María Ángeles Durán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMaría Ángeles Durán

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Ángeles Durán Heras Editar o valor em Wikidata
30 de novembro de 1942 Editar o valor em Wikidata (81 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Profesora
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Madrid
Universidade de Míchigan
Universidade Autónoma de Madrid Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoSocioloxía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónsocióloga , escritora , profesora universitaria , economista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Autónoma de Madrid
Consello Superior de Investigacións Científicas
Universidade Complutense de Madrid
Universidade de Zaragoza Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm10796618 Dialnet: 67889 Editar o valor em Wikidata

Ángeles Durán, nada en Madrid o 30 de novembro de 1942, é unha investigadora española especializada na análise do traballo non remunerado e a súa relación coa estrutura social e económica. Foi catedrática de Socioloxía e profesora de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas, onde dirixiu o Departamento de Análise Socioeconómica e permanece actualmente vinculada ad honorem no Centro de Ciencias Humanas e Sociais.

En 2002 obtivo o Premio Nacional de Investigación en Ciencias Sociales, Económicas e Jurídicas “Pascual Madoz” e en 2018 o Premio Nacional de Sociología y Ciencia Política do CIS. Recibiu o nomeamento como Doutora Honoris Causa pola Universidade Autónoma de Madrid (2008), pola Universidade de Valencia (2012) e pola Universidade de Granada (2013).

Formación e investigación[editar | editar a fonte]

Formación e primeiras investigacións sobre o traballo das mulleres[editar | editar a fonte]

Iniciou a súa formación universitaria á idade de dezaseis anos na Facultade de Ciencias Políticas e Económicas da Universidade Complutense, onde se doctorou en 1971. Foi en varias ocasiones representante estudantil e cursou simultaneamente tres cursos na Facultade de Dereito. Desde os anos sesenta denunciou o nesgo producido na ciencia pola ausencia histórica das mulleres nas entidades de produción e transmisión do coñecemento. Para a súa tese de doutoramento sobre “El trabajo de las mujeres en España” tivo que afrontar a escaseza de instrumentos estatísticos que desagregasen a información sobre o emprego e o traballo non remunerado. Á falta de datos sumábase a penuria teórica sobre o papel económico e social dos fogares, non soamente en España senón en todas as economías. Achou importantes fontes de información inédita sobre o traballo non contabilizado nas explotacións agrícolas e gandeiras, o que a levou a unha crítica das análises de custo/beneficio e dos indicadores de produtividade. A súa tese fixo aflorar a invisibilidade do traballo das mulleres.

Enquisas sobre o uso do tempo e a creación de contas satélites do traballo non remunerado[editar | editar a fonte]

Tras a súa participación na Conferencia de Nacións Unidas sobre a Muller de México (1975), urxiu á incorporación do traballo non remunerado na investigación económica e na análise das políticas públicas. No seu breve ensaio sobre El ama de casa. Crítica política da economía doméstica (1978) fixo patente a invisibilidade do sector que ocupaba ao maior número de persoas de toda a economía española e consumía maior número de horas de traballo, propondo a modificación do seu tratamento na contabilidade nacional. Tivo un impacto internacional inmediato, sendo o punto de partida de numerosos estudos posteriores sobre o papel económico dos fogares.

Colaborou na preparación da Conferencia de Nacións Unidas sobre a Muller de Pequín (1995). A Plataforma de Acción que iniciou esta conferencia pediu a todos os gobernos a modificación do marco de análise macroeconómica, a elaboración de enquisas de uso do tempo e a creación de contas satélites do traballo non remunerado. As súas propostas intelectuais, xunto coas doutros investigadores das ciencias económicas e sociais, contribuíron á incorporación destes temas nas axendas de organismos internacionais tales como a OIT, a OCDE, ou a CEPAL e a que varios países eleven a rango constitucional a obriga e o dereito a dispor de contas satélites do traballo non remunerado.

Traxectoria académica[editar | editar a fonte]

A súa traxectoria académica e vital ten unha marcada orientación internacional. Realizou estancias no Institute for Social Research (ISR) da Universidade de Míchigan (cunha bolsa concedida pola Comisión Fulbright; Universidade de Cambridge (cunha bolsa concedida polo British Council); P.U.C. de Río de Janeiro (cunha bolsa concedida pola UNESCO); Universidade de Washington (Seattle); Instituto Europeo de Florencia; Colexio de España en París, e a Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM). É membro da European Academy of Science and Arts e do Colegio Libre de Eméritos de España. Foi presidenta da Federación Española de Socioloxía (FES), e formou parte do comité executivo da International Sociological Association (ISA) e do editorial board da International Association for Time Use Research (IATUR).

