Saltar ao contido

Mano Negra (banda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mano Negra
Imaxe
 Instancia de
Características
 Discografía
 Obra salientable
Implicados
 Selo discográfico
Datas
 Fundación / creación
1987 Editar o valor en Wikidata
 Disolución / destrución
1994 Editar o valor en Wikidata
 Inicio de actividade
1987 Editar o valor en Wikidata
 Fin de actividade
1994 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Lugar de formación
Códigos e identificadores
ISNI0000000111724053 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/01j940s Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
IMDB: nm0624497 Facebook: 23902378577 Spotify: 6jq7GptAwkoFiunDhZYqQ2 Last fm: Mano+Negra Musicbrainz: e024a3ca-c78e-459a-9a98-8029f49b5a5f Songkick: 227960 Discogs: 150930 Allmusic: mn0000952834 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

Mano Negra foi un grupo musical de rock alternativo francés formado en París en 1987. O seu estilo mesturaba rock, canción francesa, música africana, flamenco, ska, salsa, roots reggae e blues. A banda, formada polos irmáns Manu e Antoine Chao, xunto co seu curmán Santiago Casariego, foi moi influínte en Europa e Hispanoamérica durante a década de 1990. Alcanzou éxito comercial en países como Alemaña, Bélxica, España, Italia e os Países Baixos.

Liderada por Manu Chao, a banda conseguiu grandes éxitos, como «Mala vida» ou «Señor Matanza». Esta última quedou incluída na lista das «100 máis grandiosas cancións dos 90 en español» segundo VH1 Latinoamérica. Outros éxitos foron «King Kong Five», «Soledad», «Salga la luna», «Santa Maradona» ou «King of Bongo», entre outros. O álbum Puta's Fever foi seleccionado pola revista Rolling Stone no 8º posto da lista dos «100 mellores álbums do rock francés», mentres que Casa Babylon foi colocado no 15º posto da lista dos «100 grandes discos dos 90» de devandita revista.  

En 1992 a banda involucrouse en distintos proxectos en Hispanoamérica. Algúns deles foron Cargo 92, unha viaxe a varios países por vía marítima, e Tren de hielo y fuego, un percorrido polo campo profundo de Colombia en tren. A banda separouse contra 1995, aínda que moitos membros xa se foron en 1992. Publicáronse algúns álbums de continuación e vídeos despois de a banda separarse e formar outras agrupacións. Tras a separación Manu Chao iniciou unha carreira en solitario que lle valeu o éxito máis comercial, debido a suavizar o seu estilo nun son máis amábel, moi baseado nos ritmos reggae.

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]
Logo da Mano Negra

A finais do século XIX as autoridades españolas acusaron miles de campesiños e anarquistas andaluces de formaren parte de «La Mano Negra», unha presunta organización terrorista da campiña de Xerez da Fronteira. En efecto, na década de 1880 Andalucía experimentou unha severa crise económica. Debido á miseria e á fame, os traballadores agrícolas rebeláronse, queimando e saqueando panadarías e numerosos hortos. As autoridades levaron a cabo detencións en masa e execucións públicas, alegando a pertenza de campesiños a «La Mano Negra». Malia os debates que tiveron lugar durante anos sobre a existencia desta organización, é agora amplamente recoñecido nos círculos académicos que se trataba dunha invención similar a unha «operación de bandeira falsa» elaborada polo goberno da Restauración co fin de suprimir as revoltas campesiñas no sur de España.

