 editouse un novo traballo, Aixa, que lles valeu dous Premios da Música, ao mellor álbum de rock e á mellor canción con «Córdoba» (en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Córdoba). Tamén inclúe unha versión en castelán de Wind of Change de Scorpions, e a colaboración de Antonio Orozco no tema "El vaivén del aire". Grazas a este disco, que crearon co propósito de homenaxear a súa terra, Córdoba, recibiron o premio de "Cordobeses del año".

En 2005, no 25º aniversario do grupo, Avispa editou un dobre CD+DVD, Medina Azahara, 25 años. Ao mesmo tempo, sacaron un álbum de temas novos, La estación de los sueños.

O ano seguinte a mesma discográfica publicou un novo recompilatorio de CD+DVD con contido extra. Inclúe a canción "Niños" en inglés e catro cancións en versión acústica.

En 2007 finalizou o contrato coa discográfica Avispa e a banda fichou pola empresa PIAS Spain. Con esta publicou Se abre la puerta, unha homenaxe ao rock andaluz da década dos 80, con sete versións do grupo Triana, unha de Alameda e tres da primeira época da propia banda. Neste novo traballo prodúcese o cambio no baixo do grupo: marchou da banda José Miguel Fernández e entrou Pepe Bao, exmembro de Barón Rojo, Triana e O'funk'illo.

En 2008 Avispa editou o CD+DVD ...En escena, gravado durante un concerto en 2004 no festival Viñarock. Ao mesmo tempo, Pepe Bao deixou a banda e entrou no baixo Charly Rivera.

En abril de 2009 o grupo edita Origen y leyenda. Segundo os membros da banda, o título recíbeo por unha canción a modo de resumo dos principais temas da súa traxectoria. O traballo contén un CD con 15 cancións e un DVD que inclúe un videoclip de "Te estoy amando locamente", versión da canción de Las Grecas. Neste participou Carmela, a sobrevivente das dúas irmás que formaban o grupo.

Década de 2010[editar | editar a fonte]

O baixista Juanjo Cobacho nun concerto en Bogotá

En 2010 Medina Azahara realizou unha xira polo continente americano. O mesmo ano o cantante Manuel Martínez colabora co grupo cordobés de metal Estirpe nalgúns anacos de "De guitarra y flor", canción en apoio á candidatura de Córdoba como Capital Europea da Cultura 2016. O tema foi incluído no álbum dixital Querida Contradicción (inéditos, rarezas y versiones), en que tamén colaboraron outros músicos como Bueno Rodríguez e Julio Jiménez de Los Aslándticos.

En abril de 2011 Medina Azahara editou 30 años y la historia continúa. Inclúe un DVD cun concerto de 30 cancións, 2 CD co contido dese concerto e un álbum de estudio con 8 temas novos. Este box set tamén se comercializou en versión abreviada, co disco de estudo só baixo o título de La historia continúa. O disco inclúe, amais, unha versión de "With a Little Help from My Friends" de The Beatles.

O 18 de setembro de 2012 a banda anunciou a través das súas redes sociais que Manu Reyes (batería) e Charly Rivera (baixo) deixaban o grupo. No seu lugar entraron, respectivamente, Nacho Santiago e Juanjo Cobacho, quen formaban parte do proxecto paralelo de La Luz. A finais de outubro publicouse o CD La memoria perdida, cun renovado estilo andaluz e flamenco, sempre presente na identidade do grupo.

En novembro de 2014 saíu o álbum Las puertas del cielo. Realizaron unha xira por Suramérica que os levou por primeira vez a Colombia.[6] En novembro de 2016 publicouse o décimo noveno álbum de estudio da banda, Paraíso prohibido.[7]

O 19 de outubro de 2018 saíu o vixésimo disco do grupo en case corenta anos de carreira, Trece Rosas, con trece cancións. O título fai referencia ás Trece Rosas, trece mozas fusiladas o 5 de agosto de 1939 pola ditadura franquista.[8]

O 26 de setembro de 2019 faleceu Manuel Molina, primeiro baixista da banda.[9]

Compoñentes[editar | editar a fonte]

Formación actual:
  • Manuel Martínez – Voz (1979–presente)
  • Paco Ventura – Guitarra e coros (1989–presente)
  • Álvaro Coronado – Baixo e coros (2021–presente)
  • Manuel Ibáñez – Teclados e coros (1999–presente)
  • Nacho Santiago – Batería (2012–presente)
Antigos membros
  • Miguel Galán – Guitarra (1979–1988)
  • Manuel S. Molina – Baixo (1979–1984) (Falecido en 2019)
  • Randy López – Baixo (1984–1992)
  • José Miguel Fernández – Baixo (1992–2006)
  • Pepe Bao – Baixo (2006–2008)
  • Charly Rivera – Baixo (2008–2012)
  • Jose A. Molina – Batería (1979–1990)
  • Manu Reyes – Batería (1990–2012)
  • Pablo Rabadán – Teclados (1979–1985, 1988–1994)
  • Antonio Fernández – Teclados (1985–1988)
  • Alfonso Ortega – Teclados (1994–1999)

Cronoloxía[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Estudio[editar | editar a fonte]

En directo[editar | editar a fonte]

  • En directo (1990)
  • A toda esa gente (1996)
  • En escena... (2008)
  • 30 años y la historia continúa (2011)

Recompilacións[editar | editar a fonte]

  • Baladas (1999)
  • Versión Original (2002) (CD e DVD)
  • 25 Años (2005) (2 CD + DVD)
  • Marcando el tiempo (2012)

Discos en solitario[editar | editar a fonte]

  • Aventura (Paco Ventura) (1997)
  • En cuerpo y alma (Manuel Martínez) (1998)
  • Sol Navajo (Paco Ventura) (2009)
  • Black Moon (Paco Ventura) (2015)
  • Madre Tierra (Paco Ventura) (2019)
  • Las hojas de otoño (Manuel Martínez) (2019)

VHS e DVD[editar | editar a fonte]

  • En Concierto (1994)
  • En Gira (2001)
  • Versión Original (2002)
  • 25 Años (2005)
  • 30 años y la historia continúa (2011)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Medina Azahara, el máximo exponente del rock andaluz". Rock&Tipo (en castelán). 5 de novembro de 2018. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  2. "Medina Azahara, historia del rock andaluz". La Opinión de Murcia (en castelán) (Prensa Ibérica). 2 de marzo de 2018. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  3. "Biografía – Medina Azahara" (en castelán). Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  4. "Medina Azahara - Dónde Está La Luz". Discogs (en castelán). Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  5. "Medina Azahara - Discografía completa álbumes". Spirit of Metal. Consultado o 1 de setembro de 2022. 
  6. "Medina Azahara at Ozzy Bar in Bogotá, Colombia, March, 27, 2014". Metal Traveller (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2014. 
  7. "Crítica: Medina Azahara - Paraíso prohibido". El Portal del METAL (en castelán). 28 de novembro de 2016. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  8. Díaz, Borja (22 de outubro de 2018). "Crítica de Medina Azahara: Trece Rosas". Mariskal Rock (en castelán). Consultado o 30 de abril de 2020. 
  9. "Fallece Manuel Molina, bajista de Medina Azahara en los tres primeros discos del grupo". Rock Circus. 26 de setembro de 2019. Consultado o 30 de abril de 2020. 
  10. "Así es "Trece Rosas", el último disco de Medina Azahara" (en castelán). 30 de outubro de 2018. Consultado o 13 de novembro de 2018. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]