McDonnell F-101 Voodoo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
McDonnell F-101 Voodoo
Tipocaza
FabricanteMcDonnell Aircraft
Primeiro voo24 de setembro de 1954
Introducidomaio de 1957
Retirado1984
Principais usuariosUSAF
Real Forza Aérea do Canadá
Unidades construídas807
VariantesMcDonnell CF-101 Voodoo

O McDonnell F-101 Voodoo é un caza supersónico que operaou coa Forza Aérea dos Estados Unidos (USAF) e a Real Forza Aérea do Canadá (RCAF).

Inicialmente deseñado por McDonnell Aircraft Corporation como un escolta de bombardeiros de longo alcance (coñecedo como u caza de penetración) para o Mando Aéreo Estratéxico (SAC) da USAF, o Voodoo foi en cambio desenvolvido como un cazabombardeiro con armas nucleares para o Mando Aéreo Táctico (TAC) da USAF, e como un avión de fotorrecoñecemento baseado na mesma célula. Un F-101A estableceu varios récords mundiais de velocidade para reactores, incluíndo velocidade aerodinámica máis rápida, acadando os 1 943,4 km/h o 12 de decembro de 1957. O avión operou no rol de recoñecemento ata 1979.

Atrasos no proxecto de interceptor de 1954 conduciron a demandas dun deseño de avión interceptor provisional, un rol que finalmente foi gañado polo modelo B do Voodoo. Isto requiría amplas modificacións para engadir un gran radar no morro do avión, un segundo tripulante para operalo, e unha nova bodega de armas que usaba unha porta xiratoria e que podía levar catro mísiles AIM-4 Falcon ou dous foguetes AIR-2 Genie ocultos na fuselaxe. O F-101B entrou en servizo co Mando de Defensa Aérea da USAF en 1959 e coa Real Forza Aérea do Canadá en 1961. Os avións estadounidenses pasaron á Garda Nacional operando ata 1982. Os exemplares canadenses estiveron en servizo ata o ano 1984.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A carreira do Voodoo como cazabombardeiro foi relativamente breve, pero as versións de recoñecemento operaron durante moito tempo. Xunto cos Lockheed U-2 da USAF e os Vought RF-8 Crusader da Armada, a variante RF-101 de recoñecemento do Voodoo foi instrumental durante a crise dos mísiles de Cuba e foi amplamente usado na guerra de Vietnam.[1] Como interceptor operou coa Garda Aérea Nacional ata 1982, e no Canadá foron parte da primeira liña do NORAD ata que foron substituídos polo CF-18 Hornet nos anos 80.

Aínda que o Voodoo tivo un éxito moderado, pode ter sido máis importante como un paso evolutivo cara ao seu substituto en moitos roles, o F-4 Phantom II, un dos deseños occidentais dos 50 máis exitosos. O Phantom mantería os dous motores, dous tripulantes para tarefas de intercepción, e unha cola montada moi por detrás e por riba da saída de gases do motor, aínda que era unha evolución do F3H Demon, mentres que o Voodoo desenvolveuse a partir do anterior XF-88 Voodoo.

Deseño inicial[editar | editar a fonte]

F-101B Voodoo

O deseño inicial do que finalmente se convertería no Voodoo comezou xusto despois da segunda guerra mundial en resposta a unha competición da USAAF para un caza de penetración en 1946. Esta pedía un caza de longo alcance e alto rendemento para escoltar unha nova xeración de bombardeiros, así como fixera o North American P-51 Mustang cos Boeing B-17 Flying Fortress e Consolidated B-24 Liberator na segunda guerra mundial. Varias compañías responderon con deseños, e a Forza Aérea proporcionou fondos a varias delas para producir prototipos.

Tras ser premiada cun contrato (AC-14582) o 14 de febreiro de 1947, McDonnell fabricou dous prototipos, designados XF-88 Voodoo.[2] O primeiro deles (número de serie 46-6525), impulsado por dous turborreactores Westinghouse XJ34-WE-13 de 13,3 kN, voou por primeira vez o 20 de outubro de 1948.[3] As probas preliminares revelaron que aínda que o alcance e o manexo eran axeitados, a velocidade máxima era duns decepcionantes 1 032 km/h a nivel do mar. Tras equipar ao segundo prototipo con posqueimadores deseñados por McDonnell, o pulo aumentou ata os 16,1 kN co correspondente incremento na súa velocidade máxima, e no ritmo de trepada, e redución na distancia de engalaxe. O consumo de combustible incrementouse considerablemente polo uso dos posqueimadores reducindo o alcance.