Lendo un cómic do debuxante Dominique Rousseau xurdiu a idea de darlle ese nome ao grupo. Nun tomo da serie Cóndor, «Mano Negra» era o nome dunha banda de guerrilleiros en América do Sur, e á banda gustoulle o símbolo negro da man. O pai dos irmáns Chao, un exiliado político español en Francia que fuxiu da persecución da ditadura de Francisco Franco, explicoulle ao seu fillo Manu a orixe histórica do devandito nome. Este considerou que «era bastante honorábel e que podía chamar o seu grupo así».[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Os comezos

[editar | editar a fonte]

A mediados dos anos 80 nacía en Francia o movemento do rock alternativo e bandas como Bérurier Noir, Los Carayos ou Noir Désir lideraban a escena local. Nese contexto o músico Manu Chao, coa intención de gravar algunhas cancións da súa autoría que non tiñan cabida nos grupos dos que formara parte, decidiu montar un grupo co seu irmán, o trompetista Antoine Chao, e o seu curmán, o batería Santi Cassariego. Ao necesitaren máis músicos, asociáronse co grupo Dirty District e gravaron en 1987 o EP Takin' it up (Boucherie Productions).

Tras esta gravación, o grupo diluíuse momentaneamente. Os seu tres integrantes participaron noutros proxectos: Manu con Les Casse Pieds, Antoine con Los Carayos e Santi con Kingsnakes. Con todo, o ano seguinte gravaron o primeiro LP do grupo, Patchanka, con cancións que Manu tiña escritas con anterioridade. Participaron de novo Dirty District, así como outros músicos de Les Casse Pieds, grupo urbano, festivo, folclórico e con dotes para improvisar, Hot Pants e Los Carayos para acompañaren os tres integrantes do grupo. Patchanka é un disco moi ao estilo da época, realizado con pouco orzamento e moita imaxinación, e que permitiu a Manu Chao gravar moitas cancións que tiña sen editar, como «Mala vida», «Indios de Barcelona» ou «Ronde de nuit».

A laboriosa procura do son Patchanka non cesou aí. Manu seguiu a colaborar con outros grupos, mentres Patchanka seguía a acumular bos comentarios. Daniel Jamet (guitarra principal), Jo Dahan (baixo) e Philippe Teboul (percusións), todos músicos de Les Casse Pieds, decidiron integrarse no proxecto Mano Negra. Máis tarde uniuse o teclista Tomas Darnal. O grupo saíu de xira por Francia e chamou a atención da prensa. Conseguiu asinar un contrato coa discográfica multinacional Virgin Records France, o que lles supuxo as críticas de parte da escena alternativa francesa, aínda que doutra banda lles permitiu custear as súas viaxes.

A consolidación

[editar | editar a fonte]

En 1989 o grupo iniciou a gravación do seu segundo LP, Puta's fever. O título reflicte o desprezo co que os trataron outros grupos pola súa fichaxe con Virgin. Pierre Gauthe, trombonista, ingresou como o oitavo membro do grupo e foron de xira a Latinoamérica. Escolleron países como Perú ou Ecuador, pouco habituados a recibiren grupos de rock estranxeiros, e causaron sensación no público ao realizaren concertos gratuítos en auditorios e prazas públicas. Concluíron a gravación de Puta's Fever, que mesturaba tex-mex («Patchuko Hop»), canción árabe («Sidi H'Bibi») ou flamenco, entre outros estilos.

Enriquecidos coa experiencia americana e arroupados polo éxito do novo traballo en Francia e outros países europeos, ademais do Xapón, iniciaron unha xira mundial. Durante 1990 visitaron máis de 15 países, entre outros, Xapón, Holanda, Alemaña e Estados Unidos, onde telonearon ao cantante Iggy Pop. Porén, a xira norteamericana non foi unha boa experiencia e a banda decidiu non insistir moito en ingresar no mercado anglosaxón, ao non se sentiren identificados coa súa forma de traballar.

Durante 1991, mentres o grupo continuaba de xira polo continente europeo, os seus integrantes empezaron a mostrar signos de desunión. No entanto, comezaron a gravar en Colonia (Alemaña) o que sería o seu terceiro LP, King of Bongo. O disco, que non foi ben recibido pola crítica, incluía máis letras en inglés, menos ritmos latinoamericanos e máis rock e hardcore. Entre os seus temas pódense destacar «Mad man's dead», «Out of time man» ou «Bring the fire». Posteriormente o grupo realizou o que sería o seu último concerto en París con todos os seus integrantes, na explanada de La Défense, con intentos de cancelación por parte do goberno municipal.

