María Faraldo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1959 (64/65 anos) Galicia, España |
Deputada do Parlamento de Galicia | |
2012 – 2016 | |
Alcaldesa de Betanzos | |
2007 – 2011 ← Manuel Lagares Pérez – Ramón García Vázquez → | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | política |
Partido político | Partido Popular |
Familia | |
Irmáns | María Fernanda Faraldo Botana |
María Dolores Faraldo Botana, nada en Betanzos en 1959, é unha política galega do PPdeG. Foi alcaldesa de Betanzos, a primeira muller en ocupar este cargo no concello brigantina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciada en Medicina, e cun máster en Xestión Sanitaria, accedeu como funcionaria á Administración Autonómica, onde chegou a ocupar o cargo de Directora Provincial do Sergas, cargo de designación política.
A súa traxectoria política iniciouse como concelleira polo PPdeG en Betanzos, formando parte da lista encabezada por Jaime Pita en 1991 e 1995. A designación do cabeza de lista como conselleiro da Xunta de Galicia propiciou que fose a número un nas listas de 1999, nas que o PP perdeu dous concelleiros (pasou de 7 a 5), reforzando o PSdeG-PSOE a súa maioría absoluta. Nas eleccións municipais de 2003 Faraldo foi novamente a candidata do PP recuperando os dous escanos que perdera, mentres que o PSdeG-PSOE perdeu a maioría absoluta que revalidaba consecutivamente desde 1983, debendo formar unha coalición de goberno co Bloque Nacionalista Galego para conservar a alcaldía. Deste período destaca a súa oposición ó Plan de Rehabilitación e Peonalización do Centro histórico, impulsado polos nacionalistas desde o goberno municipal.
Con posterioridade, tras gañar o Congreso Provincial da Coruña a lista que encabezaba o por entón alcalde de Ferrol, Juan Juncal, auspiciada por Romay Beccaría en contra do parecer de Manuel Fraga, Faraldo foi nomeada Secretaria de Organización do Partido Popular na provincia da Coruña. Desde ese cargo Faraldo foi autora de controvertidas misivas ós alcaldes do seu partido, como a que daba directrices de atrasar a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para crear brigadas anti-incendios nun verán marcado polo lume, ou a que invitaba a non asinar o convenio de adhesión ó Consorcio Galego de Servizos Sociais.
Nas eleccións municipais de 2007, e malia sufrir unha importante perda de votos e acadar un concelleiro menos, Faraldo foi investida alcaldesa da vila co apoio da formación independente Ciudadanos por Betanzos (CxB), liderada por un ex-concelleiro do PP que abandonara a disciplina do partido por discrepancias coa propia Faraldo. Con todo, o seu partido comezou a lexislatura gobernando en minoría, dada a negativa inicial de CxB a integrarse no goberno municipal tras facilitarlles a Alcaldía. En agosto de 2008 estableceuse un goberno de coalición entre as dúas forzas, pero tras diversas tiranteces CxB abandonou o goberno en marzo de 2010, polo que tivo que gobernar en minoría o resto do mandato. Nas municipais de 2011 encabeza de novo o PPdeG e consegue melloralos seus resultados ata sela forza máis votada, pero sen maioría absoluta, polo que perdeu a alcaldía ó apoiar tanto o BNG coma CxB ó candidato socialista Ramón García Vázquez. Nese mandato foi elixida deputada provincial, e posteriormente deputada do Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2012.
Predecesor: Manuel Lagares Pérez |
Alcaldesa de Betanzos 2007 - 2011 |
Sucesor: Ramón García Vázquez |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha no Parlamento de Galicia Arquivado 04 de xuño de 2013 en Wayback Machine.