Maria Bonita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMaria Bonita

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento8 de marzo de 1911 Editar o valor em Wikidata
Bahia, Brasil Editar o valor em Wikidata
Morte28 de xullo de 1938 Editar o valor em Wikidata (27 anos)
Sergipe, Brasil Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeBrasil Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónladrón Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua portuguesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeVirgulino Ferreira da Silva Editar o valor em Wikidata
FillosExpedita Ferreira (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Maria Gomes de Oliveira (coñecida como Maria de Déa e, tras a súa morte, Maria Bonita), nada en Paulo Afonso o 17 de xaneiro de 1910[4] e finada en Poço Redondo o 28 de xullo 1938, foi unha cangaçeira brasileira, compañeira de Virgulino Ferreira da Silva, O Lampião. Foi a primeira muller en participar nun grupo de cangaço, unha modalidade de bandidismo asentada no nordeste do Brasil entre o século XIX e mediados do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Foi filla de Maria Joaquina Conceição de Oliveira, coñecida como Dona Déa, e de José Filipe Gomes de Oliveira. Maria naceu e criouse no seo dunha familia humilde na aldea de Malhada da Caiçara, que actualmente se atopa no concello de Paulo Afonso.[5] Daquela pertencía ao concello de Santo Antônio de Glória, antigo nome de Glória, no interior de Baía.[5]

Primeiro Matrimonio[editar | editar a fonte]

Aos quince anos, nun matrimonio concertado polas familias, casou co seu curmán, o zapateiro Zé de Neném.[6] A relación foi problemática, pois Maria sufriu as infidelidades e o maltrato do seu marido alcólico. Por vinganza, comezou a enganalo con varios homes. O seu matrimonio rompeu definitivamente ao coñecer a Virgulino Ferreira da Silva.

Unión co Lampião e entrada no cangaço[editar | editar a fonte]

En 1929, aínda casada, converteuse na amante de Virgulino Ferreira da Silva, coñecido como O Lampião. Ese mesmo ano fuxiu con el para formar parte da banda do cangaço, na que foi coñecida como Maria da Déa ou Maria do Capitão. Coñecida pola súa beleza e forte personalidade, a diferenza das demais mulleres do cangaço, Maria nunca foi maltratada polos cangaceiros e tiña varios privilexios. Levaba vestidos de seda, luvas con estampados florais, sandalias e botinas. Tamén usaba xoias caras, broches, moedas de prata e decoraba o cabelo con adornos de ouro. No pescozo e nos pulsos levaba o mesmo perfume francés có Lampião.

A vida no cangaço era difícil, pois pasaban moitas necesidades e vivían agochados. Os seus membros tiñan, amais, moitas supersticións. Os homes tiñan certos requisitos e rituais respecto ás relacións sexuais coas cangaçeiras. Por exemplo, Maria non podía deitarse co Lampião os venres. Tampouco se permitían as relacións na véspera de fuxir a un novo agocho. Antes de calquera acto sexual, as mulleres debían bañarse. Unha parte da auga do río gardábase só para a limpeza das súas partes íntimas. Por contra, os homes ás veces non se lavaban, e mesmo transmitían infeccións de transmisión sexual que contraían nos cabarés da comarca. Porén, as supersticións eran seguidas moi en serio nas relacións sexuais dentro do cangaço. Esa noite os cangaceiros quitaban os seus colares de oración.

Constantemente enganada polo Lampião, Maria tivo varios ataques de celos, mais este tratábaa con paciencia e cariño. En 1931 os dous mesmo viaxaron a unha granxa para gozaren da lúa de mel que non tiveran. Porén, para Maria non foi suficiente. Varios testemuños aseguran que Maria, por vinganza, iniciou unha relación extramatrimonial co comerciante João Maria de Carvalho. Do seu amante recibiu zapatos, roupa e outros agasallos, mais disque Lampião nunca sospeitou.

Pouco despois da lúa de mel, Maria quedou embarazada. Confirmouse que tivo unha filla co Lampião, Expedita Gomes de Oliveira Ferreira,[7] a única recoñecida legalmente.[8] De acordo coas regras de cangaço, a nena foi criada por unha parella de amigos vaqueiros.

