María Casares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «María Casares Pérez»)
Infotaula de personaMaría Casares

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Maria Victoria Casares Pérez Editar o valor em Wikidata
21 de novembro de 1922 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de novembro de 1996 Editar o valor em Wikidata (74 anos)
Alloue, Francia Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturacemiterio de Alloue Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia
España Editar o valor em Wikidata
EducaciónConservatorio de París
Cours Simon (en) Traducir
Instituto-Escuela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónactriz de teatro , actriz de cinema Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeAndré Schlesser (pt) Traducir (1978–1985) Editar o valor em Wikidata
ParellaJean Servais (–1948)
Gérard Philipe (1947–)
Albert Camus (1944–1945) Editar o valor em Wikidata
PaiSantiago Casares Quiroga Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0143018 Allocine: 667 Allmovie: p11526 IBDB: 34832
Bitraga: 3595 BUSC: casares-maria-1922-1996 Musicbrainz: 4b2b1602-37da-4e31-9bc2-258982e8493b Discogs: 492669 Find a Grave: 10005574 Editar o valor em Wikidata

María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novembro de 1922 e finada en Alloue (Charente, Nova Aquitania, Francia) o 22 de novembro de 1996,[1] foi unha actriz galega que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña. En Francia era coñecida como Maria Casarès.

Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés e apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Casa da familia Casares na Coruña.

María Casares naceu na Coruña en 1922, filla do político e avogado Santiago Casares Quiroga (1884-1950) e de Gloria Pérez, finada en París en 1945. Non foi unha filla desexada e anos máis tarde dixo ironicamente: "Cando meus pais me collían, era inadvertidamente ou por erro".[2] Tivo unha media irmá, Esther Casares,[3] nada dun matrimonio anterior de seu pai e un irmán, Enrique, que adoptaron os seus pais durante a guerra civil. A familia residía no número 12 da rúa Panadeiras, hoxe convertido en casa museo da familia.[4] Durante os veráns a familia trasladábase a Oleiros, onde alugaban o Pazo do Río ou a Villa Galicia,[5] e realizaban paseos pola praia de Bastiagueiro.[3]

Comezou a escola na cidade da Coruña, estudando no Colexio Francés, situado na Cidade Xardín;[3] alí viu filmes e recibiu clases de recitación.[4]

En 1931, coa proclamación da Segunda República, a familia marchou a Madrid. María estudou no Instituto Escuela, onde comezou a facer teatro.[3] Nesa cidade tamén tivo ocasión de asistir a representacións teatrais e mais cinematográficas.[3]

Exilio[editar | editar a fonte]

Tiña 14 anos cando se levou a cabo o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, e aínda que nos primeiros meses seguiu en Madrid asistindo feridos xunto á súa nai, o seu pai, que no momento do golpe era o presidente do Consello de Ministros, dediciu en outubro que ambas marchasen a Barcelona e de aí a Francia.[3] Chegaron a París o 20 de novembro de 1936, véspera do aniversario de María, e aloxáronse no hotel Paris-New York, da rúa Vaugirard. Estudou no liceo Victor-Duruy, onde aprendeu o francés e coñeceu o actor de nacionalidade española Pierre Alcover e a súa dona, Colonna Romano, membro da Comédie-Française. Isto axudou a familia Casares e impulsou a María a facer teatro. Porén, o seu primeiro intento de entrar no Conservatorio de París fracasou a causa do seu marcado acento.[6]

Tras acabar a guerra civil española, o seu pai reuniuse con elas en París,[3] mais durante a segunda guerra mundial o seu pai marchou a Londres mentres ela e a súa nai partían ás Landas, antes de volver a París, onde viviron nun piso na esquina das rúas Enfant-Jésus e Vaugirard. Con traballo, conseguiu entrar no Conservatorio de París en 1941.[3] O primeiro papel profesional foi en A Celestina. En outubro do 1943 representou con grande éxito a obra de Georges Neveux A viaxe de Teseo. O 19 de marzo do ano seguinte coñeceu a Albert Camus na casa de Michel Leiris, e comezou unha relación sentimental con el durante os ensaios de O malentendido, onde interpretaba a Martha. O escritor, que puxo a María en contacto coa Resistencia e os exiliados españois, foi para a actriz "pai, irmán, amigo, amante e ás veces fillo". A guerra e Francine Faure, esposa de Camus, separounos e romperon a relación ao final da guerra. Porén, atopáronse por casualidade en 1948 e mantiveron unha apaixonada relación en segredo que rematou coa morte accidental do escritor en 1960. En novembro de 2017, a filla de Albert Camus publicou 865 cartas inéditas entre o seu pai e a artista galega, que certifican a paixón amorosa que mantiveron durante anos.[7]

