Marcador do discurso
| Marcador do discurso | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata | |||||||||
Os marcadores do discurso —tamén chamados ligazóns extraoracionais, conectores argumentativos, extraoracionais ou procesadores textuais— son unidades lingüísticas invariables que non desempeñan ningunha función sintáctica no marco da predicación oracional. Son, xa que logo, elementos marxinais con respecto á oración, pero cumpren un cometido común no discurso: guiar, de acordo coas súas propiedades morfosintácticas, semánticas e pragmáticas, as inferencias que se realizan durante a comunicación.
Características
[editar | editar a fonte]Xa Samuel Gili Gaya salientara algunhas das características propias destas partículas:
- O seu vínculo con nocións exteriores á predicación oracional.
- O seu carácter invariable, xa que non admiten flexión.
- A heteroxeneidade da súa entidade categorial, pois proceden de clases moi diversas: conxuncións, frases conxuntivas, interxeccións, etc.
- A versatilidade distribucional de moitos deles, que poden ocupar a posición inicial, medial ou final do membro discursivo en que aparecen.
- A súa peculiaridade significativa: contribúen a establecer o que se denomina coherencia textual, e adquiren unha pluralidade de valores semánticos, con frecuencia en combinación cos trazos suprasegmentais adecuados —sobre todo a entoación—.
- A posibilidade de asignárense a rexistros distintos: uns son máis propios do discurso escrito (porén, no entanto, por conseguinte...) e outros máis propios do discurso oral (pois, así que...).
- A capacidade de chegar a converterse en simples apoios da elocución ou «retrousos» propios da fala coloquial.
Función
[editar | editar a fonte]Que os marcadores do discurso son elementos invariables e sen función sintáctica pódese comprobar comparando «Lucía está lesionada e, por conseguinte, non pode xogar» con «Lucía está lesionada e, por este motivo, non pode xogar». Por conseguinte non desempeña función sintáctica ningunha nin admite flexión (*por conseguintes) nin complementos, mentres que por este motivo si o permite, xa que admite plural ou pode ampliarse con complementos (ata por estes pequenos motivos). Por iso non pode dicirse que por este motivo e expresións semellantes sexan verdadeiros marcadores do discurso.
Convén ter en conta, con todo, que os marcadores do discurso poden aparecer noutros contextos desempeñando funcións sintácticas propias; nese caso xa non funcionan como marcadores: Fareino ben / Ben, fareino; Fareino en calquera caso / En calquera caso, fareino; Non ten por que responder así / Así, non ten por que responder; Díxoo nunha palabra / Nunha palabra, díxoo.
Os marcadores do discurso diferéncianse tamén das conxuncións en que non se sitúan sempre ao principio do texto, senón que gozan de maior mobilidade, aínda que moitos deles adoitan colocarse alí de xeito case obrigatorio. Ademais, non admiten negación nin coordinación entre si (*bo e xa que logo), malia que os que son adverbios marcadores poden coordinarse con sintagmas situados en inciso: «A cultura é ademais, e sobre todo, actualidade»; «De feito, e malia que se verían infinidade de veces, nunca se referirían a aquel feito sobrenatural».
Tipoloxía
[editar | editar a fonte]María Antonia Martín Zorraquino e José Portolés distinguen cinco grandes clases de marcadores discursivos, cada unha coas súas correspondentes subclases:
- Estruturadores da información: comentadores, ordenadores (de apertura, de continuidade e de pechadura) e digresores.
- Conectores: aditivos, consecutivos e contraargumentativos.
- Reformuladores: explicativos, rectificativos, de distanciamento e recapitulativos.
- Operadores argumentativos: de reforzo argumentativo e de concreción.
- Marcadores conversacionais: epistémicos (de evidencia e orientadores da fonte), deónticos, enfocadores de alteridade e metadiscursivos conversacionais.
Estruturadores da información
[editar | editar a fonte]Os estruturadores da información son os marcadores que organizan e xerarquizan os contidos do discurso, sinalando como se relacionan entre si as súas distintas partes. Divídense en comentadores, ordenadores e digresores.
Comentadores
[editar | editar a fonte]Presentan un novo comentario dentro do discurso: pois (sen pausa posterior), pois ben (que retoma o dito antes como base do que segue), así as cousas (que, pola contra, non o retoma) ou dito isto/iso, entre outros.
- —Coñecía a Soleiro?
- —Un coxo que ía a Mondoñedo ao mercado?
- —O mesmo. Pois aparecéuselle á súa muller en forma de corvo.
Ordenadores
[editar | editar a fonte]Agrupan varios membros do discurso como partes dun mesmo comentario; son de uso máis frecuente no texto escrito ca no oral. Adoitan basearse na numeración (primeiro... segundo...), no espazo (por unha banda... por outra; dun lado... doutro) ou no tempo (despois, logo, en fin, finalmente...), e algúns forman pares correlativos. Distínguense tres tipos:
- Ordenadores de apertura, que abren unha serie: en primeiro lugar, primeiramente, por unha banda, dunha parte, dun lado...
