Mary Anderson (inventora)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mary Anderson
MaryAnderson(inventora).jpg
Nacemento19 de febreiro de 1866
Lugar de nacementoCondado de Greene
Falecemento27 de xuño de 1953
Lugar de falecementoMonteagle
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupacióninventora
PremiosSalón da Fama dos Inventores Nacionais
editar datos en Wikidata ]

Mary Anderson, nada en Alabama o 19 de febreiro de 1866 e finada en Monteagle, Tennessee, o 27 de xuño de 1953,[1][2] foi unha promotora inmobiliaria, rancheira e viticultora estadounidense. É considerada como a inventora do limpaparabrisas.[3] En novembro de 1903 recibiu a súa primeira patente para un dispositivo de limpeza do parabrisas controlado desde o interior dun vehículo.[4][5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Mary Anderson naceu no condado de Greene, Alabama, no inicio da reconstrución en 1866. En 1889 trasladouse coa súa nai viúva e a súa irmá á cidade en pleno auxe de Birmingham, Alabama. Construíu os apartamentos Fairmont na avenida Highland pouco logo de instalarse. En 1893, Mary Anderson mudouse ao oeste de Fresno, California, onde ata 1898 operou un rancho de gando e un viñedo.

Invención do limpaparabrisas[editar | editar a fonte]

Nunha visita á cidade de Nova York no inverno de 1902, Anderson tomou o tranvía e notou que en todo o percorrido o condutor debía deterse e saír continuamente a limpar a sucidade, a auga e o xeo que se impregnaban no parabrisas; tamén observou que deixaba as fiestras semi-abertas debido ás dificultades para manter o parabrisas limpo.[6] Iso facía perder tempo ao propio condutor e aos viaxeiros. Un día despois do primeiro paseo buscou un diagrama do dispositivo de varrido elemental. Cando regresou a Alabama contratou un deseñador para que deseñase un dispositivo de accionamento manual para manter o parabrisas limpo e conseguiu unha compañía local para que producise un modelo de traballo.[2]

En 1903 solicitou e concedéuselle unha patente de 17 anos polo limpaparabrisas. O dispositivo que ideou consistía nunha panca, instalada no interior do vehículo, que controlaba unha lámina de goma resistente na parte exterior do parabrisas. A panca podería ser accionada para facer que o brazo metálico, por medio de resortes, puidese moverse cara atrás e cara a adiante a través do parabrisas, unha e outra vez.[7][8] Un contrapeso utilizábase para asegurar o contacto entre o brazo mecánico e a fiestra. Dispositivos similares fixéronse antes, pero o de Anderson foi o primeiro en ser efectivo.[8] O seu sistema tiña un único brazo sostido na parte superior e no centro do vidro.

Un Ford T modelo de 1921 con limpaparabrisas.

En 1905, Anderson tratou de vender os dereitos da súa invención a unha empresa canadense, pero esta rexeitou a súa solicitude argumentando que non consideraba que o invento tivese valor comercial suficiente para que se xustificase comezar a producilo.[9] En medio da súa loita para vender o seu invento, apareceu en escena Henry Ford, quen tomou contacto con este invento, ao parecer, sen ter relación con Anderson. Fiel ao seu destino innovador, interpretou a súa utilidade, que nun principio probou nos Ford T con parabrisas.

Despois de que a patente expirase en 1920 e o negocio da fabricación de automóbiles crecese exponencialmente, o deseño do limpaparabrisas de Anderson converteuse nun equipo estándar. En 1922, Cadillac converteuse no primeiro fabricante de automóbiles en adoptalos como equipo estándar.[7]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Anderson residía en Birmingham, onde continuou xestionando os apartamentos Fairmont ata a súa morte á idade de 87 anos. No momento da súa morte, era o membro máis antigo do sur de Highland Presbyterian Church. Morreu na súa casa de verán en Monteagle, Tennessee. O seu funeral levouse a cabo polo Dr. Frank A. Mathes en Highland Sur e foi sepultada no cemiterio de Elmwood.[2]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

A invención do limpaparabrisas de Anderson menciónase no episodio 19 da tempada 17 da serie de animación The Simpsons, titulado "Girls Just Want to Have Sums". Durante un debate entre Marge Simpson e o seu marido e o seu fillo, Homer e Bart, sobre a igualdade de xénero:

Marge: "Unha muller tamén inventou o limpaparabrisas!"
Homer: "Que vai moi ben con outro invento de sexo masculino, ¡o coche!"

A invención do limpaparabrisas de Anderson tamén se menciona brevemente no programa de televisión británico QI; Tempada 10, Episodio 16 - "Just the Job".[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Mary Anderson, la mujer que inventó el limpiaparabrisas". Ingenia (en castelán). 14 de abril de 2019. Consultado o 27 de xaneiro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Obituary Arquivado 08 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Birmingham Post-Herald, 29 de xuño de 1953
  3. T, R. "La inventora del limpiaparabrisas olvidada por los libros de historia y los fabricantes". eldiario.es (en castelán). Consultado o 27 de xaneiro de 2020. 
  4. United States Patent 743,801, Issue Date: 10 de novembro de 1903
  5. Women Hold Patents on Important Inventions; USPTO recognizes inventive women during Women's History Month Arquivado 11 de maio de 2009 en Wayback Machine., United States Patent and Trademark Office press release #02-16, 1 de marzo de 2002, consultado o 3 de marzo de 2009
  6. Slater, Dashka, Who made that? Windshield Wiper, New York Times Magazine, 14 de setembro de 2014, p.22
  7. 7,0 7,1 "Hall of Fame Inventor Profile: Mary Anderson". Invent Now Hall of Fame. Arquivado dende o orixinal o 7 de maio de 2013. 
  8. 8,0 8,1 Mary Anderson: Windshield Wipers, September 2001, Inventor of the Week Archive, Massachusetts Institute of Technology School of Engineering website, consultado o 3 de marzo de 2009
  9. "Mary Anderson". Encyclopedia of Alabama (en inglés). Consultado o 27 de xaneiro de 2020. 
  10. "QI | Who Invented the Windscreen Wiper?" (en castelán). Consultado o 27 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Uve, Sandra (2018). Supermujeres, superinventoras: Ideas brillantes que transformaron nuestra vida. Madrid: Planeta S.A. ISBN 978-84-16890-97-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]