Xiras por todo o mundo

[editar | editar a fonte]
Daniel Jamet, exguitarrista de Mano Negra

A finais dese ano, durante unha das súas xiras xaponesas, decidiron gravar o único disco en vivo do grupo, In the Hell of Patchinko, a partir de tomas de dous concertos ofrecidos na cidade de Kawasaki. O traballo captou en boa maneira a enerxía do grupo en vivo, xa que Mano Negra era unha banda de <i>performance</i> que debeu gran parte da súa fama aos seus recitais e excéntricas viaxes.

Precisamente aquel ano iniciaron o proxecto Cargo 92. Embarcaron na cidade de Nantes no cargueiro Melquiades xunto coa compañía teatral Royal de Luxe para iniciaren unha viaxe en barco a Suramérica subsidiado polo goberno francés. A xira durou case cinco meses e visitou países como Colombia, Venezuela, República Dominicana, México, Cuba, Ecuador, Brasil, Uruguai e Arxentina. Deu espectáculos gratuítos en prazas públicas. Foi facéndose patente o debilitación do grupo tras catro meses sen descanso, en condicións económicas pouco favorábeis e co espírito rebelde do grupo dando sinais de fastío. En xullo de 1992 Mano Negra deu en Buenos Aires o seu último concerto con todos os seus membros orixinais, precedido por un incidente no programa TV Ataca, cando o teclista rompeu un monitor. Ese mesmo ano publicaron o recompilatorio Amerika Perdida.

Ao regreso de Suramérica a tensión entre os membros do grupo seguiu a medrar e Antoine abandonouno. O resto da banda, principalmente Manu, deu forma ao que sería o seu seguinte álbum, Casa Babylon. O disco, do mesmo xeito que King of Bongo, non tiña relación cos anteriores. Ao mesmo tempo o grupo editou un libro biográfico de colección que incluíu un picture-disc con cancións inéditas, algunhas incluídas posteriormente en Casa Babylon. Durante as sesións de gravación, Daniel Jamet e Jo Dahan deixaron tamén o grupo e entraron novos integrantes, o que non foi ben visto por algúns dos antigos membros. Sobresaíu a participación de Fidel Nadal, vocalista do grupo arxentino Todos Tus Muertos, e de Gambeat, baixista da nova banda de Manu, French Lovers. O resultado das gravacións foi o único disco conceptual do grupo, que peza por peza ía ligando ritmos latinoamericanos mesturados con ápices de rock e hardcore.

O grupo como tal non interpretou os temas de Casa Babylon en vivo. Porén, varios membros realizaron algunhas presentacións en España con nomes diferentes, como Larchuma FC ou Radio Bemba. Realizaron colaboracións con outros grupos, sobre todo con Negu Gorriak, de Euskadi.

O comezo do fin

[editar | editar a fonte]

A finais de 1993 varios membros do grupo decidiron realizar unha viaxe en tren por Colombia. A este sumáronse algúns integrantes dos grupos Royal de Luxe e French Lovers. Aos 15 días de percorrido, despois do último dos seus dous concertos, en Santa Marta e Aracataca, todos os membros do grupo, agás Manu e Tomas, decidiron regresar a París. Foi o fin dunha era que o pai de Manu, o xornalista Ramón Chao, describiu no libro Un tren de hielo y fuego: Mano Negra en Colombia.[2]

Con todo, en 1994 ultimáronse os detalles para a saída de Casa Babylon, que non o fará nos Estados Unidos nin no Reino Unido. O videoclip de «Sr. Matanza» empezou a dar maior difusión á banda en Hispanoamérica da que tivera até entón, aínda que a banda xa estaba disolta, feito ignorado por moitos dos seus admiradores. Mentres tanto, entre os antigos integrantes dábanse dúas posturas. Por unha banda, apostábase pola continuidade da banda, dando liberdade para que entrasen a formar parte dela outros participantes e deixando as portas abertas aos membros orixinais para regresaren cando quixesen. Doutra banda, outros membros desexaban que Mano Negra deixase de existir, polo menos con ese nome. Esta segunda postura foi a que se impuxo. 

