Matilde Pérez Palacio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMatilde Pérez Palacio
Biografía
Nacemento8 de setembro de 1913 Editar o valor em Wikidata
Lima, Perú Editar o valor em Wikidata
Morte16 de agosto de 1992 Editar o valor em Wikidata (78 anos)
Member of the Senate of Peru (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePerú Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica Editar o valor em Wikidata
Partido políticoAção Popular (Peru) (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

Matilde Pérez Palacio Carranza, nada en Lima o 8 de setembro de 1913 e finada o 16 de agosto de 1992, foi unha política acciopopulista, sufraxista, deputada peruana, historiadora, docente universitaria, xeógrafa e avogada. Estudou na Pontificia Universidade Católica do Perú (PCUP) da cal posteriormente foi catedrática. Pertence á primeira xeración de mulleres parlamentarias peruanas, sendo elixida no ano 1956. Na súa traxectoría como política defendeu activamente os dereitos dos nenos, dos anciáns e das mulleres. Así mesmo, conseguiu grandes logros no ámbito do xornalismo, como o recoñecemento oficial da carreira xornalística.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Enrique Pérez Palacio e Matilde Carranza Valez. Estudou no Colexio Sacros Corazóns de Belén, onde coñeceu ao que consideraría o seu mentor no terreo espiritual e máis no académico, o sacerdote Jorge Dintilhac, que lle impartiría clase durante os 2 últimos anos de colexio e máis adiante na universidade.[1][2] [3] No ano 1933 obtivo o diploma de contadora mercantil. Graduouse de Bacharel en Filosofía, Historia e Letras no 1934 e doutorouse en Historia e Xeografía no 1936 na Pontificia Universidade Católica do Perú (PCUP). Así mesmo, obtivo o bacharel en Xurisprudencia no 1939, coa tese A delincuencia infantil e a asistencia xurídica debida ao menor. Tamén logrou o título de avogada no 1941 e o grao de doutora en Pedagoxía no 1942.[1][2]

Fachada do Colexio Sacros Corazóns de Belén en Lima onde estudou Matilde

A súa vida laboral estivo principalmente orientada cara a docencia, a que lle outorgaba vital importancia, a súa maior preocupación foi aumentar o nivel cultural das mulleres. Foi profesora de Historia e Xeografía do Colexio de Belén no 1936 e do Colexio Nacional de Mulleres Rosa de Santa María. Ademais, alcanzou a posto de secretaria do Comité Organizador da Acción Católica da Mocidade Feminina e de directora do Instituto Feminino de Estudos Superiores entre o 1941 e o 1970. Así mesmo foi directora e fundadora da Escola de Xornalismo da Universidade Católica do Perú entre 1945 e 1972. Na mencionada universidade rexentou as cátedras de Historia do Perú, Dereito e Socioloxía.[1][2]

No ano 1941, participou na III Asemblea Panamericana de Xeografía e Historia, onde defendeu unha síntese da obra realizada polo seu avó, o doutor Luís Carranza, quen foi Deputado (1868-1874) e Senador por Ayacucho (1886-1895), Un xeógrafo peruano e proxección da súa obra.[1][2]

Do mesmo xeito acadou outros postos de gran relevancia como a vicepresidencia da Federación Internacional de Avogados, a presidencia do INABIF (Programa Integral Nacional para o Benestar Familiar), a presidencia da Unión Latinoamericana de Prensa Católica entre os anos 1959 e 1962 e integrou a representación da UNESCO no Perú. Tamén foi membro do Consello Directivo do Colexio de Periodistas do Perú.[1][2]

Deputada[editar | editar a fonte]

Foi elixida deputada por Lima pola Fronte Nacional de Mocidades Democráticas (FNMD) nas primeiras eleccións peruanas que permitiron a participación feminina (1956), obtendo un total de 90 592 votos.[2][4] Co partido político Acción Popular, sucesor do FNMD, foi reelixida deputada en 1963.[5] Así mesmo, logrou ser elixida senadora nas eleccións xerais de 1962 que foron anuladas polo goberno militar polo que nunca chegou a tomar posesión do devandito cargo.[6] Impulsou proxectos para protección de nais solteiras e nenos desamparados, promovendo reformas lexislativas consecuentemente, como por exemplo o Código de Menores (Lei N° 15215). Tamén apoiou a Lei de Recoñecemento Legal da Carreira Xornalística (Lei N° 15630) do ano 1965, xestionou a primeira Lei de Dereitos de Autor (1961) e realizou o primeiro censo de anciáns desamparados no 1981 .[2]

Legado[editar | editar a fonte]

Debido a gran labor que levou acabo polos nenos e nenas máis desfavorecidos e a súa etapa como directora do INABIF, esta institución, dependente do Ministerio da Muller e de Poboacións Vulnerables (MIMP), decidiu, no 2009, poñerlle o seu nome a un Centro de Atención Residencial (CAR) que acababan de construír. Este localízase no distrito de San Miguel en Lima e no 2019 prestaba servizos a un total de 88 rapaces con discapacidade moderada ou severa en situación de abandono e/ou risco social.[7][8]

Así mesmo, o Colexio de Xornalistas do Perú, do que Matilde foi membro do Consello Directivo, en setembro do ano 2020 nomeou a un ciclo de conferencias "Matilde Pérez Palacio Carranza" na súa honra, polos loita e os logros que acadou defendendo o xornalismo.[9]

Distincións e condecoracións[editar | editar a fonte]

  • PER Order of the Sun of Peru - Grand Officer BAR Grande Oficial da Orde do Sol do Perú (19 de xullo de 1985)[10]
  • Orden de las Palmas Magistrales (Peru) - ribbon bar Orde das Palmas Maxisteriais[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Primeras Congresistas: Matilde Pérez Palacio Carranza". Congreso de la República. p. 28. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Primeras Mujeres Parlamentarias 1956-1962". Congreso de la República. 
  3. Magally Alegre Henderson (2018). #10cosas: Conoce a Matilde Peréz Palacio, primera abogada PUCP. Pontificia Universidad Católica del Perú. 
  4. Mendoza Michilot, Thelmy María del Carmen (2015-05-18). La comunidad política en el siglo XX y el rol del periodismo escrito en la producción de significados (Tese Mestrado en Socioloxía). Pontificia Universidad Católica del Perú. p. 140. 
  5. "DIPUTADOS 1963-1968" (PDF). Blog PUCP. 
  6. "Matilde Pérez Palacio: Centenario de la primera diputada por Lima" (en Castelán). Lima, Perú. 6 de setembro de 2013. Consultado o 29 de xuño de 2021. 
  7. "CAR MATILDE PÉREZ PALACIO CUMPLIÓ 4 AÑOS AL SERVICIO DE LAS NIÑAS, NIÑOS Y ADOLESCENTES CON DISCAPACIDAD SEVERA". Gobierno del Perú. 9 de xullo de 2013. 
  8. "INABIF CELEBRÓ 10 AÑOS DE CREACIÓN DEL CAR MATILDE PÉREZ PALACIO". Goberno del Perú. 8 de xullo de 2019. 
  9. "Ciclo de Conferencias: "Matilde Pérez Palacio Carranza"". Colegio de Periodistas del Perú. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2021. Consultado o 30 de xuño de 2021. 
  10. "Condecorados: Orden El Sol del Perú" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09/10/2022. Consultado o 29/06/2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]