Marabu, estilizada como marabu e legalmente constituída como Marabu Airlines OÜ, é unha aeroliña de vacacións estoniana con sede en Talín e coas súas operacións baseadas nos aeroportos alemáns de Hamburgo e Múnic. A venda dos billetes corre a cargo de Condor, que describe á compañía como unha aeroliña asociada.[1]
O 13 de decembro de 2022 Attestor Capital, o propietario do 51% das accións da aeroliña alemá Condor, anunciou a incorporación dunha compañía rexistrada en Estonia, que comezaría as súas operacións na tempada de verán de 2023 usando avións Airbus A320neo de Nordica.[2]
Nordic Aviation Group, a compañía matriz de Nordica, xa revelara previamente o seu papel na creación dun Certificado de Operador Aéreo (AOC) estoniano para un cliente non identificado, que comezaría as súas operacións na primavera de 2023. O 6 de abril de 2023 Xfly, parte de Nordic Aviation Group, publicou un video na súa canle de YouTube anunciando que este proceso se completara.[3]
O 15 de abril de 2023 o primeiro avión de Marabu, rexistrado ES-MBU, realizou o seu primeiro servizo dende Múnic ata Palma de Mallorca co indicativo MBU6508.[4]
Pouco despois da súa inauguración Marabu foi centro da atención dos medios e tivo graves críticas debido a grandes atrasos, cancelacións de voos e supostamente pouca información aos seus clientes. A aeroliña declarou problemas técnicos coa aeronave alugada e coa tripulación de cabina desaparecida como causa e planeou incorporar operadores adicionais para estabilizar o calendario.[5][6] Tratando de estabilizar as súas operacións, Marabu cancelou as súas rutas tanto dende Hamburgo como dende Múnic a Talín, antes incluso de que comezasen, e cancelou os voos de Hamburgo a Roma despois de poucas viaxes.[7]