María Gómez González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Gómez González
Nacemento6 de febreiro de 1905
Lugar de nacementoBelmez
Falecemento23 de febreiro de 1986
Lugar de falecementoLugo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítica
editar datos en Wikidata ]

María Purificación Gómez González, coñecida como Maruja Gómez, nada en Belmez (provincia de Córdoba) o 6 de febreiro de 1905 e finada en Lugo o 23 de febreiro de 1986, foi unha política galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O pai traballara como enxeñeiro de vías e obras nos camiños de ferro, de aí que ela nacese en Bélmez. Porén, a familia mudou máis tarde a Vigo. María Gómez colaborou en Faro de Vigo. Afiliouse a Izquierda Republicana, partido fundado en 1934 por Manuel Azaña, cando tiña 29 anos. Estaba casada con José Ares, mestre nacional que estaba destinado na escola parroquial de Parada das Achas, na Cañiza. Presentouse ás eleccións municipais o 16 de febreiro de 1936, por Izquierda Republicana, e na votación do 14 de marzo María Gómez converteuse na primeira alcaldesa da Cañiza e na única muller alcaldesa na Galicia en 1936.[1][2]

Golpe de Estado[editar | editar a fonte]

Ás 10 da mañá do día 21 de xullo de 1936, as forzas da Compañía de Asalto de Pontevedra entran na Cañiza e fanse co concello sen atopar ningunha resistencia, onde apreixaron as armas que alí se atopaban e armaron os simpatizantes do movemento militar. A alcaldesa é detida e levada á prisión de Ribadavia. O 10 de outubro celébrase en Vigo consello de guerra contra ela, e é condenada por rebelión militar á pena de morte, xunto a Jesús Eugenio Pérez Pérez e Antonio Mojón Vázquez, mestres nacionais, Tirso Gómez Freijido, latoeiro, e Justo Moure Giráldez, propietario do bar O Paraíso e concelleiro, todos eles socialistas. A sentenza recibiu o voto particular do presidente do consello que non atopou gravidade nos feitos demostrados, e optou pola reclusión perpetua. O día 11 de outubro María alega estar preñada, e despois de ser recoñecida, o alférez médico Manuel Rodríguez-Grandjean ditamina que era posible que estivese de dous meses. Os seus compañeiros foron executados.[1]

O seu home fica preso no cárcere da illa de San Simón. O 2 de novembro Gómez escribe a Francisco Franco pedíndolle clemencia. O 13 de decembro chega a conmutación da pena de morte pola de reclusión perpetua, e pouco despois trasládana ao cárcere de mulleres de Mutriku, en Guipúscoa. Mais logo foi trasladada ao de Santurrarán, onde fixo amizade con Urania Mella.

Posguerra[editar | editar a fonte]

En xuño de 1943 María foi posta en liberdade, tras serlle conmutada a perpetua por unha condena de doce anos e un día. Logo de pasar por Ribadavia marchou á cidade de Lugo, onde se estableceu definitivamente cos catro fillos. Coa saída da cadea de Urania en 1945, fóise vivir con ela, coa compaña do seu fillo Raúl.[3] Aprobou unhas oposicións para enfermeira, despois de conseguir cancelar os antecedentes penais. Exerceu de enfermeira de vacinacións ata a súa xubilación en 1977, e recibiu diversas condecoracións do ministerio de Sanidade. Participou nunha serie de programas de radio como guionista, baixo o alcume de Maruja de Córdoba e morreu aos 81 anos de idade.


Predecesor:
?
 
Alcaldesa da Cañiza
 
14/3/1936 - 21/7/1936
Sucesor:
Enrique Lourido-Mera Jiménez

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en Vigo con José Ares Sánchez en 1926,[4] e foi nai de Araceli, José, Vicente e Alicia Ares Gómez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 María José Berneto Navarro, María. Alcaldessa a la II República (.pdf), in Memòria Antifranquista del Baix Llobregat, páx. 17-19
  2. Cultura galega.
  3. "Nomes e Voces". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2011. Consultado o 04 de marzo de 2012. 
  4. La Provincia, 2-3-1926, p. 3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]