En 1946 faleceu a súa nai e en 1950 o seu pai. Ademais, non puido ver a súa irmá Esther ata que en 1955 esta logrou saír de España e exiliarse en México.[3]

María Casares protagonizou ademais Estado de sitio e Os xustos, de Camus, e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdoa en musa do existencialismo francés. En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP),[8] compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación e potenciamento do festival de teatro de Avignon. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo, Chekhov, Ibsen e Eurípides, entre moitos outros.

Éxito[editar | editar a fonte]

Iniciouse no cinema cun papel secundario nunha película de Marcel Carné, Les enfants du paradis e pouco despois, en 1944, protagonizou Les dames du Bois de Boulogne de Robert Bresson. Jean Cocteau dirixiuna en O testamento de Orfeo (1950) e fíxose moi popular, se ben en España foi silenciada.

A partir de 1952, a pesar de que continuou aparecendo ocasionalmente en filmes, dedicouse especialmente ao teatro.[3] Uniuse ao Festival de Aviñón e entrou na Comédie-Française. Antes que ela, ningún actor ou actriz estranxeiro actuara na Comédie-Française, aínda que a abandonou en 1954 por desacordos coa dirección. Pasou entón ao Théâtre National Populaire baixo a dirección de Jean Vilar.[3]

Participou en xiras por todo o mundo, aparecendo en grandes clásicos do teatro francés. En 1957 realizou unha xira co TNP por Suramérica, durante a que foi homenaxeada polos exiliados galegos (Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Luis Seoane, Laxeiro,...) e se produciu o reencontro coa súa lingua.[3] En 1958 interpretou as obras Le Cid, de Corneille, Marie Tudor, de Victor Hugo e Le Triomphe de l'Amour (The Triumph of Love), de Marivaux en Broadway.

Trala morte de Albert Camus, nun intento de afastala da súa profunda tristeza, os amigos íntimos de María Casares, incluíndo a André Schlesser, suxeríronlle que mercase unha casa. O 5 de agosto de 1961, ela e Schlesser compraron a mansión, as dependencias e as terras de la Vergne, situada no municipio de Alloue.[9] En 1963 volveu a Buenos Aires para estrear a obra Yerma, de Federico García Lorca, que foi o seu debut en castelán.[3]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Trala morte do ditador Francisco Franco, no ano 1976 María Casares volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid e Barcelona.[10] Porén, por mor dunha doenza e dos malos resultados económicos da compañía tivo que cancelar o resto da xira, incluíndo a actuación prevista na Coruña.[3] Nunca regresou a Galicia.[11]

O 27 de xuño de 1978 casou co seu amigo André Schlesser, co que viviu no número 6 da rúa Asseline, no distrito XIV de París, e que morreu en Saint-Paul-de-Vence o 15 de febreiro de 1985. Por razón de matrimonio, adquiriu a nacionalidade francesa en 1980.[3] Trala morte de Schlesser, os seus fillos Anne e Gilles Schlesser legaron a María Casares a parte da área de La Vergne, que pertencía ao seu pai.[12] En 1980 publicou un libro de memorias, Residente privilexiada, título que alude ao status na súa tarxeta de residencia orixinal emitida por Francia.[13][14] En 1989 acadou o premio Moliére á mellor actriz de teatro[6] e foi nomeada ao César (1989). Recibiu do goberno francés o Premio Nacional de Teatro e en España a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Obtivo o premio Segismundo da Asociación de Directores de España, concedéuselle o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao da Xunta, que non acudiu a recoller.[15]

Os premios que concede cada ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ás artes escénicas, dende 1997, denomínanse Premios María Casares. Ela aceptou esta honra.[16]

