Marfil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Marfín»)
Diversos obxectos decorativos tallados en marfil.
Dente de cachalote gravado.
Cairos de xabaril.
Marfil fósil de mamut, degradado.
Tapa en marfil do Codex Aureus de Lorsch (ca. 810). Victoria and Albert Museum. (Londres).
A folla que se conserva do Díptico Barberini, talla en marfil do Imperio bizantino. Museo do Louvre.
Homes portando dentes de elefante en Dar es Salaam, ca.1900.
Porte de marfil no Congo belga (1910).

O marfil ou almafí (do árabe al-fil [الفيل] e este do persa pil, "elefante") segundo a Real Academia Galega é:[1][2]

Materia ósea dura e compacta de cor branca, da que está composta a parte máis resistente dos dentes dos mamíferos. Unha figura de marfil. O marfil dos dentes está cuberto de esmalte.

A etimoloxía alude aos dentes incisivos dos elefantes (mal denominados caíños ou cairos, e mesmo defensas) pero, na práctica, a palabra marfil aplícase tamén aos dentes doutros animais coma o mamut, a morsa, o cachalote ou o hipopótamo, de característica físicas similares ás dos incisivos do elefante.

Antes da aparición dos plásticos o marfil era moi usado como material para a fabricación das teclas dos pianos, bólas de billar, botóns e artigos ornamentais de xoiaría.

Emprégase o marfil para adorno de mobles e na construción de multitude de obxectos tales coma cepillos, peites, puños de bastóns ou caixas.

Características químico-físicas[editar | editar a fonte]

As principais características do marfil son as seguintes:[3].

  • Está constituído fundamentalmente por fosfato de calcio baixo a forma de apatita microcristalina, con baixas porcentaxes de carbonato de calcio e de proteínas como ligantes.
  • En contacto co lume, arde.
  • Dureza (segundo a escala de Mohs): 2,5-3.
  • Densidade: 1,70-1,95 g/cm³
  • Exfoliación: ausente.
  • Fractura: en estelas.
  • Cor: marfil (branca característica).
  • Po (cor do po): branca.
  • Brillo: céreo.

Historia[editar | editar a fonte]

O uso do marfil como material para a construción de elementos decorativos data da máis remota antigüidade. Escavacións nos países da conca mediterránea permiten fixar o seu uso desde hai uns 4.000 anos a.C.

No sitio arqueolóxico de Mostaxedda (An Nazlah al-Mustajiddah) encontráronse, nunha tumba do Exipto predinástico brazaletes de marfil, máis ben pequenos, que poida que fosen adornos de mulleres ou de nenos, ou talvez obxectos de distinción social ou tribal.[3] E na antiga India encontráronse restos do uso de marfil no templo de Taxila (no actual Paquistán), que datan do século II a.C.[4]

Tanto os antigos gregos coma os hebreos empregaron o marfil como adorno na decoración de salas, mobles e templos. Salomón tiña un trono de marfil incrustado de ouro, e nos museos arqueolóxicos poden admirarse gran número de obxectos feitos con este material pertencentes ás máis remotas civilizacións. O uso do marfil nas estatuas que na antiga Grecia se produciron proba que abundaba naquela época. Con el, Fidias fixo as famosas estatuas xigantescas de Atenea no Partenón e de Zeus, as cales medían 12 e 19 m de altura, respectivamente. Nestas esculturas empregouse o marfil para representar aquelas partes do corpo que non cubrían os vestidos.

Os romanos empregaron tamén o marfil para a escultura e a decoración. A arte bizantina fixo ampolo uso do marfil; así, as portas do templo de Santa Sofía en Constantinopla estaban adornadas con baixorrelevos deste material.

En Europa, ao final do primeiro milenio, o marfil foi aproveitado para crear non só obxectos senón tamén ornamentos litúrxicos, e alcanzou unha produción rica e notábel no mundo bizantino. Na época do románico fíxose habitual principalmente en báculos pastorais e relicarios, e na época gótica Francia asumiu a primacía destas actividades artísticas.[4]

En España e en Sicilia, os árabes que se asentaran alí fixeron grande uso do marfil, que trataban cortando círculos dos dentes de elefante en láminas delgadas que logo gravaban con suras do Alcorán ou outros textos sagrados coas que recubrían os ataúdes de madeira. A Igrexa os requiría para que efectuasen traballos especiais, coma relicarios, báculos pastorais, imaxes da Virxe e dos Santos, crucifixos, pías de auga bendita etc. Príncipes e reis coleccionaban obxectos de calquera xénero, entre eles os realizados en marfil.

