Margot Sponer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Margot Sponer
Margot Sponer.jpg
Retrato de Margot Sponer
Nacemento 10 de febreiro de 1898
Falecemento 1945
Nacionalidade Alemaña
Ocupación lingüista
editar datos en Wikidata ]

Margot Sponer, nada en Neisse o 10 de febreiro de 1898 e finada en 1945, foi unha lingüista alemá que, como autora da tese de doutoramento Altgalizische Urkunden. Documentos Antiguos de Galicia, converteuse nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A cidade natal de Sponer leva actualmente o nome de Nysa e sitúase no voivodato de Opole (Polonia), pero daquela era unha das cidades silesias que pertencían ao Reino de Prusia. Margot Sponer estudou o bacharelato en Quedlinburg e despois estudou Filoloxía Románica, Arábica e Xermánica na Universidade Humboldt de Berlín, daquela chamada Friedrich-Wilhelms-Universität (Universidade Federico Guillerme, en alemán), onde se licenciou. Nela tamén proseguiu os seus estudos de posgrao, centrados na lingua galega medieval.

Visita a Galicia[editar | editar a fonte]

Membros do Seminario de Estudos Galegos en 1928

En 1926 fixo a súa visita a Galicia á procura de documentación para a súa tese, onde toma contacto co grupo da Revista Nós. Nese mesmo ano é proposta como membro do Seminario de Estudos Galegos e envía unha carta aberta á Real Academia Galega, para agradecer a axuda recibida nas súas investigacións. A carta foi publicada no Boletín da Real Academia Galega[1]:

Casto Sampedro foi avogado, folclorista e investigador na área da Arqueoloxía.

Antes de abandonar la hidalga tierra española considero un gratísimo deber expresar públicamente mi agradecimiento más cordial a todos aquellos señores pertenencientes a las sociedades culturales de la hermosa tiera gallega que con una amabilidad sin límites han puesto a mi disposición todos cuantos documentos me han podido interesar para cumplir los fines de estudio de la filología gallega que me ocupan actualmente.
En mi viaje de estudios por Galicia he recorrido sucesivamente Orense, la Coruña, Santiago y Pontevedra, donde he encontrado la acogida más amable en cuantos centros o entidades oficiales o particulares he visitado. Tampoco quiero dejar de expresar mi agradecimiento a aquellas personas que poseían colecciones de documentos del mayor interés para mis estudios y que las pusieron graciosamente a mi disposición y aun extremaron su cordialidad al facilitarme datos que aliviaron extraordinariamente mi tarea.
De haber carecido de estas facilidades y de esta ayuda, el fruto de mi trabajo hubiese sido menor.
De todo ello guardaré el recuerdo más cariñoso y una gratitud imborrable.
MARGOT SPONER
Madrid, 27 de Octubre de 1926

Perspectiva das montañas do Cebreiro

A prensa galega chegou a informar das súas investigacións e cita a Pablo Pérez Costanti, arquiveiro do concello de Santiago, como o seu guía na cidade compostelá. El foi quen a puxo en contacto con Casto Sampedro, que lle proporcionou acceso aos documentos que necesitaba para os seus estudos en Pontevedra.[2]

Alén dos lugares mencionados na carta dirixida á Real Academia Galega, as notas de prensa mencionan tamén o seu percorrido a cabalo por parte da provincia de Lugo, ata O Cebreiro[3]. Neste sentido, o publicista francés Roger-Louis Dupuy, que trabara amizade con Sponer, menciona na súa autobiografía un comentario[4] ilustrativo sobre a natureza dos traballos de campo da filóloga:

Era unha intelectual berlinesa antinazi (...). Notablemente intelixente, estaba especializada na confección de atlas lingüísticos. Curioso traballo de documentación a cabalo entre a xeografía, a historia e o estudo das linguas e dialectos practicados polos habitantes das rexións do Mediterráneo: España, Portugal, Cataluña, Provincias occitanas, Languedoc, Provenza, Savoia, Lombardía, Piamonte, Italia, Baleares, Córsega, Sardeña, Sicilia, Romanía.
Margot recorría estes diversos países como podía, ás veces dacabalo dun burro cando se trataba de rexións remotas como os confíns de España ou Portugal. (...) Dirixíase no seu dialecto local aos paisanos que encontraba no camiño, designáballes unha serie de obxectos familiares (...) e preguntáballes : "Como chamades isto?"[5]. Anotaba (...) utilizando para iso caracteres fonéticos da lingüística internacional.

