Mauritz Håkan Björnström-Steffansson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mauritz Håkan Björnström-Steffansson
Nacemento9 de novembro de 1883
Lugar de nacementoÖsterfärnebo
Falecemento21 de abril de 1962 e 21 de maio de 1962
Lugar de falecementoManhattan
CausaIctus
NacionalidadeSuecia
Ocupaciónempresario
editar datos en Wikidata ]

Mauritz Håkan Björnström-Steffansson, tamén coñecido como Hokan B. Steffanson, nado en Österfärnebo, Suecia, o 9 de novembro de 1883 e finado o 21 de maio de 1962, era un empresario sueco que sobreviviu ao afundimento do RMS Titanic en 1912. A comezos de 1913, Steffansson interpuxo a maior demanda compensatoria contra a White Star Line, pola perda dun só obxecto ou equipaxe no desastre do transatlántico.[1]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Mauritz Håkan era fillo de Erik Samuel Steffansson e Berta Maria Björnström. O seu pai foi pioneiro na industria sueca da polpa de madeira. Logo de estudar enxeñaría no Instituto de Tecnoloxía de Estocolmo, Steffansson foi premiado polo goberno sueco cunha bolsa para continuar os seus estudos en Washington, D.C..[2]

O Titanic[editar | editar a fonte]

Testemuña de Hugh Woolner[editar | editar a fonte]

O 10 de abril de 1912, Steffansson comprou unha pasaxe de primeira clase (nº 110564, £26 11s) e embarcou no Titanic en Southampton.[3] Segundo a testemuña de Hugh Woolner na Corte do Senado dos Estados Unidos tralo desastre, el e Steffansson estaban fumando na sala de fumadores de primeira clase no momento do impacto co iceberg. Tras poñerse os seus chalecos salvavidas, os dous homes foron á cuberta e axudaron aos membros da tripulación a encher os botes con mulleres e nenos, no que nun comezo pensaban era só un exercicio de precaución.

Copia da pintura La Circassienne au Bain que Steffansson perdeu no RMS Titanic en 1912.

Unha vez os pasaxeiros entenderon a seriedade da situación, Woolner contou un incidente polo cal el e Steffansson axudaron á tripulación a sacar dos botes a un certo número de homes, que embarcaron forzosamente no bote C, antes que as mulleres e os nenos. Woolner confirmou que cando todos os botes foron baixados do barco, momentos antes de que o barco se fora a pique, el e Steffansson tiveron a oportunidade de saltar desde a cuberta A, a un espazo baleiro que había no bote plegable D, o último que abandonou o barco. Woolner e Steffansson recolleron a outro home da auga e xuntos, axudaron a remar lonxe do barco.[4]

Comité de premios[editar | editar a fonte]

Tralo desastre, Steffansson foi membro do comité de sobreviventes formado para entregar as medallas e trofeo ao capitán, oficiais e tripulación do RMS Carpathia, primeiro barco en acudir ao rescate dos pasaxeiros do Titanic.[5]

Reclamación pola perda da pintura[editar | editar a fonte]

Artigo principal: La Circassienne au Bain.

As demandas de compensacións enviadas ao comisionado estadounidense Gilchrist en Nova York en xaneiro de 1913, incluían unha reclamación Björnström-Steffansson por valor de 100.000 dólares (2.4 millóns de dólares en 2014) en compensación pola perda de La Circassienne au Bain, unha gran pintura neoclásica pintada polo francés Merry-Joseph Blondel. A demanda foi a de maior valor pola perda dun só obxecto ou equipaxe de todas as realizadas contra a White Star Line pola perda do Titanic.[1]

Despois do Titanic[editar | editar a fonte]

En 1917 Steffansson casou con Mary Pinchot Eno, a quen coñeceu grazas a outra pasaxeira do Titanic, Helen Churchill Candee. Na década de 1920, Steffansson fixo unha gran fortuna pola compra de varios intereses na industria papeleira e de polpa do Canadá e propiedades. Tamén foi responsable polo desenvolvemento de hoteis e apartamentos en varias propiedades na area de Park Avenue en Nova York. Retirouse en 1930.

Mary Björnström-Steffansson finou en 1953 e no momento da morte de Mauritz Håkan en maio de 1962, a súa casa na rúa East 57th era unha das poucas casas privadas da illa de Manhattan. Como non tiveron fillos, a fortuna de Steffansson foi herdada polo seu sobriño Thord Steffansson.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 New York Times, Thursday 16 January 1913, Titanic Survivors Asking $6,000,000.
  2. 2,0 2,1 New York Times, Wednesday 23 May 1962, Obituary
  3. Contract Ticket Office, White Star Line, 1912 ( National Archives, New York, NRAN-21-SDNYCIVCAS-55(27a)
  4. United States Senate Inquiry Into the Sinking of the RMS Titanic, Hugh Woolner's testimony, Day 10, Monday 29 April 1912.
  5. New York Times, Thursday 30 May 1912, Titanic survivors honour Captain Rostron

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]