Margaret Atwood

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Margaret Atwood.

Margaret Eleanor "Peggy" Atwood, nada en Otava o 18 de novembro de 1939, é un escritora canadense coñecida pola súa fábula dun futuro antifeminista na novela The Handmaid's Tale (1985). É membro de Amnistía Internacional e unha das presidentas de BirdLife International, en defensa das aves.

Biografía[editar | editar a fonte]

É a segunda dos tres fillos de Carl Edmund Atwood, zoólogo, e Margaret Dorothy William, nutricionista. Debido á investigación que levaba a cabo o seu pai sobre entomoloxía forestal, Atwood pasou gran parte da súa infancia entre o norte de Quebec, Otava e Toronto.

Ben cedo converteuse en ávida lectora de todo tipo de literatura, desde novelas de misterio, ata contos dos irmáns Grimm, historias sobre Canadá e cómics. Foi ao instituto en Leaside, Toronto. Comezou a escribir aos 16 anos. En 1957 iniciou os seus estudos universitarios na Vitoria University de Toronto. Tivo como profesores a Jay Macpherson e Northrop Frye, que encamiñaron a súa poesía inicial (Double Persephone) cara ao tema dos mitos e os arquetipos.

Graduouse en 1961 en filoloxía inglesa, con estudos tamén de francés e filosofía.

En 1968, casou con Jim Polk, de quen se divorciou en 1973. Logo, contraeu matrimonio co novelista Graeme Gibson, con quen se mudou a Ontario, ao norte de Toronto. En 1976 tiveron á súa filla Eleanor Jess Atwood Gibson. Volveu a Toronto en 1980.

Estudos avanzados[editar | editar a fonte]

No outono de 1961, despois de gañar a Medalla E. J. Pratt polo seu libro de poemas Double Persephone, comezou os seus estudos de posgrao no Radcliffe College da Universidade Harvard cunha bolsa de investigación Woodrow Wilson. Obtivo un máster en Radcliffe en 1962 e continuou estudando dous anos máis en Harvard.

Impartiu clases na Universidade de British Columbia (1965), na Universidade Sir George Williams de Montreal (1967-1968), na Universidade de Alberta (1969-1979), na Universidade de York de Toronto (1971-1972), e na Universidade de Nova York.

Militancia[editar | editar a fonte]

  • Loita polos dereitos humanos, a liberdade de expresión e outras causas.
  • Doou o diñeiro do galardón Booker Price para causas ambientais.
  • Axudou a lanzar a carreira da poeta Carolyn Forche cando os editores estadounidenses rexeitaron a súa poesía sobre a guerra civil salvadoreña.

Traxectoria literaria[editar | editar a fonte]

Atwood escribiu novelas de diferentes xéneros, ensaios, relatos e libros de poemas. Tamén guións para televisión, como The Servant Girl (1974) e ensaios como Days of the Rebels: 1815-1840 (1977).

É descrita como unha escritora feminista, xa que o tema do xénero está presente en varias das súas obras de forma destacada. Centrouse na identidade canadense, nas relacións deste país con Estados Unidos de América e Europa, nos Dereitos Humanos, en asuntos ambientais, nos mitos sociais sobre a feminidade, na representación do corpo da muller na arte, a explotación social e económica desta, así como as relacións de mulleres entre si e cos homes.

En 1969 publicou The Edible Woman, onde se fixo eco da marxinación social da muller. En Procedures for Underground (1970) e The Journals of Susana Moodie (1970), os seus seguintes libros de poesía, os personaxes teñen dificultades para aceptar o irracional. Esta última quizais sexa a súa obra poética máis coñecida; nela, escribe desde o punto de vista de Susana Moodie, unha pioneira da colonización da fronteira canadense do século XIX. Coa obra Power Politics (1971) usa as palabras como refuxio para as mulleres débiles que se enfrontan á forza masculina.

Como crítica literaria é moi coñecida pola súa obra Survival: A Thematic Guide to Canadian Literature (1972), definida como o libro máis asombroso escrito sobre literatura canadense e que conseguiu aumentar o interese na literatura deste país. Ese ano, publicou Surfacing, unha novela onde se formula en termos políticos o conflito entre natureza e tecnoloxía. Con gran éxito e avalada pola crítica, escribiu You Are Happy (1974), e a súa terceira novela, Lady Oracle (1976), unha parodia dos contos de fadas e as novelas de amor. En 1978, publicou Two-Headed Poems, que explora a duplicidade da linguaxe, e Up in the Tree, un libro infantil. A súa seguinte novela, Life Before Man (1979), é máis tradicional que os seus libros de ficción anteriores e céntrase nunha serie de triángulos amorosos.

Atwood sempre estivo interesada nos dereitos humanos, o que se reflicte no seu libro de poesía True Stories (1981) e a novela Bodily Harm (1981).

Publicou Second Words (1982), mostra dunha das primeiras obras feministas escritas en Canadá; ese mesmo ano dirixiu a revisión do Oxford Book of Canadian Poetry, o que a colocou á fronte dos poetas canadenses da súa xeración.

Atwood segue escribindo, con gran éxito para a crítica e para os seus lectores. Estúdanse os seus libros en escolas, institutos e universidades de todo o mundo.

Obra[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.