Non parece haber dúbida de que, na súa viaxe a Galicia en 1926, Sponer non só se centrou na transcrición paleográfica da documentación galega medieval, senón que tamén aproveitou a visita para estudar o galego moderno. Unha nota publicada o 15 de novembro de 1926 no número 35[6] da Revista Nós indicaba que Sponer xa marchara cara a Portugal, pero que o seu traballo sobre o galego antigo estaba moi adiantado e que tiña a intención de elaborar outro sobre o galego moderno, para o que contaba con realizar outra visita no futuro[7].

Foto antiga de Sarria

De feito, en xaneiro de 1927, a propia Margot Sponer publicou na revista Nós un artigo baixo o título "Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega"[8], en que escribe:

Hoxe limitareime a algunhas notas soltas sobr'iste tema, por non ter rematado ainda o análise de tod'o material d'estudo que puiden recoller durante a miña estada en Galiza, e que tén coma fin primordial, esculcal-as diferencias rexionales do galego no tocante à fonética, morfoloxía e léxico.

Ningún deste material mencionado no artigo está conservado, probablemente porque se perdeu no Berlín do final da II Guerra Mundial, tras a morte de Sponer a man dos nazis. Pero, sempre segundo o profesor Antón Figueroa, "seguramente estamos ante un dos primeiros intentos de estudo dialectal da lingua galega"[9]. Con todo, Margot Sponer trata no artigo cuestións relacionadas coas interferencias do castelán no galego, que ela denomina "contamiñación co castelao", e as cuestións sociolóxicas que as provocan. Así, indica:

Foto antiga de Sarria.

No léxico dos peisanos achamos en castelao moitas palabras que se refiren â eirexa, â meiciña, a espresiós novas técnicas, a xiros comús. (...)
O saúdo é casi xeralmente na forma castelán buenos días e cand'eu lles lía un conto galego en qu'estaba escrito bos días nos dea Deus, dixeron qu'o conto gustáballes moito, mais que contiña palabras portuguesas, asegurándome que en galego decíase buenos días nos dé Dios. (...)
Cantas veces por empregar eu as verdadeiras formas galegas tomáronme por portuguesa! (...)
As razós son ben sinxelas: a xente oi falar o castelán ô crego, ô médeco, ô escolante, ôs tendeiros, etc., e parécelles qu'o galego é fala somentes de xente baixa e probe. Importante tamén pr'a dexeneración do idioma natural é a emigración (...).

Vida como profesora universitaria[editar | editar a fonte]

Ao fondo, a Friedrich-Wilhelms-Universität de Berlín (hoxe Universidade Humboldt) e avenida Unter den Linden, arredor do ano 1900. En primeiro termo, á esquerda, a Biblioteca da Universidade e, no centro, a Bebelplatz, onde os nazis realizaron unha coñecida queima de libros en 1933.

O xornalista galego Felipe Fernández Armesto, que en 1929 estudaba en Berlín, dedicoulle por completo a Sponer unha das crónicas que enviou ao diario vigués El Pueblo Gallego. Entre outros asuntos, comentaba o dominio que ela posuía da lingua galega e adiantaba a publicación da súa tese[10]:

Yo, cuando me encuentro fatigado de atornillar y desatornillar en la garganta palabras alemanas (...), busco por uno de esos seminarios de la universidad (...) la conversación en gallego con Fräulein Sponer, sobre temas de la vida de Galicia (...). ¡Cuántas cosas sabe de Galicia, y como las tiene siempre frescas y tillando en el ánimo!
Fräulein Sponer es todavía estudiante en la Universidad de Berlín, donde ya tiene a su cargo una cátedra auxiliar. En Berlín y en toda Alemania se puede ser al mismo tiempo estudiante y profesor (...). Dentro de unos días presentará su tesis de doctorado en Filología sobre un tema gallego, sobre documentos gallegos desde que nace nuestro idioma hasta el siglo XV. (...)
Creo que es la primera vez que un motivo gallego forma una tesis de doctorado en universidades europeas.

En 1929, Sponer licénciase e traballa como profesora de lingua española na universidade berlinesa. No seu departamento foi visitada a comezos da década de 1930 por Vicente Risco[11], que lle comenta un dos seus encontros a Otero Pedrayo nunha carta do propio ano 1930[12]:

Mañá temos un té no Romanisches Seminar, con conferencias de Vidal i Guardiola e Viñas. Veremos a ver. Alí andará a famosa Sponer, que vai pubricar o seu libro sobr´o galego.