Durante 1995 Manu Chao e outros membros da banda, que desexaban que continuase, ofreceron varios concertos en Madrid. Debido á restrición no uso do antigo nome do grupo, fixérono como Radio Bemba, proxecto que tamén acabou por disolverse. En 1998 saíu ao mercado o recompilatorio Best of Mano Negra, con 22 éxitos e 2 cancións inéditas. O disco foi ben recibido, aínda que se criticou o feito de que saíse xustamente cando o LP Clandestino, de Manu Chao en solitario, estaba a ter éxito comercial.  

En 2005 púxose á venda un dobre DVD do grupo con seis horas de concertos, documentais, imaxes e rarezas de toda a historia da banda. Manu Chao non interveu na produción, pero seis dos integrantes, Jo, Tom, Phillipe, Daniel, Pierre e Antoine ofreceron entrevistas para a promoción do traballo. Nunha presentación para Radio France, no programa Fou du Roi, interpretan tres temas: «Jamie Jamie», «Sidi H' Bibi» e unha versión do himno católico «Jesus Reviens» («Jesús Regresa») que titulan «Manu Reviens», coa que lle pediron ao antigo líder do grupo que regresase. En decembro de 2005 os mesmos integrantes participaron nun festival como Mano Negra Sound System. Interpretaron o tema «Sidi H' Bibi» e outros máis pero como DJ, participando só con metais e teclados.

Mano Negra mesturaba varios estilos: punk rock, flamenco, ska, raï, salsa, reggae e ritmos africanos. A banda foi unha das pioneiras da música de fusión e unha influencia directa en numerosas bandas de Europa e América do Sur. A mestura de ritmos africanos, hispanos e outros é decote chamada mestiza ou patchanka (o nome dun dos seus álbums). Mano Negra é considerada unha banda de culto e aínda se estende o seu estilo a múltiples bandas de todo o mundo.

  • Manu Chao - voz, guitarra, teclados, acordeón e claves (1987-1995)
  • Antoine Chao - trompeta (1987-1995)
  • Santi Cassariego - batería e percusións (1987-1995)
  • Daniel Jamet - guitarra e teclados (1987-1995)
  • Jo Dahan - baixo (1987-1995)
  • Yann Zaragoza - teclados (1987-1994)
  • Philippe Teboul: percusións
  • Tomas Darnal: teclados e claves
  • Pierre Gauthe: trombón

Discografía

[editar | editar a fonte]
  • 1988: Patchanka
  • 1989: Puta's fever
  • 1991: King of Bongo
  • 1994: Casa Babylon
  • 2005: Out of Time

Televisión

[editar | editar a fonte]
  • Les Nuls L'émission , Canal + France (1990)
  • Live pinkpop, Países Baixos (1990)
  • Live Lyon, France (1991)
  1. Mortaigne, Véronique (2012). Manu Chao, un nomade contemporain (en francés). Don Quichotte. ISBN 9782359491197.
  2. "El Expreso del Hielo: La leyenda del tren con el que Manu Chao recorrió Colombia". Vice (en castelán). 14 de decembro de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Chao, Ramón (1994). Un train de glace et de feu. Unha crónica da xira de Mano Negra en tren por Colombia, escrita polo pai de Manu e Antoine.
  • Syros (1994). Mano Negra livre. Historia, fotografías. Inclúe disco image de vinilo con cancións inéditas contemporáneas a Casa Babylon.