Reivindica novos marcos teóricos e novas técnicas de observación e análise para todos os campos científicos, máis axustados ás novas demandas intelectuais xurdidas da transformación do papel social das mulleres. A súa obra “Una ausencia de mil anos” (1981), á que seguiron Liberación y Utopía. La mujer ante la ciencia (1981) e Mujeres y hombres en la formación de la teoría sociológica (1996) foron textos fundacionais do Instituto Universitario de Estudios de la Mujer da Universidade Autónoma de Madrid, un fito pioneiro na investigación sobre as relacións de xénero que pronto foi recoñecido como Instituto Universitario de Investigación.

Para paliar a escaseza de información estatística sobre o traballo non monetarizado dos fogares e a súa integración na análise socioeconómica deseñou novos instrumentos e sistemas de medición, baseados principalmente nas enquisas de uso do tempo e na chamada escala Duran, que incorpora proxeccións demográficas. Utiliza a demanda de tempos de coidado para detectar a pobreza non monetaria dos fogares e a fraxilidade e ineficiencia das políticas públicas que contemplan este recurso como inesgotábel e homoxeneamente distribuído entre toda a poboación.

A súa traxectoria académica é indesligábel dos seus compromisos cidadáns e vinculación con movementos sociais; entre eles, a loita das mulleres pola igualdade, a loita dos enfermos e os seus coidadores polo recoñecemento de novos dereitos económicos e cívicos, e a loita pola recuperación das comarcas en declive económico e risco de despoboamento, especialmente en Estremadura.

Viaxeira infatigábel, no seu afán por divulgar a ciencia percorreu os cinco continentes, pronunciado conferencias ou participando en debates en máis de duascentas institucións académicas e organismos internacionais.[1]

Produción científica[editar | editar a fonte]

Cunha traxectoria ininterrompida de máis de medio século de dedicación á investigación e a docencia, a súa obra escrita pasa das duascentas cincuenta publicacións. Están apuntadas na web Dixital CSIC, onde moitas delas poden lerse ou descargarse libremente. A maioría sitúanse na fronteira entre a socioloxía e a economía, con extensións cara ao urbanismo e a socioeconomía da saúde. Á marxe dos seus compromisos académicos, tamén achegou publicacións sobre socioloxía da arte, especialmente sobre o uso social da iconografía.

Foi avaliadora de proxectos de investigación na Comisión Asesora de Política Científica de España, a European Science Foundation, a Portuguese Science Foundation por Sciences and Tecnology, o Programa de Desarrollo Tecnológico do Uruguai, e outras moitas entidades públicas e privadas. Numerosas Fundacións (Fundación BBVA, Ford Foundation, Fundación March, Fundación Cañada Blanch, Fundación Carolina etc.) apoiaron as súas investigacións. Colabora de modo asiduo con organizacións científicas e sociais internacionais (UNESCO, OMS, CEPAL, ONU Mulleres, OIT etc.) e desenvolve un intenso labor editorial.[2]

Entre os seus libros destacan “Liberación y utopía”, “Desigualdad social y enfermedad”, “Mujeres y hombres en la formación de la teoría sociológica”, “The Future of work in Europe”, “La ciudad compartida. Conocimiento, afecto y uso”, “La contribución del trabajo no remunerado a la economía española. Alternativas metodológicas”, “Si Aristóteles levantara la cabeza. Quince ensayos sobre las ciencias y las letras”, “Los costes invisibles de la enfermedad”, “La cuenta satélite del trabajo no remunerado en de Madrid” (versión en español e inglés), “El valor del tiempo” (edicións en Portugal e o Brasil), “Metodología de la investigación sobre uso del tiempo” (con J. Rogero), “El trabajo del cuidado en América Latina y España ” , “La contribución de los mayores a la economía del País Vasco” (tamén versión en éuscaro)” e “El trabajo no remunerado en la economía global” (edición en español e inglés). O seu último libro é a síntese de décadas de investigación sobre a economía non monetarizada, os fogares e o sector de servizos; titúlase “La riqueza invisible del cuidado” (2018). Actualmente traballa na preparación da súa autobiografía intelectual, que será publicada polo Centro de Investigaciones Sociológicas.

Transmitiu a súa experiencia de seis anos de loita para vencer o medo ao cancro de mama que padeceu nun libro autobiográfico Diario de batalla. Mi lucha contra el cáncer (2003).