Aínda que o XF-88 gañou a competición "fly-off" contra os Lockheed XF-90 e North American YF-93, a detonación da primeira arma nuclear da Unión Soviética fixo que a USAF (creada en 1947) re-avaliase as súas necesidades de cazas, sendo os interceptores máis importantes ereducindo a prioridade dos escoltas de bombardeiros, rematando así co programa de caza de penetración en 1950.[4] Porén, as análises das misións na Guerra de Corea revelaron que os bombardeiros estratéxicos da USAF eran vulnerables aos interceptores. En 1951 a USAF publicou un novo requisito para un escolta de bombardeiros emitindo os principais construtores estadounidenses os seus deseños. O de McDonnell era unha versión máis grande e máis potente do XF-88 e gañou o concurso en maio de 1951. O F-88 foi redesignado F-101 Voodoo en novembro de 1951.[5]

Cambios de deseño para novos motores[editar | editar a fonte]

O novo deseño era considerablemente máis grande, levaba tres veces máis combustible e foi deseñado ao redor dos máis potentes turborreactores Pratt & Whitney J57.[6] As maiores dimensións dos J57 precisaban de modificacións na baía dos motores, e nas entradas de aire para permitir un maior fluxo de aire cara aos motores. As novas entradas deseñáronse tamén para que fosen máis eficientes a altos números Mach. Co obxectivo de aumentar a eficiencia aerodinámica, reducir o peso estrutural e aliviar os fenómenos de cabeceo identificados nas probas do Douglas D-558-2 Skyrocket, un avión cunha configuración de superficies de control semellante á do XF-88, a cola horizontal situouse na parte de arriba da deriva, dándolle ao F-101 a súa característica cola en T. A finais de 1952 a misión do F-101 cambiou de "caza de penetración" a "caza estratéxico", o que implicaba o mesmo énfase na misión de escolta de bombardeiros que na de lanzamento de armas nucleares. A nova maqueta do Voodoo cos novos cambios foi inspeccionada por oficiais da Forza Aérea en marzo de 1953.[7] O deseño foi aprovado e realizouse un pedido inicial por 29 F-101A o 28 de maio de 1953 sen que se precisasen prototipos, xa que o F-101 era considerado un desenvolvemento do XF-88[8] coa política de produción Cook-Cragie, segundo a cal a produción de baixo ritmo inicial sería usada para realizar probas sen a necesidade de prototipos.[9][10]

Produción[editar | editar a fonte]

O F-101A co número de serie 53-2418 foi o primeiro avión de produción; o seu voo de estrea foi o 29 de setembro de 1954 na base de Edwards alcanzando unha velocidade de Mach 0,9 (960 km/h) a 11 000 m.[11] Este avión, que é de propiedade privada, foi trasladado ao centro de mantemento Evergreen en Marana, Arizona, onde foi restaurado, e no presente atópase exposto no Evergreen Aviation & Space Museum en McMinnville, Oregón.[12] Anteriormente estivo no Pueblo Weisbrod Aircraft Museum.

O fin da guerra de Corea e o desenvolvemento do reactor Boeing B-52 Stratofortress negou a necesidade de cazas de escolta e o Mando Aéreo Estratéxico retirouse do programa.

A pesar da perda de interese do SAC, o avión chamou a atención do Mando Aéreo Táctico (TAC), e o F-101 foi reconfigurado como cazabombardeiro, co obxectivo de levar unha única arma nuclear para usar contra obxectivos tácticos como aeródromos. Co apoio do TAC, as probas reiniciáronse, comezando as probas de voo de categoría II a principios de 1955. Identificáronse varios problemas durante o desenvolvemento, arranxándose moitos deles. O avión tiña unha perigosa tendencia cara a un cabeceo severo a altos ángulos de ataque que nunca foi resolta totalmente.[13] Entre 1955 e 1956 realizáronse unhas 2 300 melloras antes de que reiniciase a produción en novembro de 1956.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "RF-101 Voodoo". www.globalsecurity.org. Consultado o 2022-04-20. 
  2. Francillon 1979, pp. 460-461
  3. Angelucci e Bowers 1987, p. 304
  4. Dorr e Donald 1990, pp. 146, 148
  5. Peacock 1985, p. 76
  6. Francillon 1979, p. 538
  7. Knaack 1978, pp. 137-138
  8. Francillon 1979, p. 539
  9. Peacock 1985, p. 78
  10. Knaack 1982, p. 136
  11. Francillon (1990), p. 141
  12. "New Artifact: McDonnell F-101A Voodoo". Evergreen Aviation & Space Museum. 2014-05-18. Archived from the original on 18 de maio de 2014. Consultado o 2022-04-21. 
  13. Dorr 1995, p. 172

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorr, Robert F., e David Donald. Fighters of the United States Air Force. Londres: Temple Press/Aerospace, 1990. ISBN 0-600-55094-X.
  • Francillon, René J. McDonnell Douglas Aircraft since 1920 (Vol. II). Londres: Putnam, 1990. (2nd ed.) ISBN 978-0-85177-828-0.
  • Francillon, PhD., René J. "It's Witchcraft: McDonnell's F-101 Voodoo". Airpower, Vol. 10, no. 3, maio de 1980.