Medalla Ashanti
Medalla Ashanti | |
---|---|
![]() ![]() Anverso e reverso da medalla Ashanti | |
Outorgada polo Reino Unido. | |
Tipo | Medalla de campaña. |
Elixibilidade | Militares británicos e das colonias. |
Outorgada por | Servizos prestados na campaña. |
Gran mestre | Vitoria do Reino Unido. |
Campaña | Terceira guerra Anglo-Ashanti (1873-1874). |
Estado | ![]() |
Descrición | Medalla de prata ou de bronce; 36 mm de diámetro. |
Broches | "COOMASSIE". "BRASS RIVER". |
Estadísticas | |
Establecida | 1 de xuño de 1874 |
A medalla Ashanti é unha condecoración británica de campaña instituída o 1 de xuño de 1874. Esta medalla concedeuse aos integrantes as forzas armadas nativas británicas, ás coloniais e ás aliadas, baixo o mando do xeneral de división Garnet Wolseley, que se despregaron contra o exército do monarca ashanti Kofi Karikari que ameazaba o Protectorado Británico da Costa de Ouro, no transcurso da terceira guerra Anglo-Ashanti, entre xuño de 1873 e febreiro de 1874.[1]
Entre as forzas participantes nesa contenda estaba un continxente da Mariña Real Británica que superaba os 3.500 efectivos e dous batallóns do Rexemento das Indias Occidentais, así como un batallón dos Royal Welch Fusiliers, outro dos Black Watch e a Brigada de Fusileiros.[2]
Caracterización
[editar | editar a fonte]A condecoración está cuñada na Royal Mint de Londres, nun disco de prata, cun diámetro de 36 milímetros.[3] Coñécense tamén exemplares desta medalla en bronce, con idéntica caracterización.[4][5]
- Anverso: no anverso reprodúcese a cabeza diademada e velada da raíña Vitoria do Reino Unido (1837-1901) ollando cara á esquerda, rodeada pola inscrición VICTORIA REGINA, partida a ambos os lados.[1] O deseño do anverso correspóndelle ao daquela gravador xefe da Royal Mint Leonard Charles Wyon,[2][3][6] cuxa marca de gravador L.C. WYON se aprecia en letras de pequeno tamaño no truncamento do pescozo da raíña.[7]
- Reverso: a escena reproducida no reverso consiste nunha loita entre británicos e guerreiros ashanti na densidade da xungla, representativa da campaña conmemorada. O deseño desta face, obra de Edward Poynter,[6][8] utilizouse tamén posteriormente para os reversos da medalla de África Oriental e Occidental, e da medalla de África Central.[1]
- Canto: no canto de cada exemplar gravouse o nome e a denominación da unidade á que corresponde cada receptor, en letras maiúsculas e con recheo negro, xunto coas datas da campaña 1873-1874.[1][2]
- Cinta: a cinta da que pendura a medalla ten unha anchura de 31,7 milímetros; é de cor amarela con bordos negros e dúas estreitas franxas centrais tamén de cor negra, do mesmo xeito que a medalla de África Oriental e Occidental.[1]
Broches
[editar | editar a fonte]En novembro de 1892 estableceuse a concesión da medalla dotada dun broche coa inscrición COOMASSIE,[9] destinada aos militares que participaron na batalla de Amoaful e na toma de Coomassie (ou Kumasi), a cidade capital da rexión Ashanti, na actual República de Ghana, así como aos que protexeron as liñas de comunicación ao norte do río Pra.[1][2]
O 5 de xullo de 1895, Vitoria determinou conceder novamente a medalla Ashanti nos mesmos termos que en 1874 e en 1892, aos membros da Armada participantes nas operacións do río Brass, en febreiro dese ano, e que non a recibiran anteriormente. Nesta ocasión, a medalla debía estar acompañada por un broche coa inscrición BRASS RIVER, ademais da data.[10]
Por outra banda, aos receptores da medalla Ashanti que con posteriormente acadaron tamén a medalla da África Oriental e Occidental concedéuselles o seu broche correspondente para poder acomodar nel ambas as medallas.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Ashantee Medal 1873-74: Medal". Northeastmedals.co.uk
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Joslin, L; Joslin, S. (1988).
- ↑ 3,0 3,1 Mayo, J. H. (1897). Páxina 398.
- ↑ "Award - Victoria Ashantee Medal; bronze". Numista.com
- ↑ "The Ashantee Medal, granted by the Queen for the Expedition of 1873–74". The Metropolitan Museum of Art (Metmuseum.org).
- ↑ 6,0 6,1 "Award - Victoria Ashantee Medal". Numista.com
- ↑ "Medal - Ashantee Medal 1873-1874, Great Britain, 1874". Museums Vuctoria (Museumsvictoria.com.au).
- ↑ "Ashantee Medal 1873-74: Poynter". Northeastmedals.co.uk
- ↑ Mayo, J. H. (1897). Páxina 399.
- ↑ Mayo, J. H. (1897). Páxina 401.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medalla Ashanti ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Joslin, L; Joslin, S. (1988). British Battles and Medals. Spink, Londresn. Páxinas 149-150.
- Mayo, J. H. (1897). "Ashantee, 1874". En Medals And Decorations Of The British Army And Navy. Vol 2. A. Constable, Westminster. Páxinas 398-402.