Marina Vega de la Iglesia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Marina Vega de la Iglesia
Nome completoMarina Vega de la Iglesia
Nacemento1923
 Torrelavega e Castro-Urdiales
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónespía
editar datos en Wikidata ]

Marina Vega de la Iglesia nada en Castro Urdiales,[1][2] en 1923, é unha espía, loitadora antifranquista e cazanazis cántabra. Foi a única muller na rede española ao servizo da Resistencia francesa.[3] Uníuse á rede española das Forzas Francesas Libres ó servizo de Charles de Gaulle con só 17 anos. Traballou para a Resistencia francesa, primeiro contra o ditador Francisco Franco dende España e logo en Francia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Historia familiar[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia de tradición republicana. O seu pai, que fora rexistrador da propiedade en Torrelavega[1] e deputado a cortes e director xeral de prisións nos tempos da Segunda República,[4] foi condenado a 16 anos de prisión por "un delito consumado de masonaría",[5] e enviado a un penal de El Puerto de Santa María (Cádiz). A súa nai formou parte do goberno da II República[6] polo que se mudou coas fillas a Valencia cando caeu Madrid. Marina estivo durante este tempo interna no Liceo Sorolla, na Malvarrosa[7] e tivo que vivir agochada por medo a ser represaliada.[5] Por esta razón e para protexela, Marina foi enviada a Francia con algúns amigos da familia o 18 de xullo de 1937, residindo un tempo en París.[8]

Na resistencia francesa[editar | editar a fonte]

Vivía en París cando estourou a segunda guerra mundial. A familia que a acollera decidiu ir a México.[9] Marina, aínda sen ter noticias dos seus pais, tomou a decisión de volver a España. Ó chegar a Madrid localizou a súa nai, que vivía agochada.[10] Tempo despois Marina unha depresión e a súa nai enviouna canda unha amiga súa en León.[11] Alí coñeceu un home novo que estaba conectado co servizo diplomático francés.[Cómpre referencia] Ó prohibir Franco a embaixada de Francia, o servizo secreto deste país estableceuse na delegación inglesa, que foi onde acudiu Marina para ofrecerse a traballar. Marina chegou xusto cando eles estaban a buscar unha muller española non fichada e que puidese moverse libremente a través do país e foi admitida. Segundo ela indica, as oficinas da embaixada clandestina francesa estaban situadas na rúa San Bernardo, en Madrid.[12] Ela traballou baixo as siglas FFL (Forzas Francesas Libres) de Charles de Gaulle[13] Comezou a traballar no ano 1942 cun salario de subtenente e cando comezou a viaxar tamén lle cubrían as axudas de custo.[14]

A raíz desta relación coa embaixada francesa fixo múltiples viaxes á fronteira franco-española sempre con documentación falsa.[15] Introducía xente en España e traía documentos e diñeiro. Na rede de apoio estaban dende o xastre que vestía ós que cruzaban a fronteira ata os falsificadores de documentos. Un día esta rede foi descuberta pola Segunda Bis, a contraespionaxe española.[3] Foi por iso que Marina tivo que fuxir a Francia en 1944, onde permaneceu ata 1949.[16]

Tamén axudou a persoas que fuxían da persecución alemá. Entre 1942 e 1944 facía dúas viaxes por semana a Francia. "Non sei canta xente puiden traer comigo. Deduzo que serían xudeus franceses que fuxían dos nazis. Tamén algún inglés".[3]

Coa fin da segunda guerra mundial comezou a limpeza dos nazis en Francia e o resto de Europa.[3] Marina foi desmobilizada en 1945[16] e pasou a ser un soldado sen uniforme. Tense dito que o seu traballo era daquela localizar alemáns nazis e colaboracionistas para xulgalos. Isto provocou unha desbandada deles cara España.[3] Porén ela declara que durante o período de paz as súas tarefas xiraban en torno á información publicada nos medios de comunicación españois e que aínda que a chamen "cazanazis" ela non foi "a Alemaña cazando a ninguén"[17]. Noutra entrevista declara que cazou "uns poucos".[3]

Marina estableceuse definitivamente en Madrid en 1950 para coidar do seu pai que saíra do cárcere e estaba moi enfermo,[18] dandopor rematados os seus servizos e debido a que a súa nai estaba aínda en España. Casou e tivo unha filla. Foi detida dúas veces durante o réxime franquista, polo seu activismo.[3] Ós seus 84 anos considerábase "masona, republicana, vermella e a moita honra".[3]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi condecorada polo Parlamento Europeo[3] pola defensa da liberdade. En 2008 otorgouselle o premio "Nuestras Mujeres" dentro da cerimonia dos X premios Ana Tutor do PSOE.[19]

Segundo declaracións de Javier Olivares, a personaxe de Lola Mendieta na serie El ministerio del tiempo está inspirada en Marina Vega.[20]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Vega de la Iglesia, Marina. (2008). Testimony of the Spanish Civil War and the Francoist Dictatorship. Parte 1 (mp4) (en castelán). University of California, San Diego. Escena en 0:00:50. 
  2. "¿Quién fue Marina Vega?". Historia de Iberia Vieja (en castelán). Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Junquera, Natalia (29 de xuño de 2008). "'Cazanazis', espía y enemiga de Franco". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  4. Vega de la Iglesia 2008a, 0:06:14
  5. 5,0 5,1 Emilio Silva (11 de novembro de 2002). "Españoles que son héroes en Francia". El Periódico de Catalunya (en castelán). Consultado o 24 de xullo de 2018. 
  6. Vega de la Iglesia 2008a, 0:10:58
  7. Vega de la Iglesia 2008a, 0:11:38
  8. Vega de la Iglesia 2008a, 0:12:49
  9. Vega de la Iglesia 2008a, 0:14:00
  10. Vega de la Iglesia 2008a, 0:17:42
  11. Vega de la Iglesia 2008a, 0:21:15
  12. Vega de la Iglesia 2008a, 0:28:00
  13. Vega de la Iglesia 2008a, 0:29:37
  14. Vega de la Iglesia, Marina. (2008). Testimony of the Spanish Civil War and the Francoist Dictatorship. Parte 2 (mp4) (en castelán). University of California, San Diego. Escena en 0:05:28. 
  15. Vega de la Iglesia 2008b, 0:12:58
  16. 16,0 16,1 Vega de la Iglesia 2008b, 0:17:44
  17. Vega de la Iglesia 2008b, 0:19:03
  18. Vega de la Iglesia 2008b, 0:23:03
  19. "Entrega de los X Premios Ana Tutor. Madrid". 12 de febreiro de 2008. Consultado o 23 de xullo de 2018. 
  20. Javier Olivares (9 de marzo de 2015). "El personaje real en el que se inspira Lola Mendieta: Marina Vega." (en castelán). Consultado o 23 de xullo de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]