Mecanización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Engrenaxes envolventes, un dos grandes avances da mecanización que permitiu nos primeiros inventos solucionar problemas de transporte, impulsión, elevación e movemento. O da esquerda conduce o da dereita: as frechas azuis indican as forzas de contacto entre ambas as engrenaxes. A liña de forza ou liña de acción que corre ao longo dunha tanxente común das bases de ambos os círculos. (Nesta situación, non hai forza, e o contacto non é necesario, ao longo da tanxente común oposta que non se amosa).

Mecanización é o uso de máquinas para substituír parcial ou totalmente o traballo humano ou animal. É importante mencionar que a diferenza da automatización que depende totalmente dun operador humano, a mecanización require da participación dunha persoa para proporcionar información ou instrución.[1] Outra acepción fai referencia a todo aquilo que require un poder de movemento e un obxecto suxeito á operación, o cal debese terminarse para que o traballo estea feito.[2]

De cando en vez o concepto de mecanización inclúe tamén as ferramentas de man. No uso moderno do termo utilízase para describir procesos complexos en diversas ramas tales como a enxeñaría ou a economía, nos que xa non fai referencia só á física que substitúe un traballo humano por unha máquina, senón que amplía esta definición á redución de grandes procesos a un máis eficiente que os simplifica. Logo da invención da electrificación, a mecanización deixou de ter como fonte enerxética a forza das persoas e comezou a ser sinónimo de máquinas motorizadas.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros inventos[editar | editar a fonte]

Todo comezou coa invención da roda no 3500 a. C. na civilización sumeria, co fin de facilitar o transporte de obxectos pesados dun lugar a outro, o que permitiu aumentar a eficiencia da construción e diminuír os tempos.[4]

Esquema da vantaxe mecánica que se obtén con diversas poleas compostas.

Logo no ano 220 a. C. Arquímedes inventou a polea composta, o que axudou a levantar obxectos pesados aplicando menor forza.[5]

Máis tarde no ano 871 d.C aparece o documento impreso de data coñecida máis antigo que se conserva, o Sutra do Diamante atopado na cova de Dunhuang.[6] A pesar de que este uso foi un dos primeiros coñecidos, a etapa máis famosa ocorreu en 1440 d.C cando o alemán Johannes Gutenberg inventou a imprenta moderna, cun moi discutido crédito sobre a orixe da invención.[7]

Revolución Industrial[editar | editar a fonte]

Na segunda metade do século XVIII en Gran Bretaña iniciouse un proceso que xerou un punto de inflexión na historia da mecanización, a Revolución Industrial. Neste período, produciuse un cambio radical das tarefas manuais e a tracción animal polas maquinarias para a fabricación industrial e o transporte de mercadorías e pasaxeiros.[8] Ademais a produción tanto agrícola como industrial multiplicouse mentres os tempos nos procesos produtivos foron cada vez menores, o que provocou que a riqueza e a renda per cápita se multiplicasen como nunca antes o fixeran.[8]

O ferrocarril[editar | editar a fonte]

Un ferrocarril alemán en 1895.

Durante este período un dos avances máis importantes foi o ferrocarril, previamente se utilizaba a forza animal para transportar cargas como medio de locomoción, os raís eran de madeira e o uso limitábase ás minas para o transporte do carbón logo en 1801, o parlamento británico deu a primeira concesión para construír un ferrocarril movido por cabalos de 13 quilómetros de lonxitude entre as cidades de Wandsworth e Croydon, cun custo de 60000 libras.[9] Con todo foi en 1821 cando o mesmo parlamento autorizou a primeira liña de ferrocarril a vapor entre Stockon e Darlington. A liña inaugurouse en 1825 tirando de 34 vagóns a unha velocidade media de entre 10 e 12 millas por hora, o xornal The Times describiu a fazaña da seguinte maneira:

Tres máquinas de vapor con cincuenta cabalos de forza cada unha serviron para arrastrar trece vagóns, cargados de mercancías e produtos diversos sobre a altura do plano inclinado que forma a vía. Alí engancháronse os vagóns a unha máquina chamada "A Experiencia" ademais de certo número de vagóns que levaban os accionistas, autoridades e invitados (...) Ponse en marcha e homes a cabalo intentan seguir os vagóns mais pronto quedan distanciados, alí onde a pendente era máis forte o convoy alcanzou as 25 millas/h. (40 km/h).

