Manny Sobral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manny Sobral
Manuel Sobral.jpg
Nacemento12 de setembro de 1968
 Gargamala
NacionalidadeCanadá
Ocupaciónboxeador
editar datos en Wikidata ]

Manuel "Manny" Sobral, nado en Gargamala, Mondariz, o 12 de setembro de 1968, é un ex-boxeador galego-canadense. Emigrado xunto á súa familia a Vancouver, foi campión do mundo de peso superwélter entre 1996 e 1997 e representou ao Canadá nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na parroquia de Santa María de Gargamala, no concello pontevedrés de Mondariz, emigrando coa súa familia ao Canadá cando tiña uns seis anos.[1] Creceu no leste de Vancouver, onde comezou a practicar boxeo aos 13 anos, despois de entrar nun ximnasio coa inteción de perder peso.[2]

Iniciou a súa carreira como boxeador amateur e pasou a adestrar no Astoria Gym baixo a tutela de George Angelomatis. Conseguiu a clasificación para os Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl, no peso wélter, onde quedou emparellado na primeira rolda co finlandés Joni Nyman, medalla de bronce nos Ánxeles 1984. Nyman levou a vitoria nos puntos (4-1) e Sobral quedou eliminado.[3]

A pesar dos frutíferos números da súa carreira amateur (135 vitorias e 11 derrotas), non pensaba converterse en boxeador profesional, polo que se matriculou na universidade.[2] Con todo, despois de graduarse e comezar a dar clases, botaba de menos o cuadrilátero, e en 1992 comezou a súa carreira como boxeador profesional.[2] O seu primeiro combate como profesional enfrontouno a Curtis Greco, logrando a vitoria por KO técnico.[4]

Tras acumular máis dunha ducia de vitorias e ningunha derrota, en decembro de 1995 loitou en Edmonton contra Del Rtichie polo título canadense de peso superwélter, logrando o triunfo por KO técnico.[5] Case un ano despois, o 12 de decembro de 1996, enfrontouse a Aaron McLaurine no Pacific Coliseum de Vancouver, polo título mundial do peso superwélter, conseguindo derrotalo, e proclamándose así campión do mundo.[6][2] Defendeu con éxito o título en marzo de 1997, fronte a Chris Weston, ao que derrotou por KO.[7] En xuño do mesmo ano defendeu o titulo de campión canadense fronte a Tony Badea, logrando unha nova vitoria.[8]

En xuño de 1999, despois de 26 vitorias como profesional, sufriu a súa primeira derrota, ao caer derrotado no sexto asalto contra Tony Badea, nun combate polo título do peso superwélter da Commonwealth no que pelexou cunha fractura de peroné dende o segundo asalto e no que acabou recibindo 60 puntos de sutura na cara.[9][2] Disputou outros dous combates, o último deles no 2002, e deixou a súa carreira como boxeador cun balance de 28 vitorias e dúas derrotas.[2][10]

Trala súa retirada do boxeo, continuou a súa carreira como mestre de escola, ademais de dirixir unha academia de boxeo en Burnaby.[1][2]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Entrevista con Eiji Yoshikawa". whatsonburnaby.ca (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "URBAN LEGEND: Manny Sobral" (en inglés). 12 de xuño de 2011. Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  3. "Boxeo nos Xogos Olímpicos de 1988". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2020. Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  4. "Curtis Greco vs Manny Sobral 1992". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  5. "Manny Sobral vs Del Ritchie 1995". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  6. "Aaron McLaurine vs Manny Sobral 1996". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  7. "Manny Sobral vs Chris Weston 1997". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  8. "Manny Sobral vs. Tony Badea 1997". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  9. "Manny Sobral vs. Tony Badea 1999". boxrec.com (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  10. "Manny Sobral". Carreira como profesional de Manny Sobral (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]