Mateu, embaixador de Etiopía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mateo, embaixador de Etiopía»)
Infotaula de personaMateu, embaixador de Etiopía
Biografía
Nacementoséculo XV Editar o valor em Wikidata
Morte1520 Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndiplomático Editar o valor em Wikidata

Mateu, ou Mateus, e tamén Mateu o Armenio foi un embaixador etíope enviado pola raíña rexente Eleni de Etiopía ao rei Manuel I de Portugal e ao papa, en procura dunha coalición que axudase ante a ameaza crecente que para Etiopía era a cada vez maior influencia otomá na rexión, co consello de Pêro da Covilhã. Mateu chegou a Goa en 1512, e viaxou a Portugal en 1514, desde onde regresou cunha embaixada portuguesa, xunto con Francisco Álvares. Os portugueses só entenderon a natureza da súa misión despois chegaren a Etiopía en 1520, pouco despois da morte de Mateu, un feito que complicou a misión portuguesa co novo emperador de Etiopía.[1]

Embaixada de Mateu a Portugal[editar | editar a fonte]

Mateu foi despachado pola raíña rexente Eleni tras a chegada de dous portugueses a Etiopía en busca de Pêro da Covilhã en 1508. Estes emisarios, incluíndo p padre João Gomes, Xoán Sanches, e Sid Mohamed foron enviados por Tristão da Cunha en 1506. Como non lograron atravesar Malindi, volveron para Socotra, de onde Afonso de Albuquerque levalos ata Filuk. Desois foron a Shewa, Etiopía.[2] Finalmente morreron ou desapareceron na viaxe de regreso. Mateu, de orixe armenia, foi enviado aos portugués vía India cunha carta moi devota de Eleni ao rei Manuel I de Portugal e un anaco da Verdadeira Cruz. Viaxou coa súa esposa, cuñados e servos.[3][4]

Despois de ser roubado en Zaila e detido en Bijapur, Mateu chegou a Dabul, e foi recibido en Goa en decembro de 1512 con grande honra polo gobernador portugués Afonso de Albuquerque, como un enviado do "Preste Xoán", tanto tempo buscado. O rei Manuel I de Portugal anunciou a súa chegada ao papa León X en 1513. A pesar de que Mateus afrontou o receo dalgúns dos rivais de Albuquerque, que tentaron probar que era un impostor ou espía musulmán, foi enviado por Albuquerque a Cananor, e desde alí a Portugal. Mateu chegou a Lisboa en febreiro de 1514. Alí, os seus informes, a carta da raíña Eleni e o anco da cruz foron moi admirados polo rei e a súa comitiva.[5][6] Mentres Mateu estaba en Portugal, Albuquerque avanzou nun intento de tomar Adén, e unha expedición ao Mar Vermello, e sospéitase que a idea de que Massawa puidese devir nunha base portuguesa, puido estar influenciada por informes de Mateu.[3] Damião de Góis traduciu ao latín un opúsculo portugués sobre a embaixada etíope de Mateu, o cal tamén incluíu a famosa "carta do Preste Xoán" escrita pola raíña Eleni (1509) e unha "Confessio illorum fidei".

Regreso a Etiopía coa embaixada portuguesa[editar | editar a fonte]

En 1515 o rei Manuel contestou cunha embaixada para acompañar Mateu a Etiopía. A misión foi encabezada por Duarte Galvão e incluíu o padre Francisco Álvares, con ricos agasallos para o rei de Etiopía. Navegaron desde Lisboa ata Goa en 7 de abril de 1515, co quen ía ser o novo gobernador, Lopo Soares de Albergaria. Desde Goa, partiu unha frota para o Mar Vermello tentando aterrar cos embaixadores en febreiro de 1517, á que se uniu o explorador italiano Andrea Corsali. Corsali escribiu varias cartas sobre a viaxe, nas que expón que pararon preto de Socotra e despois foron a Adén. Dado o mal tempo e a negativa de Albergaria de ir máis lonxe, non conseguiron máis aló do archipélago de Dahlak, dirixíronse a Massawa. Mateu tiña algúns contactos en Massawa, mais despois de semanas parados alí, Duarte Galvão morreu e abortouse a misión.

Álvares e Mateu tiveron que esperar ata a chegada da substitución de Soares, Diogo Lopes de Sequeira, quen continouo con éxito a embaixada con Don Rodrigo de Lima como substituto de Duarte Galvão. A partida por fin chegou a Massawa o 9 de abril de 1520 e dirixiuse á corte de Lebna Dengel. Alí, Álvares fixo amizade con varios europeos que gañaran o favor do emperador, incluíndo Pêro da Covilhã e Nicolao Branceleon. A partida de Álvares ficou seis anos en Etiopía e regresou a Lisboa entre 1526 e 1527.

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Beckingham e Huntingford, tradutores, Prester John, p.307; parafraseando o relato de Gaspar Correa.
  2. J. J. Hespeler-Boultbee, "A Story in Stones: Portugal's Influence on Culture and Architecture in the Highlands of Ethiopia 1493-1634", p.178, CCB Publishing, 2006, ISBN 0-9781162-1-6
  3. 3,0 3,1 Diffie, Bailey W. and George D. Winius (1977).
  4. Albuquerque, Braz de (1774).
  5. Francis Millet Rogers, "The quest for Eastern Christians: travels and rumor in the Age of Discovery", p. 134, U of Minnesota Press, 1962, ISBN 0-8166-0275-1
  6. Relátase que o rei chorou de ledicia ao velos.