Manuel Díaz González (guerrilleiro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Díaz González
Nacemento29 de agosto de 1933
 Cereixa
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónchofer, guerrilleiro, oficial e político
editar datos en Wikidata ]

Manuel Díaz González, nado en Cereixa, A Pobra do Brollón, o 29 de agosto de 1933[1] é un chofer, guerrilleiro, militar e político galego retirado, que loitou en Sierra Maestra no Movemento do 26 de xullo liderado por Fidel Castro e que, tralo triunfo da Revolución cubana, alcanzou o grao de coronel nas Forzas Armadas Revolucionarias e participou na fundación do Partido Comunista de Cuba, do que formou parte do seu Comité Central durante uns 20 anos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Seu pai, José María Díaz Rodríguez, era un campesiño de Cereixa, militante do PCE, que coñecera en Cuba a Flor Marina Fernández Carpio, filla de españois, e volvera con ela a Galicia ao inicio da Segunda República. Aí tiveron tres fillos: Manuel, Faustino e José "Pinín".[2] O pai participou na Fronte Popular como concelleiro e co inicio da guerra foi detido polos falanxistas e logo liberado. En 1951 a familia emigra a Cuba, instalándose primeiro no pobo da nai, Dos Palmas, no Oriente, e máis tarde en Santiago de Cuba.[2]

Alí Manuel desempeñou diversos traballos ata que conseguiu un emprego como chofer do arcebispo de Santiago de Cuba, o tamén galego Enrique Pérez Serantes. Nesa cidade estaba Frank País comandando o Movemento do 26 de xullo, que loitaba contra a ditadura de Fulgencio Batista, polo que eran frecuentes as detencións a mozos sospeitosos de pertencer ao movemento e non foi difícil para Manuel Díaz adoptar conciencia política.[2] Ademais seus irmáns xa militaban no grupo insurxente.

Sierra Maestra[editar | editar a fonte]

A principios de 1958, deixou o traballo no arcebispado e partiu a Sierra Maestra, onde se puxo inicialmente ás ordes do comandante Juan Almeida na Terceira Fronte, baixo o mando do capitán Guillermo García Frías.

A finais de maio o seu grupo recibiu a orde de trasladarse ao campamento do Che Guevara, en La Mesa. De camiño encontráronse co Batallón 11 do Exército Cubano, dirixido polo tenente coronel Ángel Mosquera Sánchez e tras un enfrontamento Manuel Díaz foi gravemente ferido cun morteiro que lle atravesou un pulmón. Foi trasladado a unha casa onde foi operado polo médico, tamén de orixe galega, Óscar Fernández Mel. Poucos días despois tiveron que partir, pois o exército aproximábase, e chegaron ao campamento do Che. Manuel continuou combatendo ata que case ao final da guerra, o xa comandante García Frías ordenoulle deixar a loita e organizar unhas escolas rurais.[2] Durante un dos combates, o 5 de agosto, caeu morto o seu irmán "Pinín". Nos primeiros días de 1959, formou parte da caravana triunfal coa que Fidel Castro e os demais revolucionarios entraron na Habana.

Despois do triunfo da Revolución[editar | editar a fonte]

Tras o triunfo da Revolución, Fidel chamouno ao seu encontro e púxolle como misión ir a Checoslovaquia a estudar a carreira militar. Partiu en 1960 e ao seu regreso foi nomeado Xefe de I Brigada de Artillería de Campaña e, durante a crise dos mísiles, ascendido a comandante. Foi elixido membro do Comité Central do Partido Comunista de Cuba no seu I Congreso, e formou parte de dito comité dúas décadas.[1]

En 1982 foi destinado a Angola para participar na Operación Carlota, a intervención militar de Cuba na guerra civil angolana, na que tiña como obxectivo reforzar as forzas do MPLA. Pola súa actuación internacionalista recibiu a Medalla Antonio Maceo.[2] Retirouse en 1990 co grao de coronel.[1][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "El tramo más impresionante de mi vida como chofer" (en castelán). 7 de xaneiro de 2012. Consultado o 17 de setembro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Pérez Leira, Lois. "Crónicas de la Revolución Cubana: MANUEL DíAZ". Consultado o 17 de setembro de 2019. 
  3. "El último gallego de Sierra Maestra". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de abril de 2007. Consultado o 17 de setembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]