María Kodama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Kodama
María Kodama graba fragmentos de textos literarios japoneses (33720919105) (cropped).jpg
Nome completoMaría Kodama Schweizer
Nacemento10 de marzo de 1937
Lugar de nacementoBuenos Aires
Falecemento26 de marzo de 2023
Lugar de falecementoVicente López
CausaCancro de mama
NacionalidadeArxentina
Alma máterUniversidade de Buenos Aires
Ocupaciónescritora e tradutora
CónxuxeJorge Luis Borges
Na rede
IMDB: nm1340766 Facebook: mariakodamaoficial Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

María Kodama, nada en Buenos Aires o 10 de marzo de 1937[a] e finada en Vicente López o 26 de marzo de 2023,[2][3] foi unha escritora, tradutora e profesora de literatura arxentina, coñecida pola súa relación co escritor Jorge Luis Borges[3] con quen casou en 1986, pouco antes da morte deste.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

María Kodama en 2010.

Naceu en Buenos Aires, filla de María Antonia Schweizer, de ascendencia suízo-alemá, inglesa e española, e do químico xaponés Yosaburo Kodama.

Estudou Literatura na Universidade de Buenos Aires, e aínda que a convención é que foi ali onde coñeceu ao escritor arxentino Jorge Luis Borges[5] nunhas sesións de estudos literarios grazas ao interese compartido nas linguas anglosaxoas, nunha entrevista ao xornal arxentino La Nación, afirmou que o coñecera con 16 anos.[6] Posteriormente iniciaron estudos do islandés, idioma no que Borges estaba interesado, por consideralo unha lingua nai.

Logo de ser compañeira de estudos (en numerosas entrevistas negou rotundamente ser a súa secretaria persoal) en 1975 viaxaron xuntos aos Estados Unidos.[7] Colaborou con el nos libros Breve antología anglosajona (1978) e Atlas (1984), testemuño de viaxes que realizaron xuntos ao redor do mundo, e na tradución do Gylfaginning, primeiro libro da Edda Menor de Snorri Sturluson, que se publicou baixo o título La alucinación de Gylfi. En 1978 estréase unha película dirixida por Ricardo Wullicher titulada Borges para millones na cal aparece Kodama.

O 26 de abril de 1986 casou con Borges mentres estaban en Suíza, poucos meses antes da morte del. O casamento realizouse por poderes en Asunción de Paraguai[8] e Borges declarouna herdeira universal; o que levou a que os detractores dela a acusasen de obrigalo a el a casar e de se aproveitar del.[9]

Como herdeira universal de Borges, presidiu a Fundación Internacional Jorge Luis Borges, con sede en Buenos Aires[10] e, en 2008, comezou na mesma localidade o proceso de creación dun museo adicado ao escritor.[11]

Faleceu por cancro de mama o 26 de marzo de 2023, na súa casa de Vicente López, ao norte do Gran Buenos Aires.[3]

Polémicas[editar | editar a fonte]

O 4 de decembro de 2019 protagonizou unha polémica co entón presidente electo da Arxentina, Alberto Fernández, ao rexeitar a iniciativa de crear un "Museo Borges" con manuscritos doados polo empresario Alejandro Roemmers. En declaracións exclusivas á axencia Noticias Argentinas, Kodama afirmou que os libros que pretendía achegar o empresario foran "roubados" a Borges por unha empregada doméstica.[12] Logo da acusación, Alejandro Roemmers afirmou que tiña "documentación respaldatoria" para comprobar que os papeis de Borges foron adquiridos de maneira lexítima.[13]

Tamén lle esixiu á editora Alfaguara a retirada da venda da obra do escritor coruñés Agustín Fernández Mallo El hacedor (de Borges). Remake por considerar que non era unha homenaxe ao autor, e conseguiu a retirada.[14]

María Kodama e Galicia[editar | editar a fonte]

En 2008 acompañou a Claudio Rodríguez Fer en Buenos Aires na presentación de Borges dende o labirinto galego.[15] En 2011 pechou na Cidade da Cultura o ciclo literario Galicia, ceo das letras[16] e visitou Galicia con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.[17]

Obras[editar | editar a fonte]

  • Homenage a Borges (2016). Lumen.
  • Relatos (2018). Suramericana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A data do seu nacemento foi bastante cuestionada. Malia que, en varias recensións periodísticas, aparece a data de 1945 e na acta de matrimonio con Borges se indica 1941, na súa partida de nacemento aparece a data de 1937.[1]
Referencias
  1. "La viuda, la elegida, la guardiana". web.archive.org. 2013-10-30. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2013. Consultado o 2023-03-26. 
  2. EFE (2023-03-26). "Muere María Kodama, viuda de Jorge Luis Borges". elperiodico (en castelán). Consultado o 2023-03-26. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Redacción (26 de marzo de 2023). "Murió María Kodama, viuda de Jorge Luis Borges". lanacion.com.ar (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  4. Prieto, María (7 de outubro de 2006). "La viuda, la elegida, la guardiana". clarin.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2018. Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  5. Redacción (26 de marzo de 2023). "¿De qué murió María Kodama?". lanacion.com.a (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  6. Gigena, Daniel (8 de marzo de 2022). "María Kodama: “Borges era muy celoso”". lanacion.com.ar (en castelán). Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  7. "8. MARIA KODAMA". Consultado o 2023-03-26. 
  8. "ABC MADRID 15-05-1986 página 56 - Archivo ABC". abc. 2019-08-20. Consultado o 2023-03-26. 
  9. EFE (2023-03-26). "Muere la escritora argentina María Kodama, viuda de Jorge Luis Borges, a los 86 años". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2023-03-26. 
  10. Fessou, Didier (15 de outurbro de 2010). "Une vie merveilleuse avec Borges". lesoleil.com (en francés). Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  11. Tremblay, Odile (7 de agosto de 2008). "La bibliothèque de Borges". ledevoir.com (en francés). Consultado o 26 de marzo de 2023. 
  12. "María Kodama denunció que los manuscritos ofrecidos por empresario para el "Museo Borges" son "robados" - NA". noticiasargentinas.com (en castelán). Consultado o 2023-03-26. 
  13. "El empresario Roemmers negó la acusación de María Kodama - NA". noticiasargentinas.com (en castelán). Consultado o 2023-03-26. 
  14. "Fallece María Kodama, viuda de Borges, guardiana de su obra y su heredera universal". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-03-26. Consultado o 2023-03-26. 
  15. "Claudio Rodríguez Fer presentará en Buenos Aires con María Kodama un libro sobre Borges". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-05-14. Consultado o 2023-03-26. 
  16. "A viúva de Jorge Luis Borges, María Kodama, pechará o sábado na Cidade da Cultura o ciclo literario “Galicia ceo das letras” - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2023-03-26. 
  17. Rodríguez Fer, Claudio. "María Kodama, musa de Borges e amiga de Galicia". galiciadigital. Consultado o 30 de marzo de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]