Concepción Méndez Gándara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «María Concepción Méndez Gándara»)
Infotaula de personaConcepción Méndez Gándara

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo XX Editar o valor em Wikidata
Sandiás Editar o valor em Wikidata
Alcaldesa de Sandiás
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

María Concepción Méndez Gándara, nada en Sandiás,[1] é unha mestra e política galega do PPdeG.

Mestra de profesión, foi alcaldesa do concello de Sandiás durante 36 anos, dende as primeiras eleccións democráticas ata o ano 2015. Foi unha das pioneiras en Galicia, xa que foi unha das 99 alcaldesas de España elixidas o 3 de abril de 1979, outras cinco accederon á alcadía a partir do ano 1980.[2] Delas soamente sete en Galicia, seis na provincia de Ourense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o bacharelato nas Xosefinas de Ourense e despois fixo a diplomatura en Maxisterio.[1]

Entrou en política no ano 1979 da man de Eulogio Gómez Franqueira e Pío Cabanillas Gallas,[3] presentándose pola UCD de Sandiás nas eleccións de abril de 1979, resultando elixida por maioría absoluta.[4] Foi delegada na III Asemblea provincial da UCD (1980) e compromisaria nas diferentes asembleas provinciais da UCD de Ourense, así como no II Congreso Nacional da UCD (Palma, febreiro de 1981) e no I Congreso da UCD de Galicia (Lugo, maio de 1982).

Trala desintegración da UCD, despois da derrota das eleccións xerais do 28 de outubro de 1982, pasou a formar parte en febreiro de 1983 de Centristas de Ourense, partido que conxuntamente cos restos centristas e do Partido Galeguista deu lugar en marzo de 1983 a Coalición Galega. Con Coalición Galega gañou por maioría simple as eleccións municipais de 1983.

En 1985, despois da escisión de Coalición Galega, formou parte cos antigos alcaldes de Centristas de Ourense do novo partido, Centristas de Galicia.[3] No primeiro congreso deste partido formou parte do seu comité executivo. Nas eleccións locais de 1987 revalidou a alcaldía coa coalición electoral de AP con Centristas de Galicia. En 1991 revalidou a alcaldía na Converxencia Centristas e CDS. Neste ano pasou a formar parte do PPdeG, cando Centristas de Galicia se integrou finalmente neste partido,[3] gañando por maioría absoluta ata o ano 2015 con estas siglas.

Foi presidenta e principal animadora da asemblea local da Cruz Vermella Española de Sandiás e impulsora do posto de socorro da Cruz Vermella desta localidade, posto en marcha no ano 1980. Posúe a Medalla de Prata da Cruz Vermella Española concedida no ano 1996.[5] Foi tamén vogal da Comisión de Control de Caixa Ourense (1991-1993) e secretaria de dita comisión (1993-1995).

Do 1994 ao 1998 foi asesora para asuntos relacionados cos concellos dos Conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria, Juan Piñeiro Permuy e Celso Currás Fernández. No ámbito educativo, tamén formou parte, ata o ano 2004, do Consello Escolar de Galicia, como membro en representación da Administración local,[6] proposta pola FEGAMP.

O 14 de decembro de 2004, foi unha das 41 alcaldesas e alcaldes que atesouraban 25 anos de servizo á fronte dos seus concellos, que foron homenaxeados pola FEGAMP, con ocasión dos XXV anos de Concellos democráticos de Galicia. Así mesmo, nesa mesma data, recibiu de mans do presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luis Baltar Pumar, o bastón de mando honorífico por levar 25 anos á fronte da Corporación Municipal do Concello de Sandiás.

Entre 2004 e 2006 foi elixida deputada provincial[7] en representación do PPdeG, polo partido xudicial de Xinzo de Limia, substituíndo o deputado de Xinzo de Limia, Isaac Vila.[8] Foi presidenta da Comisión Especial de Contas, Facenda e Economía, e representou a Deputación de Ourense no Consello Asesor de Telecomunicación e Audiovisual de Galicia, na Comisión Interinstitucional do Menor da Xunta de Galicia, na Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín e no Padroado Provincial de Turismo.

Exerceu tamén a vicepresidencia, a presidencia, e finalmente a Tesouraría do Consorcio Comarcal Contra Incendios e Salvamento da Limia.

Nas eleccións municipais de 24 de maio de 2015, perdeu as eleccións fronte a unha lista independente,[9] e se retirou da política local.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Cid Galante, Rosa María (30 de xullo de 2023). "María Concepción Méndez Gándara". mulleresourensas.blogspot.com. Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  2. Sangiao, Sergio (7 de marzo de 2023). "Las 99 del 79: las primeras alcaldesas de la democracia". publico.es (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Redacción (3 de abril de 2004). "Concepción Méndez Gándara, alcaldesa desde 1979". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  4. Muñoz, Rosa (13 de maio de 2007). "Siete alcaldes muy diferentes". elmundo.es (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  5. "#Memoriarural 1996: Concedéselle a Medalla de Prata da Cruz Vermella Española á María Concepción Méndez Gándara, alcaldesa de Sandiás". nocorazondaantela.blogspot.com. 14 de outubro de 2019. Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  6. Xunta de Galicia (26 de xullo de 2004). "DECRETO 165/2004, do 15 de xullo, polo que se dispón o cesamento e o nomeamento de membros do Consello Escolar de Galicia". xunta.gal. Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  7. Redacción (21 de decembro de 2014). "O PP de Ourense presenta alineación disposto a arrasar outra vez". galiciaconfidencial.com (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  8. Redacción (26 de abril de 2009). "Conchita Méndez (Sandiás)". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  9. Martínez, Sindo (27 de maio de 2015). "Los independientes acaban con 36 años de mandato de Concepción Méndez". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 
  10. Redacción (6 de xuño de 2015). "Las alcaldesas de Sandiás y Ramirás abandonan la política tras constatar que sólo les queda la oposición". ourensedixital.com (en castelán). Consultado o 29 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Luis Otero Bobillo
 
Alcaldesa de Sandiás
 
1979 - 2015
Sucesor:
Felipe Traveso García