Con todo, hai dúbidas sobre o parentesco dos supostos xemelgos Arlindo e Ananias Gomes de Oliveira. Ambos eran considerados fillos de María Bonita e O Lampião. Porén, outras fontes afirman que eran os irmáns máis novos de Maria.[9]

Morte[editar | editar a fonte]

O 28 de xullo de 1938, cando os cangaçeiros estaban acampados na Grota de Angicos, en Poço Redondo (Sergipe), a banda foi atacada por sorpresa pola policía oficial armada, coñecida como volante. Foron abatidos a tiros e posteriormente decapitados.[7] Maria recibiu dous disparos cando tentaba escapar: un no abdome e outro nas costas. Pouco despois foi decapitada viva por José Panta de Godoy, o mesmo que lle disparou.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Nome[editar | editar a fonte]

A baiana era coñecida dende pequena como María de Déa, en referencia á súa nai. Nin a familia de Lampião nin a súa banda a chamaron María Bonita, alcume que só se popularizou despois da súa morte. Existen varias versións sobre a orixe deste nome. Un deles di que foi un invento de xornalistas da prensa de Río de Xaneiro, posibelmente inspirado na película Maria Bonita (1937), baseada na novela homónima de 1914 de Afrânio Peixoto. Outra teoría afirma que a alcumaron así os soldados, impresionados pola beleza da cangaçeira, cando foi asasinada.[10]

Patrimonio histórico[editar | editar a fonte]

En 2006 o goberno municipal de Paulo Afonso restaurou a casa da infancia de Maria Bonita, onde creou o Museo Casa de María Bonita.[5]

Literatura[editar | editar a fonte]

En 2018 a xornalista Adriana Negreiros publicou o libro Maria Bonita. Sexo, Violência e Mulheres no Cangaço.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vainsencher, Semira Adler (17 de abril de 2006). "Maria Gomes de Oliveira nasceu no dia 8 de março de 1911". Fundação Joaquim Nabuco. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2021. Consultado o 23 de xaneiro de 2023. 
  2. Maria Bonita: Sexo, violência e mulheres no cangaço (PDF). Objetiva. Consultado o 23 de xaneiro de 2023. 
  3. "No dia em que se celebram os 110 anos de Maria Bonita, revisitamos a trajetória da cangaceira". O Globo (en portugués). 8 de marzo de 2021. Consultado o 22 de xaneiro de 2023. 
  4. Non hai acordo para situar a data de nacemento da cangaceira. Existen fontes para dúas datas, o 8 de marzo de 1911[1][2] e o 17 de xaneiro de 1910, esta última segundo o sociólogo Voldi Ribeiro.[3]
  5. 5,0 5,1 5,2 Araújo, Glauco (26 de xullo de 2008). "Lampião provoca medo até depois de morto". Globo (en portugués) (Paulo Afonso, Bahia). Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2013. Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 
  6. Mendes Pereira, José (4 de xuño de 2012). "Paixão transformou mulher de sapateiro em Maria Bonita". Blog do Mendes & Mendes (en portugués). Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 
  7. 7,0 7,1 Araújo, Glauco (25 de xullo de 2008). "Morte de Lampião completa 70 anos". Globo (en portugués) (São Paulo). Consultado o 22 de xaneiro de 2023. 
  8. Araújo, Glauco (22 de setembro de 2009). "Morre em SP o irmão de Maria Bonita, aos 79 anos". Globo (en portugués) (São Paulo). Consultado o 22 de xaneiro de 2023. 
  9. de Sousa Lima, João (1 de xaneiro de 2010). "Os filhos do Rei do cangaço". joaodesousalima.blogspot.com. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 27 de marzo de 2022. 
  10. Negreiros, Adriana (xullo de 2018). "A soberana do Sertão". Piauí. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2022. Consultado o 22 de xaneiro de 2023. 
  11. Lady Sybylla (15 de decembro de 2018). "Resenha: Maria Bonita - Sexo, Violência e Mulheres no cangaço, de Adriana Negreiros". momentumsaga.com (en portugués). Consultado o 22 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Correa de Araújo, Antônio Amaury (1984). Lampião: as Mulheres e o Cangaço (en portugués). São Paulo: Traço. 
  • de Sousa Lima, João (2005). A Trajetória Guerreira de Maria Bonita, a Rainha do Cangaço (en portugués). Fonte Viva. 
  • de Souza Dantas, Sérgio Augusto (2014). Lampião e o Rio Grande do Norte - a história da grande jornada (en portugués) (2ª ed.). Real. ISBN 9788565631051.