María Cardarelly

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMaría Cardarelly

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Cecilia Cardarelly Bousquet Editar o valor em Wikidata
1845 Editar o valor em Wikidata
Zaragoza, España Editar o valor em Wikidata
Mortec. 1920 Editar o valor em Wikidata (74/75 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfotógrafa Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

María Cecilia Cardarelly Bousquet, nada en Zaragora en 1845 e finada probablemente en Madrid cara a 1910, foi unha fotógrafa galega, unha das primeiras mulleres en contar con estudio propio en España e a primeira en Galicia[1][2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

Tras a súa saída da capital aragonesa, onde María Cecilia naceu, a familia dos tintureiros franceses conformada por Agustín Cardarelly e Mariana Bousquet, chegaron a Galicia sobre 1851. Estiveron un tempo establecidos en Lugo. Sábese que os Cardarelly exerceron a profesión en ambulancia, polo que os temos tamén localizados en Ourense e Santiago de Compostela neses primeiros anos da década. Finalmente, sobre 1854, a familia estableceuse definitivamente en Santiago, cando María contaba 9 anos. Tras un breve paso pola rúa Nova[3], fixaron a casa e o negocio na rúa do Hórreo.

María Cardarelly creceu nun ambiente propio da pequena burguesía de industriais estranxeiros afincados na cidade. Case todos eles, por definición, pertencían á mesma parroquia, a de Santa María da Corticela, que está inserta na Catedral. Así que os encontros e contactos entre eles eran frecuentes. Non é de estrañar que os Cardarelly mantivesen unha certa amizade, por exemplo, cos Osterberger[3] ou os Segond, durante o tempo da súa estadía en Santiago. Máis tamén con certa parte dos intelectuais liberais da época, cos que compartían inquedanzas. Neste sentido isto explicaría a súa relación cos Murguía-De Castro[4], igual que con outros fotógrafos coetáneos de ideoloxía similar, como Encausse.

Encontros coa fotografía[editar | editar a fonte]

 

Imaxes de Rosalía no arquivo da RAG (esq.) e no arquivo da FRC (der.).

Os motivos que levaron a María Cardarelly á fotografía non están claros. Aparentemente, non había tradición familiar. O que talvez si sucedeu é que se formou como retocadora e pintora de panos de fondo nalgún dos estudios locais, o que lle puido valer tamén para formarse en fotografía[5][6]. Ilustra esta teoría o feito de que a primeira fotografía que se lle atribúe —que é un retrato realizado en Noia á irma do xuíz local, chamada Teresa Lamas— ten por única sinatura a que figura no pano de fondo fotografado, que pon "M. Cardarelly". É dicir, é un retrato feito en ambulancia (porque non está realizado onde estaba o estudio, en Santiago) e no que a única autoría segura é a da quen pintou o pano de fondo.

Por outra banda, tense comprobado a existencia dunha relación entre o fotógrafo noiés Eliseo Segond (fillo tamén de tintureiros) e a propia María Cardarelly[7][8]. Segond, ademais, é o autor da única fotografía coñecida desta[9]. Eles dous, deberon asociarse durante un breve período de meses en Santiago, no estudio que finalmente estableceu María.

Porque, efectivamente, sobre 1864, cando María contaba uns 19 anos, comezou a exercer como fotógrafa de estudio no domicilio familiar, na rúa do Hórreo compostelá, que era daquela parte dos arrabaldes da cidade. É un caso estraño tendo en conta a súa xuventude, a súa condición feminina e a elección dun espazo tan pouco axeitado comercialmente para dirixirse ao público que naquel tempo mercaba fotografía. Inevitablemente, estas circunstancias trouxeron como consecuencia un fracaso comercial e o abandono da profesión coincidindo coa marcha da cidade, contra 1866.

Porén, se María Cardarelly é lembrada é por seren a primeira retratista coñecida de Rosalía de Castro, e por partida dobre[10][11]. Unha delas pertencía ao fondo de imaxes familiares, que Gala Martínez-Murguía de Castro doou á Real Academia Galega, e a outra foi un achado que fixo Anxo Angueira no 2013. Ambas as dúas foron tomadas contra 1865[12] nunha mesma sesión fotográfica, e veñen asinadas co selo do estudio. Mais non foron estas as únicas imaxes tomadas por Cardarelly aos Murguía-De Castro. No 2017 descubriuse que outra das fotografías doadas por Gala á RAG e asinada por María Cardarelly era, de feito, un retrato da primeira filla de Rosalía, Alejandra[13].

A atribución de só catro fotografías á autoría de María Cardarelly e que tres delas o sexan do ámbito familiar de Rosalía de Castro, ven insinuar unha probable relación entre a parella de escritores e a familia de tintureiros[14].

Pianista en Ferrol[editar | editar a fonte]

Andando o ano 1866, os Cardarelly abandonaron Santiago e estableceron a nova tinturaría na rúa María, en Ferrol[15][16]. Neste novo período a fotografía quedou, definitivamente, aparcada. Porén, unha enfermidade provocou a morte do pai a finais do ano seguinte, polo que a nai e María quedaron sen protección. Así que, antes de pasar dous meses, María Cardarelly casou co pintor madrileño Juan Velasco, co que tivo unha única filla, Matilde Dolores (n. 1869).

A necesidade de ingresos, e posiblemente a busca dunha certa independencia, levou a María a traballar na venda a comisión de pianos con Canuto Berea. Secasí tamén ofreceu recitais de piano en diferentes actos sociais ferroláns, e deu durante moitos anos clases particulares deste instrumento a nenas da cidade. Neste sentido hai que salientar a amizade que mantivo coa notable pianista Eugenia Osterberger, tamén coñecida como Madame Saunier, quizais desde a súa común infancia pasada en Santiago[17].

Mortos marido (en 1878) e filla (pouco antes), volveu casar en 1881[17] co enxeñeiro militar Antonio Pérez, que tres anos despois morreu en Filipinas[18]. Pasado o cambio de século, o círculo íntimo de Cardarelly reduciuse moito e, en 1910, con 65 anos, trasladouse a Madrid a vivir cuns familiares. Aquí debeu falecer dentro do período da segunda década do século XX[17].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (Castelao 2016)
  2. (Castelao 2017, p. 1)
  3. 3,0 3,1 (Castelao 2018, p. 107)
  4. (Castelao 2018, p. 108)
  5. (Castelao 2017, p. 9-10)
  6. (Castelao 2018, p. 108-109)
  7. (Castelao 2017, p. 10)
  8. (Castelao 2018, p. 109)
  9. (Castelao 2019)
  10. (Rodríguez 2013, p. 11)
  11. (Angueira 2013, p. 5)
  12. (Castelao 2017, p. 14)
  13. (Castelao 2017, p. 15)
  14. (Castelao 2017, p. 14-15)
  15. (Castelao 2017, p. 16)
  16. (Castelao 2018, p. 110-111)
  17. 17,0 17,1 17,2 (Castelao 2018, p. 111)
  18. (Castelao 2017, p. 18-19)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]