A actriz faleceu na súa casa de campo, Château de La Vergne, en Alloue en Poitou-Charentes, que deixou en herdanza á vila.[17] Na actualidade o Domaine de la Vergne é unha residencia para artistas e lugar de representacións.[18][19]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Casares en 1947.
  • Les enfants du paradis (1944)[20]
  • Les dames du Bois de Boulogne (1945)
  • Roger-La-Honte (1945)
  • La revanche de Roger-La-Honte (1946)
  • L'Amour autour de la maison (1946)
  • La Chartreuse de Parme (1947)
  • Bagarres (1948)
  • La septième porte (1948)
  • L'Homme que revient de loin (1949)
  • Orphée (1950)
  • Ombre et lumière (1950)
  • O testamento de Orfeo (1960)
  • Flavia, la monaca musulmana (1974)
  • L'Adieu nu (1975)
  • Blanche et Marie (1984)
  • De sable et de sang (1987)
  • La Lectrice (1988)
  • Monte bajo (1989)

Teatro[editar | editar a fonte]

Albert Camus, parella de María Casares, en 1957.

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • 1961: Prix du Brigadier pour Cher Menteur de Jerome Kilty, Théâtre de l'Athénée.
  • 1984: "Filla Predilecta" da Coruña[16]
  • 1987: Medalla de ouro do mérito nas belas artes, do Ministerio de Cultura de España[21]
  • 1988: Medalla Castelao
  • 1988: Prix du Syndicat de la critique
  • 1988: candidatura ao premio Molière de la comédienne
  • 1989: Molière de la comédienne
  • 1989: candidatura ao premio César de la meilleure actrice dans un second rôle
  • 1990: Grand Prix National du Théâtre[22]
  • 1990: Lexión de Honor Francesa[16]
  • 1990: Medalla Castelao da Xunta de Galicia[16]

O concello da Coruña dedicoulle unha rúa no Polígono de Elviña[23] e con motivo do seu centenario programou unha serie de actividades en 2022 dentro do Ano Internacional de María Casares.[24] Tamén hai rúas dedicadas a María Casares en Santiago de Compostela e Oleiros.

Premio María Casares.

Recibiron o nome de María Casares centros educativos de Aviñón,[25] Rillieux-la-Pape,[26] Saint-Denis[27] e Oleiros,[28] ademais dunha sala do théâtre national de la Colline e outra do novo teatro de Montreuil.[29]

Tamén se bautizou co seu nome a división europea da Oficina Francesa de Protección aos Refuxiados e Apátridas.[30]

Premios María Casares[editar | editar a fonte]

No 1996, a petición da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galiza levasen o seu nome (Premios María Casares), pero a morte impediulle asistir á súa primeira edición.

Obras sobre María Casares[editar | editar a fonte]