- Ordenadores de continuidade, que indican que o membro que acompañan forma parte dunha serie xa iniciada: en segundo/terceiro/cuarto lugar, por outra (parte), por outro (lado), pola súa banda, doutra (parte), doutro (lado), así mesmo, igualmente, de igual forma/modo/xeito, logo, despois...
- Ordenadores de pechadura, que sinalan a fin da serie discursiva: para rematar, en último lugar, en último termo, en fin, por fin, finalmente.
Algúns ordenadores, cando van en inciso, achéganse ao valor dos digresores; é o caso de por outra banda, doutra banda e polo demais. Este último, ademais, xerarquiza o seu membro como de menor importancia con respecto aos anteriores. Pola súa banda carece de correlato de apertura e non está totalmente gramaticalizado como ordenador, mentres que en parte pode funcionar tanto como marcador de apertura coma de continuidade, segundo o contexto. As formas de igual modo/forma/xeito/sorte están, pola súa vez, escasamente gramaticalizadas.
Digresores
[editar | editar a fonte]Introducen un comentario lateral relacionado só de forma tanxencial co tema principal do discurso: por certo, á mantenta, a todo isto (que introduce un membro que require información que xa se debería coñecer nese punto do discurso) e, con menor grao de gramaticalización, dito sexa de paso, dito sexa, entre parénteses ou outra cousa (que serve para introducir outro tema sen cederlle a quenda de palabra ao interlocutor).
Conectores
[editar | editar a fonte]Un conector é o marcador discursivo que vincula, desde o punto de vista semántico e pragmático, un membro do discurso cun membro anterior. Nalgúns casos ese primeiro membro pode ser soamente situacional ou contextual, sen chegar a formularse explicitamente: un neno pode amosarlle a outro o seu coche de xoguete e dicirlle «Ademais, ten sirena».
Aditivos
[editar | editar a fonte]Unen a un membro discursivo anterior outro coa mesma orientación argumentativa, o que permite inferir conclusións que doutro xeito non se alcanzarían. Distínguense dous tipos:
- Os que sitúan ambos os membros na mesma escala argumentativa, coma ata —que indica que o argumento seguinte é máis forte có primeiro: pode dicirse «Debemos levar o neno ao hospital. Ten moita febre e, ata, comezou a delirar», pero non *«Debemos levar o neno ao hospital, comezou a delirar e, ata, ten moita febre»—, así como inclusive e é máis, que tamén reforzan o argumento que introducen.
- Os que non cumpren esa condición: ademais, e enriba (que presenta o membro anterior como argumento suficiente para determinada conclusión e, a diferenza de ademais, pode admitir unha conclusión oposta), á parte (propio da lingua coloquial: «Non irei ver esa película. É longa e aburrida. Á parte, quedei para ir á disco») e por riba (que conecta cun membro anterior, ou máis frecuentemente cunha serie deles).
Consecutivos
[editar | editar a fonte]Presentan o membro do discurso en que aparecen como consecuencia dun membro anterior: pois, así pois, xa que logo, por conseguinte, conseguintemente, consecuentemente, polo tanto, de aí; en consecuencia e de resultas (nos que o consecuente é un estado de cousas derivado doutro estado de cousas); así, entón...
Contraargumentativos
[editar | editar a fonte]Vinculan dous membros do discurso de xeito que o segundo se presenta como supresor ou atenuador dalgunha conclusión que se puidese extraer do primeiro: en cambio, pola contra, polo contrario, por contra (que expresan contraste ou contradición entre os membros); así a todo (cuxo membro comenta o mesmo tópico có membro anterior); no entanto, emporiso, agora ben e agora (que introducen conclusións contrarias ás esperables a partir do primeiro membro); e iso si, que amosa un membro discursivo que atenúa a forza argumentativa do membro anterior.
Reformuladores
[editar | editar a fonte]Os reformuladores presentan o membro do discurso que introducen como unha nova formulación dun membro anterior.
Explicativos
[editar | editar a fonte]Ou sexa, é dicir, isto é, a saber; noutras palabras, noutros termos, dito con/noutros termos, con outras palabras, dito doutro xeito/modo/forma...
Rectificativos
[editar | editar a fonte]Substitúen un primeiro membro —presentado como unha formulación incorrecta— por outro que o corrixe ou, cando menos, o mellora: mellor dito, mellor aínda, máis ben e, en inciso e con menor grao de gramaticalización, digo, xeralmente precedidos de ou ou non.
De distanciamento
[editar | editar a fonte]Presentan como non relevante un membro anterior con respecto a aquel que os acolle. Non pretenden formular de novo o dito antes, senón amosar a nova formulación como a que ha condicionar a continuación do discurso, á vez que privan de pertinencia o membro precedente: en calquera caso, en todo caso, de tódolos xeitos/formas, de calquera modo/xeito/forma (menos frecuentes), de calquera sorte, de todas sortes...
