Mecistops cataphractus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mecistops cataphractus
Rango fósil: Paleoceno – Recente
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Subfamilia: Crocodylinae
Xénero: Mecistops
Gray, 1844
Especie: M. cataphractus
Nome binomial
Mecistops cataphractus
(Cuvier, 1825)
Área de distribución
Área de distribución

Área de distribución
Sinonimia

Crocodylus cataphractus Cuvier, 1825

O Mecistops cataphractus, xeralmente chamado crocodilo de fociño delgado, é unha especie de crocodilo africano en perigo crítico de extinción. Tradicionalmente era clasificado dentro do xénero Crocodylus, co nome Crocodylus cataphractus, pero recentes estudos de ADN e morfoloxía suxeriron que é mellor clasificalo nun xénero propio, Mecistops.[2][3][4][5]

Descrición[editar | editar a fonte]

Estes crocodilos son nativos de hábitats de auga doce de África central e occidental. Son crocodilos de tamaño medio, normalmente algo máis pequenos que o crocodilo do Nilo, pero son máis grandes que outras varias especies de crocodilianos. Os adultos son tipicamente duns 2,5 m de longo, pero algúns chegaron a 4,2 m.[6][7] Pesan entre 125 e 325 kg.[8][9] Teñen un fociño delgado que usan para capturar as súas presas.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Os crocodilos de fociño delgado teñen unha semellanza superficial co gavial, que tamén ten un fociño delgado, pero pertence a outra familia.

A súa dieta consiste principalmente en peixes, anfibios e crustáceos. Os adultos capturan ocasionalmente mamíferos máis pequenos, serpes acuáticas tartarugas e aves.[1] Esta especie non se encontra normalmente en grupos, excepto durante o comezo da estación reprodutora. As femias constrúen un niño con forma de morea formado principalmente de materia vexetal. Os niños están situados nas ribeiras dos ríos, e a súa construción empeza xeralmente a comezos da estación húmida, aínda que a reprodución é asíncrona incluso entre membros da mesma poboación. Ten unha estación de nidación similar, pero xeralmene máis curta, que o simpátrico crocodilo anano, o cal pode aniñar máis lonxe dos hábitats de ribeira frecuentados por M. cataphractus.

O crocodilo de fociño delgado pon unha media de 16 ovos (mínimo 13, máximo 27) moi grandes en relación co seu tamaño corporal, aproximadamente unha semana despois de completar a construción do niño. O período de incubación é longo comparado co da maioría das especies de crocodilos, e ás veces dura uns 110 días. A femia permanece preto do niño, pero non o defende co mesmo vigor que outras especies de crocodilos. Unha vez que os ovos empezan a eclosionar, e as crías empezan a emitir os seus característios píos, ela abre o niño e axuda no proceso da eclosión. As crías despois espállanse a través do bosque inundado. Aínda que hai perdas de crías por causa dos depredadores (por exemplo, polas tartarugas Trionychidae), estas aparentemente son mínimas, o que posiblemente explica o pequeno número de ovos relativamene grandes que pon a femia e o longo período de incubación. As crías teñen tamén dentes moi agudos para a súa protección. É unha das catro especies de crocodilos africanos; as outras son o crocodilo do Nilo, o crocodilo do deserto e o crocodilo anano.

Status[editar | editar a fonte]

Esta especie coñécese relativamente pouco, xa que se fixeron poucos estudos das poboacións silvestres. En consecuencia, inicialmente foi clasificada como con datos deficientes pola IUCN en 1996. Despois dunha revisión de 2014, cambiouse a clasificación a en perigo crítico.[1] Parece que foi completamente extinguida en varios países onde antes estaba preente e está declinando nos demais.[1] As ameazas que sofre son a caza (pola pel e carne), perda de hábitats, exceso de pesca (xa que se alimenta principalmente de peixes) e molestias xerais (é moi tímido). Hai unha considerable incerteza sobre o tamaño das súas poboacións silvestres, pero estímase que está entre 1 000 e 20 000 exemplares.[1] Esta especie téñena e críana en varios zoos de Europa e Norteamérica, e en Costa do Marfil están considerando comezar un programa de crianza en catividade.[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

As probas xenéticas e morfolóxicas recentes indican que o crocodilo de fociño delgado comprende, en realidade, dúas especies separadas, unha formada pola poboación de África central (Mecistops cataphractus) e a outra polas poboacións de África occidental (aínda non nomeada). A proposta especie do oeste, sería unha das especies de crocodilianos máis ameazadas, e os científicos estimaron que as dúas poboacións se separaron hai de 6,5 a 7,5 millóns de anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Mecistops cataphractus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2014. Consultado o 18 de xaneiro de 2016. 
  2. McAliley, Willis, Ray, White, Brochu & Densmore (2006). Are crocodiles really monophyletic?—Evidence for subdivisions from sequence and morphological data. Molecular Phylogenetics and Evolution 39: 16–32.
  3. Brochu, C. A.; Njau, J.; Blumenschine, R. J.; Densmore, L. D. (2010). "A New Horned Crocodile from the Plio-Pleistocene Hominid Sites at Olduvai Gorge, Tanzania". PLoS ONE 5 (2): e9333. PMC 2827537. PMID 20195356. doi:10.1371/journal.pone.0009333. 
  4. Robert W. Meredith; Evon R. Hekkala; George Amato & John Gatesy (2011). "A phylogenetic hypothesis for Crocodylus (Crocodylia) based on mitochondrial DNA: Evidence for a trans-Atlantic voyage from Africa to the New World". Molecular Phylogenetics and Evolution 60: 183–191. PMID 21459152. doi:10.1016/j.ympev.2011.03.026. 
  5. Brochu, C. A.; Storrs, G. W. (2012). "A giant crocodile from the Plio-Pleistocene of Kenya, the phylogenetic relationships of Neogene African crocodylines, and the antiquity of Crocodylus in Africa". Journal of Vertebrate Paleontology 32 (3): 587. doi:10.1080/02724634.2012.652324. 
  6. WAZA: Crocodylus cataphractus Arquivado 09 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Retrieved 18 de xaneiro de 2016.
  7. Crocodilians, Natural History & Conservation: Crocodylus/Mecistops cataphractus Arquivado 05 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.. Retrieved 18 de xaneiro de 2016.
  8. African Slender-Snouted Crocodile | The Maryland Zoo in Baltimore. Marylandzoo.org. Retrieved on 2014-05-07.
  9. Slender-Snouted Crocodile | San Diego Zoo Animals. Sandiegozoo.org. Retrieved on 2014-05-07.