Marie Simon-Pierre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Marie Simon-Pierre, de nome real descoñecido, é unha monxa francesa católica, nada en Rumilly-en-Cambrésis en 1963. A súa sona débese a que curou do párkinson que padecía grazas, presuntamente, á actuación do defunto papa Xoán Paulo II.

A enfermidade[editar | editar a fonte]

A monxa pertence á orde das Freiriñas das Maternidades Católicas, onde ingresou con 21 anos, e traballaba na maternidade L'Étoile, en Puyricard, preto de Aix-en-Provence (Occitania).

En 2002 diagnostícanlle párkinson temperán, unha enfermidade neurodexenerativa e incurábel. O mal aféctalle na mobilidade da metade esquerda do seu corpo. Supostamente, a enfermidade foi avanzando malia o tratamento médico e tivo que deixar as súas tarefas habituais na maternidade para ocuparse de traballos administrativos.

O milagre[editar | editar a fonte]

O 13 de maio de 2005, o papa católico Bieito XVI abre o proceso de beatificación do seu predecesor Xoán Paulo II, que tamén padecía párquinson. A partir dese día ela mesma e as demais monxas da congregación comezan a rezarlle a Xoán Paulo II pedíndolle pola curación. Porén, e sempre segundo a versión dela mesma, a enfermidade continuaría velozmente o seu progreso.

O 2 de xuño solicítalle á súa xefa que a releve de todas as súas responsabilidades. Esta négase e pídelle que escriba nunha folla de papel o nome de Xoán Paulo II. Marie Simon-Pierre, que é manicha e a quen o párkinson lle afecta a metade esquerda, non pode facelo. Porén, esa mesma noite, a freira ponse a escribir e conségueo, polo que deduce que sanda supetamente. A hipótese da curación é apoiada polo seu propio neurólogo.

Outras hipóteses médicas[1] apuntan a posibilidade de que o párkinson fose mal diagnosticado, e que os síntomas fosen producidos por unha depresión, pola inxesta de menciñas que provocan eses síntomas, por simulación consciente ou por simulación inconsciente debida á histeria.

O seu milagre resulta unha peza fundamental do proceso de beatificación de Xoán Paulo II, que ten que achegar como proba algún milagre. O informe, conducido polo bispo polaco Sławomir Oder, determinou que a curación se debera á intercesión do anterior papa, pero correspóndelle ao actual Bieito XVI determinar se existe ou non milagre.

Na actualidade Marie Simon-Pierre traballa na clínica Saint-Félicité, en París.

Reerencias[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2007. Consultado o 31 de marzo de 2007.