A tendencia ao coleccionismo fíxose máis frecuente a partir do século XVI, incluíndo o desexo de adquirir coleccións naturalia et artificialia de estraños obxectos producidos espontaneamente pola natureza e obxectos orixinais creados pola man do home que confluíron na chamada Wunderkammer, ou gabinetes de marabillas, que acollían monstros da natureza e obras de arte, perlas, corais, dentes de elefante ao natural e obxectos de marfil habilmente deseñados. De 1600 en diante, e polo menos durante catro xeracións, na corte do rei de Dinamarca non só se recolleu unha cantidade incríbel de obxectos adquiridos ou recibidos como regalo dos gobernantes, senón que eles mesmos se divertían traballando o marfil no torno, e mesmo as damas de honor da corte considerábano o seu pasatempo favorito. O Castelo de Rosenborg, cerca de Copenhaguen, conserva aínda o banco de torneiro que pertenceu a Sofía Madalena, muller do rei Cristián V.

En África, onde podía obterse directamente, facíanse con marfil valiosos obxectos que a miúdo tiñan unha función relixiosa e social. Deste tipo eran algúns brazaletes do antigo reino de Benín (ou reino de Dahomei), imperio de complexa estrutura cuxo gobernante era considerado de orixe divina; os máis recentes datan do século XVI, cando comerciaban cos portugueses a partir de Porto Novo, e estaban decorados con figuras en altorrelevo nas que parecen intentar copiar formas das xoias europeas con imaxes de soldados con armadura. Estas figuras militares dan idea dun uso masculino dos brazaletes.[4]

A finais do século XVIII e principios do XIX foi diminuíndo en Europa o interese polo marfil. A única liña de traballo que resistiu foi a referente aos intereses femininos. Aínda que de forma limitada, vendíanse obxectos como recordos, colares, pulseiras, pendentes, crucifixos, rosarios, marcos para fotos etc. Hoxe en día en Europa, a maior parte destes obxectos caeu en desuso: o marfil búscase só en pezas realizadas no pasado e, por tanto, do do mercado de antigüidades. Porén, a demanda actual aínda é importante en Asia e África, e o prezo das pezas é moi elevado pola case imposibilidade de adquirir materias primas debido ás prohibicións impostas pola lei.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Debido á rápida diminución das poboacións de animais que producen o marfil, a importación e a venda deste material está prohibida ou severamente restrinxida. A maior responsábel da diminución das poboacións é a caza ilegal de animais, antes e durante a década de 1980. Desde a prohibición mundial do comercio de marfil en 1989 ocorreron altas e baixas na poboación de elefantes, pero a pesar das restricións á exportación e importación de marfil continúa a caza furtiva e o comercio ilícito deste material.

Exemplares famosos[editar | editar a fonte]

No Museo Británico de Londres hai un par de caíños, os máis pesados do mundo, de 3,5 m de lonxitude, diámetro de 47 cm e un peso de 97 kg un e 102 kg o outro, orixinarios de Kenya.[3]

No Museo de arte lapidario Lizzardo de Elmhurt, nos Estados Unidos exhíbese Unhua incrustación de marfil do século XIX.[3]

En Heidelberg inaugurouse un museo dedicado ao marfil con materiais provenientes principalmente do período comprendido entre os séculos XVI e XVIII.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. marfil Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. A etimoloxía é a mesma de alfil, peza do xogo de xadrez, que se fabricaba tradicionalmente con este material.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 VV. AA. (1993-1996): Il magico mondo di minerali & gemme. Guida pratica per scoprirli e collezionarli. Novara: Instituto Geografico De Agostini.
  4. 4,0 4,1 4,2 VV. AA. (1964): Le muse: enciclopedia di tutte le arti. Novara: Instituto Geografico De Agostini.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]