Lois Tobío foi outro dos intelectuais galegos que entraron en contacto con Margot Sponer en Berlín. Na súa obra As décadas de T.L., dedícalle unhas liñas[13]:

(...) máis adiante (...) coñecerei tamén a (...) Margot Sponer que andaba a realizar estudos encol da nosa fala: (...) terei entón coela unha conversa moi ilustrativa sobre fonética galega pois descubrira algúns fonemas en que non tivéramos reparado (...).


Adolf Hitler pasa revista ás tropas en Berlín o 1 de xaneiro de 1935

Logo da suba de Adolf Hitler ao poder inícianse purgas na universidade, co resultado da expulsión de moitos científicos. Margot Sponer deixa de dar clase na universidade e sábese que entre 1933 e 1936 viviu durante algunhas temporadas en España, probablemente en Madrid, mentres proseguía as súas investigacións.

En 1935 presenta a súa tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden ("Documentos do galego antigo"), onde recolle transcricións de documentos galegos datados entre os anos 938 e 1494. A tese foi dirixida por Ernst Gamillscheg. O crítico literario Antón Figueroa considerouna "unha das primeiras teses sobre a lingua galega, se non a primeira"[14].

En 1936 abandona España como consecuencia da Guerra Civil Española e regresa a Alemaña. Volve dar clase de español na Universidade de Berlín, neste caso na Facultade de Arte. Continúa vinculada á universidade durante os anos seguintes, simultaneando as súas clases con viaxes ao estranxeiro: en 1938 viaxa a México e en 1940 e 1941 realiza unha viaxe de estudos a España.

Represión nazi[editar | editar a fonte]

Margot Sponer foi expulsada da universidade en outubro de 1942 e, aínda que tentou o reingreso ao mes seguinte, non o conseguiu. As razóns da súa expulsión non se coñecen. En febreiro de 1945 foi detida pola Gestapo polas súas actividades de cooperación coa resistencia contra os nazis.

O coñecemento sobre as circunstancias da súa morte foise esclarecendo co tempo: nun primeiro momento, pensouse que fora encarcerada no campo de concentración de Neuengamme por auxiliar a cidadáns xudeus[15] e executada nese mesmo ano, entre febreiro e abril, nun lugar indeterminado[16]. Con todo, posteriormente sóubose que atopou "unha morte tráxica no convulso Berlín da primavera de 1945"[17]. Como resultado de investigacións posteriores[18][19] sábese agora que mentres ela vivía nun piso do cónsul de Arxentina[20]:

A morte de Margot Sponer produciuse durante a batalla de Berlín, cando o exército ruso xa tomara parte da cidade e só dous días antes do suicidio de Hitler.

o 27 de abril [de 1945] [...] cando o Exército Roxo xa ocupaba varios distritos de Berlín (Hitler suicídase o 30 e a cidade renderíase o 2 de maio), tres homes con uniforme das SS veñen ao apartamento onde vivía o grupo, deteñen e levan a Margot. A conclusión [...] foi [...] que o asasinato puidera ser o resultado da información da que os nazis xa dispoñían.

Nunha biografía dedicada á irmá de Margot Sponer, Annette Vogt resume as declaracións das testemuñas nun xuízo que se celebrou anos despois. Nesa pasaxe, traducida polo profesor Figueroa[21] indica que o día 28 de abril, ao día seguinte de Margot Sponer ser arrestada:

(...) ás sete horas, dous ou tres homes volveron para buscar no seu cuarto de novo. Levaron todos os papeis esta vez, de xeito que só deixaron os dicionarios. Estes homes dixeron abertamente ás testemuñas que Margot non estaba xa entre os vivos. As testemuñas lembran que os homes da SS dixéronlles que Margot fora asasinada por mor da súa resistencia fronte a "Alemaña".

Altgalizische Urkunden[editar | editar a fonte]

A tese de doutoramento de Margot Sponer, Altgalizische Urkunden, recibe como segundo título Documentos Antiguos de Galicia. Contén as seguintes partes[22]:

  • Unha introdución en castelán.
  • O corpus de documentos medievais transcritos e anotados.
  • Un índice cronolóxico do ano 938 ao 1494.
  • Un índice de documentos por provincia.
  • Un mapa de Galicia cos lugares de procedencia dos documentos.
  • Unha pequena recensión autobiográfica da autora, en alemán.

Desta tese só é relativamente coñecida unha primeira parte de 80 páxinas que foi publicada en 1934 na revista barcelonesa Anuari de l'Oficina Romànica de Lingüística i Literatura (AOR)[23][24] e que foi empregada polo ILG en 2007 para o seu corpus do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega[25].