Logo nos 5 anos seguintes construíronse 23 novas liñas autorizadas polo parlamento inglés, dentro das cales se creou a ruta entre Mánchester e Liverpool, a primeira en ofrecer o servizo de transporte de pasaxeiros.

O barco a vapor[editar | editar a fonte]

O Turbinia, primeiro barco propulsado con turbinas a vapor.

Outro avance tecnolóxico importante foi o barco a vapor. Antes da revolución industrial a tradición naval europea baseábase no control dos ventos como medio de propulsión e a seguridade, máis que a velocidade no mar. Nos comezos do século para cruzar o Atlántico de leste a oeste necesitábanse polo menos dúas ou tres semanas, mentres que de oeste a leste eran suficientes entre 30 e 40 días. Os avances máis grandes viñeron entre os anos 1840 e 1860 coa invención da hélice, baseándose nos primeiros parafusos de Arquímides, o condensador de superficie e a máquina Compound, o que xerou un grande aforro en cantidade de combustíbel e a introdución das caldeiras cilíndricas que permitiron a produción de vapor a alta presión.

Este período da historia universal terminou entre os anos 1820 e 1840, deixando sen dúbida un mundo totalmente diferente ao anterior, produto da súa influencia na economía mundial, os empregos, os plans de educación e os medios de transporte.

O electroimán[editar | editar a fonte]

Foi inventado en 1825 polo electricista británico William Sturgeon, o que foi un primeiro paso para a transmisión de corrente a grande escala. Logo durante a revolución industrial produto da masificación da maquinaria industrial, o electroimán foi utilizado na maioría destes inventos estando presente en practicamente todos.

O Século XX[editar | editar a fonte]

O arco eléctrico é unha demostración da enerxía eléctrica, que foi utilizada para acelerar e permitir unha gran cantidade de mecánicas da época.

En épocas temperás do século XX as máquinas foron desenvolvidas para realizar tarefas máis complexas que requirían habilidades manuais máis precisas. Todo o anterior foi potenciado polo desenvolvemento na condución da electricidade, que puido xerar un avance exponencial en materias de todo tipo, como os armamentos, os aparellos eléctricos, a informática, entre moitos outros, podendo chegar a realizar procesos de manufactura de case todos os bens.

A informática[editar | editar a fonte]

A informática facilitou os traballos repetitivos e monótonos da área administrativa. A automatización deses procesos trouxo como consecuencia directa unha diminución dos custos e un incremento na produtividade. Na informática únense as bases das ciencias da computación, a programación e metodoloxías para o desenvolvemento de software, a arquitectura de computadores, as redes de computadores, a intelixencia artificial e certas cuestións relacionadas coa electrónica. Pódese entender por informática á unión sinérxica de todo este conxunto de disciplinas. Esta disciplina aplícase a numerosas e variadas áreas do coñecemento ou a actividade humana.

Uso militar[editar | editar a fonte]

O termo tamén se usa no contexto militar para referirse ao uso de vehículos de combate que usan tracción de eiruga, particularmente vehículos para o transporte de persoal. A mecanización mellorou de modo espectacular a mobilidade e a capacidade de batalla da infantaría. Nas forzas armadas de países industrializados, toda a infantaría é tipicamente mecanizada, coa posible excepción das forzas aerotransportadas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. [1], Encyclopædia Britannica. Encyclopædia Britannica Online. Encyclopædia Britannica Inc., 2015. Web. 15 may. 2015.
  2. Willis, Robert (1861). Principles of Mechanism: Designed For The Use Of Students In The Universities And For Engineering Students Generally. Londres: John W. Parker. 
  3. Jerome (1934) gives the industry classification of machine tools as being "other than hand power". Beginning with the 1900 U.S. census, power use was part of the definition of a factory, distinguishing it from a workshop.
  4. Encyclopædia Britannica. Encyclopædia Britannica Online.Encyclopædia Britannica Inc., 2015. Web. 15 may. 2015
  5. Historias, VIII, 5ss.
  6. Coll, Juan Carlos (setembro de 2007). "La invención y evolución del dinero en China". Observatorio de la Economía y la Sociedad China (4). Consultado o 15 de agosto de 2010. 
  7. National Geographic. "Gutenberg, el padre de la imprenta". 
  8. 8,0 8,1 Lucas, Robert E. (2003). The Industrial Revolution Past and Future. 
  9. Navarro, Francesc; Salvat, MC; Pérez, Alicia, pag. 69.