Acuñou o termo "cuidatoriado" que se refire ao grupo de persoas que se dedica fundamentalmente a coidar, que se caracteriza porque a maioría son mulleres, porque a maioría non cobra (remuneración) por realizar este traballo e porque as súas condicións son peores que as de calquera outro grupo (sen salario, sen horario, sen vacacións, sen seguro e sen recoñecemento social).

Algúns datos persoais[editar | editar a fonte]

Pola súa familia de orixe procede da clase media. Foi a máis vella de seis irmáns. O seu pai, Alfonso Duran, era un enxeñeiro industrial orixinario da Serra de Gata (Cáceres). Faleceu cando ela tiña dezasete anos. A súa nai, Carmen Heras, foi ama de casa até o falecemento do seu esposo e posteriormente fíxose cargo da xestión da facenda familiar.

Contraeu matrimonio á idade de vinte e catro anos con Jose Ramón Torregrosa (Xàtiva, 1940 - Madrid, 2016), compañeiro de estudos na Universidade Complutense que logo sería director do Departamento de Psicoloxía Social desta mesma Universidade.

Ten tres fillos e tres netos.

Premios[editar | editar a fonte]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Premio María Ángeles Durán da UAM[editar | editar a fonte]

A Universidade Autónoma de Madrid recoñeceu o seu carácter pioneiro e a súa especial contribución ás ciencias sociais dando o nome “Ángeles Duran” ao premio internacional para a innovación na investigación sobre as relacións de xénero que convoca esta universidade, ao que en cada edición concorren preto dun centenar de candidaturas de homes e mulleres.

Publicacións máis destacadas[editar | editar a fonte]

Entre os libros destacan:

Artigos en prensa[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. marca (2022-11-23). "Freno al individualismo y aumento de cuidadores familiares, retos para el mundo". Diario Marca (en castelán). Consultado o 2022-11-30. 
  2. "Universidad Autónoma de Madrid - Nuestra Historia". Consultado o 28 de marzo de 2019. 
  3. "Medallas al Mérito del Trabajo, 2005". 
  4. "Honoris Causa UAM". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 29 de xullo de 2014. 
  5. "Discurso de María de los Ángeles Durán Heras, Medalla de Extremadura 2009". 2009. Consultado o 13 de novembro de 2016. 
  6. "Premios Cultura para la Salud-25 años ADEPS". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 29 de xullo de 2014. 
  7. "M.A. Durán Dra. Honoris Causa U. de Granada". 
  8. "M.A. Durán Dra. Honoris Causa UdV". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2019. Consultado o 11 de febreiro de 2020. 
  9. Tribuna Feminista. "La Federación de Mujeres Progresistas entrega sus premios anuales". Consultado o 22 de novembro de 2016. 
  10. Entrevista a María Ángeles Durán. XIII premio Clara Campoamor. (Entrevista). 
  11. "·CIS·Centro de Investigaciones Sociológicas·Premio Nacional de Sociología y Ciencia Política". Consultado o 24 de xullo de 2018. 
  12. "María Ángeles Durán, Premio Nacional de Sociología y Ciencia Política 2018". 24 de xullo de 2018. Consultado o 28 de marzo de 2019. 
  13. "María ángeles durán, premio nacional de sociología por sus investigaciones en género - EcoDiario.es". 29 de xaneiro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2022. Consultado o 28 de marzo de 2019. 
  14. "Mª Ángeles Durán, primera doctora". Rioja2.com (en castelán). 2019-10-25. Consultado o 2022-11-30. 
  15. L.g. "La socióloga María Ángeles Durán, doctora honoris causa de la Universidad por su defensa del trabajo “invisible”". www.lagacetadesalamanca.es (en castelán). Consultado o 2022-11-30. 
  16. "La UNC otorgará el Doctorado Honoris Causa a la socióloga feminista María Ángeles Durán. Ciudadanos". La Voz del Interior (en castelán). Consultado o 2022-11-30. 
  17. "Reseña en PAPERS-Revista de Sociología, 1998". 
  18. "La ciudad compartida: conocimiento, afecto y uso". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 11 de febreiro de 2020. 
  19. "Si Aristóteles levantara la cabeza: quince ensayos sobre las ciencias y las letras". 
  20. "Nuevos objetivos de igualdad en el siglo XXI: las relaciones entre mujeres y hombres". 
  21. "Los costes invisibles de la enfermedad". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2014. Consultado o 29 de xullo de 2014. 
  22. "Cáncer de mama: diario de una batalla". El Mundo-Salud. 9 de maio de 2003. 
  23. "Ficha libro Tiempo de vida y tiempo de trabajo". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2014. Consultado o 29 de xullo de 2014. 
  24. "Ficha libro El trabajo no remunerado en la economía global". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2014. Consultado o 29 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]