A tese completa, con 248 páxinas, está nos fondos das bibliotecas[26] da Freie Universität Berlin, unha das universidades que surxiron na cidade a raíz da división posterior á II Guerra Mundial. Nela, Sponer menciona que seguira o método aplicado por Menéndez Pidal na súa obra de 1919 Documentos lingüísticos del Reino de Castilla, que realmente apareceu publicada como Documentos lingüísticos de España, I, Reino de Castilla[27].

Vida persoal[editar | editar a fonte]

A súa irmá, Hertha Sponer, foi unha física de renome internacional, que proseguiu a súa vida académica en Alemaña e despois no exilio en Noruega e nos Estados Unidos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Carta abierta de la señorita Margot Sponer al "Boletín" de la Academia". Boletín de la Real Academia Gallega. vol. 16 (núm. 188): 200–201. 1926. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  2. Figueroa 2017, páx. 24
  3. Figueroa 2017, páx. 24
  4. DUPUY, Roger Louis (1975). Souvenirs en vrac vaguement mis en ordre. Inédito. Páx. 157-158 (apud Figueroa 2017, páx. 89).
  5. Teoría Wörter und Sachen ("palabras e cousas", en alemán).
  6. "Quen foi Margot Sponer". Real Academia Galega. 6/02/15. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  7. Figueroa 2017, páxinas 23 e 25
  8. SPONER, Margot (1927). "Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega" (PDF). Nós (37): páx. 2–3. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  9. Figueroa 2017, páx. 25
  10. FERNÁNDEZ ARMESTO, Felipe (14 de febreiro de 1929). "Galicia en Berlín. Fräulein Sponer". El Pueblo Gallego (1556).  (apud Figueroa 2017, páx. 31)
  11. RISCO, Vicente (1934). Mitteleuropa. Nós. 
  12. RISCO, Vicente (1930). "Carta de Vicente Risco. 1930". Fundación Otero Pedrayo. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  13. TOBÍO, Lois (1994). As décadas de T.L.. Editorial Galaxia.  (apud Figueroa 2017, páx. 39)
  14. FIGUEROA, Antón (2013). "Sobre Margot Sponer". A Trabe de Ouro (99).  Páxina 2
  15. Eine vergessene Widerstandskämpferin, artigo de Annette Vogt, in Berlinische Monatsschrift, 5, maio de 2001
  16. Margot Sponer, recensión biográfica na galería de mulleres romanistas da Universidade Philipps de Marburgo (en alemán)
  17. Figueroa, Antón. Op. cit. (2013), páxina 18
  18. Vogt, Annette (2007). "Die Lehrbeauftragte Margot Sponer". Vom Hintereingang zum Hauptportal? Lise Meitner und ihre Kolleginnen an der Berliner Universität und in der Kaiser-Wilhelm-Gesellschaft. Stuttgart: Franz Steiner.  [apud Figueroa, op. cit. (2013)]
  19. Vogt, Annette (2011). "4.8 The Fate of Hertha’s Sister, Margot Sponer". En Maushart, Marie-Ann. Hertha Sponer: A Woman’s Life as a Physicist in the 20th Century «So you won’t forget me». Durham, North Carolina: Department of Physics, Duke University.  [páxinas 139-146, apud Figueroa, op. cit. (2013)]
  20. Figueroa, Antón. Op. cit. (2013), páxina 30
  21. Vogt, Annette (2011). "4.8 The Fate of Hertha’s Sister, Margot Sponer". En Maushart, Marie-Ann. Hertha Sponer: A Woman’s Life as a Physicist in the 20th Century «So you won’t forget me». Durham, North Carolina: Department of Physics, Duke University. p. 144.  apud Figueroa 2017, páx. 111
  22. Figueroa 2017, páx. 80
  23. Figueroa 2017, páx. 55
  24. SPONER, Margot (ed.) (1932-4). "Documentos antiguos de Galicia". Anuari de l'Oficina Románica de Lingüística i Literatura (Barcelona) (7): 113–92. 
  25. "Lista de obras". Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. 2007. Consultado o 10 de marzo de 2018. 
  26. "Bibliotheksportal Primo". Freie Universität Berlin (en alemán). Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  27. Figueroa 2017, páx. 18

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • A referencia de Altgalizische Urkunden, a tese de Margot Sponer, no catálogo en liña das bibliotecas da Freie Universität Berlin. Consultado o 11 de marzo de 2018.
  • Real academia galega, ed. (6 de febreiro de 2015). "Quen foi Margot Sponer". Consultado o 16 de maio de 2018.