Martín Chambi
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | (es) Martín Jerónimo Chambi Jiménez 5 de novembro de 1891 Distrito de Coasa, Perú |
| Morte | 13 de setembro de 1973 Cuzco, Perú |
| Actividade | |
| Ocupación | fotógrafo |
| Obra | |
Obras destacables
| |
| Familia | |
| Fillos | Julia Chambi López, Manuel Chambi |
Martín Jerónimo Chambi Jiménez, nado no distrito de Coasa, Departamento de Puno o 5 de novembro de 1891,[1] e finado en Cuzco o 13 de setembro de 1973,[2] foi un fotógrafo peruano. É considerado como un pioneiro da fotografía de retrato.[3] Recoñecido polas súas fotos de testemuño biolóxico e étnico, retratou profundamente á poboación peruana e o seu patrimonio.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Martín Chambi Jiménez naceu nunha familia de labregos de fala quechua a finais do século XIX. Os seus pais foron Félix Chambi e Fernanda Jiménez.[4] Na súa condición de indíxena, a pobreza e a morte do cabeza de familia fai emigrar ao mozo Martín Chambi, con só catorce anos, na procura de traballo nas multinacionais que explotan as minas de ouro de Carabaya na selva á beira do río Inambari.
A fortuna fai que sexa alí onde teña o seu primeiro contacto coa fotografía, aprendendo os seus rudimentos dos fotógrafos ingleses que traballan para a Santo Domingo Mining Co. Ese encontro fortuíto coa nova técnica prende nel a faísca que o impulsa a traballar como fotógrafo. Para iso emigra en 1908 á cidade de Arequipa, onde a fotografía está moi desenvolvida e onde salientan figuras de fotógrafos notables que levaban tempo marcando un estilo propio e manexando unha técnica impecable.
O contexto social e cultural no que se desenvolveu foi o óptimo, pois unha onda crecente de interese turístico e histórico e de investigacións arqueolóxicas (a cidadela de Machu Picchu foi descuberta oficialmente en 1911), así como a chegada ao sur dos beneficios modernos da tecnoloxía (motocicletas, automóbiles, voos e novas estradas), foron, sen dúbida os acicates visuais do seu inquedo espírito observador. Chambi foi un dos protagonistas da chamada Escola de Fotografía Cusqueña. Expuxo en vida polo menos dez veces, tanto no Perú coma fóra del.
Lin que en Chile se pensa que os indios carecen de cultura, que son incivilizados, que son intelectual e artisticamente inferiores aos brancos e aos europeos. Máis elocuentes que a miña opinión, en calquera caso, son os testemuños fotográficos. Espero que un informe imparcial e obxectivo examine estas probas. Síntome representativo da miña raza; o meu pobo fala a través das miñas fotografías.Martín Chambi, 1936
Moitos críticos afirman que dividiu a súa obra en dous grupos: un de natureza comercial, que incluía retratos por encargo, en estudio e ao aire libre, así como grandes retratos de grupo; e o outro de natureza persoal, que incluía o seu rexistro antropolóxico, basicamente retratos da etnia andina e rexistros de tradicionalistas locais; tamén estarían as súas numerosas vistas urbanas de Cuzco e as súas vistas de restos arqueolóxicos. Aínda que esta parte da obra é cuantitativamente menor, salienta por realizarse con notable persistencia e continuidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Biografía de Martí Chambi (martinchambi.pe)". Martín Chambi, archivo fotográfico (en castelán). Lima. Consultado o 5 de novembro de 2020.[Ligazón morta]
- ↑ Maneiro Labayen, Íñigo (27 de novembro de 2015). "El embajador Martín Chambi". El País. Consultado o 5 de novembro de 2020.
- ↑ Rosenblum, N. (2007). A world history of photography (en inglés) (4ª ed.). Nova York: Abbeville Press. pp. 365, 675. ISBN 978-0-7892-0937-5.
- ↑ Agencia Peruana de Noticias. "¿Quién es Martín Chambi? Conoce al fotógrafo peruano más célebre del siglo XX". andina.pe (en castelán). Consultado o 2020-11-05.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Martín Chambi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Coronado, Jorge. "Photographs at the Edge: Martín Chambi and the Limits of Lettered Culture” The Andes Imagined. Pittsburgh: Pittsburgh Press, 2009. 134–162. Print.
- Hopkinson, Amanda. Martin Chambi. Londres: Phaidon Press Limited, 2001. 3–15. Print.
- Martín Chambi Jiménez. N.p.:n.p., n.d. Serpost. 2011. Web. <http://www.serpost.com.pe/images/filatelia/boletines2011/1001693.pdf> (in Spanish)
- Thomson, Hugh. “Machu Picchu and Its Bones.” The White Rock: An Exploration of the Inca Heartland. New York: Overlook Press, 2003. 87–94. Print.