Recapitulativos
[editar | editar a fonte]Presentan o seu membro como unha conclusión ou recapitulación a partir dun membro anterior ou dunha serie deles: en suma, en conclusión, en resumo, en síntese, en resolución; nunha palabra, en dúas palabras, en poucas palabras (que presentan o membro como unha condensación de membros anteriores); en resumidas contas, en definitiva, a fin de contas, en fin; total (que se usa de dúas formas: ben para presentar a exposición precedente como innecesariamente prolixa, ben como operador discursivo que reformula membros implícitos e reforza como argumento o membro que introduce); e á fin e ao cabo, logo de todo (que indican que o membro en que aparecen ten máis forza argumentativa ca outros membros anteriores contraorientados con el, como tamén, ás veces, en realidade e no fondo).
Operadores argumentativos
[editar | editar a fonte]Chámanse así os marcadores que, polo seu significado, condicionan as posibilidades argumentativas do membro do discurso en que se inclúen, pero sen relacionalo cun membro anterior[1].
De reforzo argumentativo
[editar | editar a fonte]O seu significado consiste esencialmente en reforzar como argumento o membro do discurso en que se atopan, o que limita á vez as demais posibles conclusións: en realidade (que distingue outro argumento como mera aparencia), no fondo (que presenta un argumento con máis forza ca outro simplemente posible) e de feito (que presenta un argumento como un feito certo e, por tanto, con máis forza ca outro discutible ou probable).
De concreción
[editar | editar a fonte]Presentan o membro do discurso que os inclúe como unha concreción ou exemplo dunha expresión máis xeral: por exemplo, en concreto, en particular, por caso.
Marcadores conversacionais
[editar | editar a fonte]Os marcadores conversacionais distínguense dos propios da lingua escrita en que á súa función informativa ou transaccional engaden outra función interactiva ou interaccional orientada cara ao interlocutor. Na conversa cómpre, pois, distinguir a modalidade dos contidos proposicionais ou, na terminoloxía dos actos de fala, a forza ilocutiva dos contidos locutivos. Establécense dúas grandes modalidades:
- A modalidade epistémica, referida a nocións relacionadas coa posibilidade ou a necesidade, coa evidencia —sobre todo a través dos sentidos— ou co oído dicir. Os seus marcadores son do tipo de en efecto ou polo visto.
- A modalidade deóntica, que inclúe actitudes relacionadas coa vontade ou co afectivo. Os seus marcadores son do tipo de bo ou ben.
De modalidade epistémica
[editar | editar a fonte]Empréganse en enunciados declarativos e distínguense dous subtipos:
- Marcadores de evidencia, que reforzan a aserción —o «si» ou o «non»—, ás veces tematizándoa con «que»: abofé, dende logo, por suposto, naturalmente e sen dúbida (este último menos gramaticalizado, xa que admite variantes coma sen ningunha dúbida ou sen dúbida de ningún xénero). Outro grupo, en cambio, non admite esas variantes: en efecto, efectivamente...
- Marcadores orientadores sobre a fonte da mensaxe, mediante os cales o falante presenta o discurso ben como algo que reflicte a súa propia opinión, ben como algo que oíu dicir ou que coñece a través doutros e que transmite como opinión allea: polo visto e, con menor grao de gramaticalización e de coloquialidade, ao parecer (con variantes coma ao meu parecer, ao parecer duns e doutros, segundo parece, polo que parece...).
De modalidade deóntica
[editar | editar a fonte]Reflicten actitudes do falante relacionadas coa expresión da vontade ou do afectivo, e indican se acepta, admite, consente ou non consente o que se infire do fragmento de discurso ao que remiten. Van separados por unha pausa marcada e poden alternar con outros procedementos expresivos, coma os verbos realizativos acepto, consinto, admito ou construcións do tipo ben está, está ben, bo está. Exemplos: bo, ben, vale, de acordo, abofé, claro, xaora, perfectamente, cabalmente. Non se consideran, en cambio, marcadores do discurso expresións coma veña, en absoluto ou nin falar.
Enfocadores de alteridade
[editar | editar a fonte]Apuntan cara ao oínte (home, muller, mira, ves, escoita, entendes?, óesme?, escóitasme?, estasme escoitando?) ou, con menor frecuencia, cara a ambos os interlocutores (vamos, en uso imperativo). Serven para comentar o fragmento do discurso ao que remiten —amosando a actitude do falante con respecto a el— pero, sobre todo, para sinalar o enfoque das relacións que mantén o falante co oínte, xa sexan amigables, corteses, etc. É o caso de bo (nun uso distinto do deóntico e do metadiscursivo, xa que aquí só serve para reforzar a imaxe positiva do falante), vamos (co mesmo valor e, ademais, para favorecer a comuñón entre os falantes), mira, mire, oe ou oia. Tamén se usan con frecuencia formas verbais de segunda persoa —ves, verás, escoita, fíxate, sabes, entendes—, que amosan claros signos de gramaticalización, así coma expresións do tipo non?, verdade? ou non si?. O por favor en inciso é tamén un enfocador de alteridade moi gramaticalizado.
Metadiscursivos conversacionais
[editar | editar a fonte]Trazan o esforzo que realizan os falantes para formular e ir organizando o seu discurso, e funcionan como signos de puntuación para o descanso: xa, si, bo, ben.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xosé Ramón Freixeiro Mato, Locucións conectoras consecutivas de carácter parentético no galego moderno e contemporáneo, Universidade da Coruña, p. 14.