Parte da súa vida é novelada por Manuel Rivas en Os libros arden mal (2006) e en Memorias de cidades sen luz (2008) de Inma López Silva. O proxecto audiovisual Proyecto C3 homenaxeouna na curtametraxe Crea: María Casares (2013), con Noelia Toledano como actriz principal, xunto a Maruxa Mallo e Carolina Otero.[31] En 2019 representouse o espectáculo Despois das ondas [32] sobre a súa vida cun texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste de Teatro.[33] En 2022 a obra de teatro Continente María pretende divulgar a figura da actriz no centenario do seu nacemento.[34]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martí, Octavi (23-11-1996). "Muere María Casares, gran trágica del teatro". El País (en castelán). Consultado o 28-5-2016. 
  2. "Maria CASARES, biographie et filmographie illustrées". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2010. Consultado o 26 de maio de 2016. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 A Coruña das mulleres
  4. 4,0 4,1 Ano Internacional de María Casares: Na Coruña
  5. El Roteiro Literario muestra lugares relacionados con escritoras ilustres
  6. 6,0 6,1 Heinze, Ursula (1991). Mulleres. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-7507-515-0. OCLC 26404118. 
  7. "O amor entre María Casares e Albert Camus: “Estou que ardo, por dentro, por fóra. Todo arde...”". Galicia Confidencial. 11-11-2017. Consultado o 11-2-2018. 
  8. "María Casares, la actriz que subyugó a Camus". La Vanguardia (en castelán). 2021-01-09. Consultado o 2022-05-29. 
  9. Conservation des Hypothèques d'Angoulême
  10. ""El adefesio", un acto teatral pleno de significados". ABC (en castelán). 26-9-1976. Consultado o 3-3-2011. 
  11. Rivas, Manuel (19-10-1997). "Paseo en burro con Casares". El País (en castelán). Consultado o 27-5-2016. 
  12. Legs enregistré le 26 septembre 1985 auprès de Maître Boursier, notaire à Confolens, Charente (vol. 2111, nº 9 - source : Service de la Publicité Foncière - ex-Conservation des Hypothèques - Angoulême 2, 1 rue de la Combe, CS72513 Soyaux, 16025 Angoulême cedex).
  13. "KAFFEKANTATE: Cartas en el exilio". 
  14. "As memorias da actriz galega María Casares, recollidas en 'Residente privilexiada', serán reeditadas este ano". Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2017. Consultado o 27 de maio de 2016. 
  15. "Una casa, una buhardilla y también un instituto". El Ideal gallego (en castelán). Consultado o 2019-02-04. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Hermida Mondelo, Sabela (5-2-2015). "María Casares: do trasterro ó exilio". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 18 (Núm. especial): 275–282. ISSN 1138-9664. 
  17. Jean-Pierre Thibaudat (6-7-2002). "La Vergne, habitée par Maria Casarès". Libération Next (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05-01-2018. Consultado o 11-2-2018. 
  18. "Logis de la Vergne, maison de Maria Casarès à Alloue - PA16000021 - Monumentum". monumentum.fr. Consultado o 2019-02-04. 
  19. "La Maison du comedien". Consultado o 2019-02-04. 
  20. Smith, Patrick (2012-09-13). "Les Enfants du Paradis, DVD review" (en inglés). ISSN 0307-1235. Consultado o 2019-02-04. 
  21. "REAL DECRETO 1688/1987 de 30 de diciembre por el que se concede la Medalla al mérito en las Bellas Artes en su categoria de Oro a las personas que se citan" (PDF). Boletin Oficial del Estado (en castelán) (Madrid) (158): 34661. 30-12-1987. Consultado o 11-12-2014. .
  22. "La actriz María Casares recibe el gran premio del teatro francés". El País (en castelán). 1990-12-14. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-04. 
  23. "El Ayuntamiento de A Coruña recibe 26 ofertas para remodelar las plazas de María Casares y de la avenida de Oleiros, en Elviña". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-05-11. Consultado o 2019-02-04. 
  24. "2022 Ano Internacional de María Casares". Concello da Coruña. Consultado o 21-03-2022. 
  25. "Accueil". lyc-maria-casares.ac-aix-marseille.fr. Consultado o 9 de xuño de 2012. 
  26. "Accueil". collegecasares.free.fr. Consultado o 9 de xuño de 2012. [Ligazón morta]
  27. "École élémentaire Maria Casarès". ville-saint-denis.fr. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2015. Consultado o 9 de xuño de 2012. 
  28. IES María Casares
  29. "Nouveau théâtre de Montreuil, CDN - Salle Maria Casarès". destinationmontreuil.fr. Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2008. Consultado o 9 de xuño de 2012. 
  30. "Les divisions géographiques". OFPRA. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 13 de abril de 2015. 
  31. "Mujeres que caminan, cimentan y crean". www.farodevigo.es (en castelán). Consultado o 2019-02-04. 
  32. "Trailer: Despois das ondas. ButacaZero". Vimeo. 
  33. "Estréase na Coruña o espectáculo 'Despois das ondas' sobre a vida de María Casares". Cultura Galega. 3 de maio de 2019. Consultado o 6 de maio de 2019. 
  34. "María Casares volve á escena nunha fusión de teatro, música e poesía". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-05-27. Consultado o 2022-05-29. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. Mariño Davila, Esperanza L. (xullo, agosto, setembro 2022). "Sempre na memoria". Grial LX (235): 87–88. ISSN 0017-4181.