Man Común (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Man Común
PaísEspaña
Lingualingua galega
Fundación1980
editar datos en Wikidata ]

A revista Man Común foi unha publicación mensual galega que comezou a editarse por Edicións do Rueiro en maio de 1980 e continuou publicándose até o mesmo mes do ano seguinte. A impresión levouse a cabo pola Editorial Vizcaina en Euskadi por falta de medios económicos en Galiza. Xuntouse co semanario A Nosa Terra. Deixouse de publicar por cuestións económicas.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Dirixida por Xosé Antón Gaciño, foi a segunda revista publicada integramente en galego.[1] A confección da publicación era levada a cabo por Eusebio Fernández. Mantívose activa entre os anos 1980 e 1981, publicábase un número ao mes. Finalmente foron 12 os números impresos.

Redacción[editar | editar a fonte]

O consello de redacción conformábase por Constantino Cabanas, Luis Pita, Gabriel Plaza Molina, Manuel Rivas e Santiago Romero.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Contou coas achegas de escritores e escritoras, periodistas e críticos, entre outros: Manuel Rivas, Antón Landeira, Gonzalo Ortiz Amor, Xoan Quintás Seoane, Antón Costas Comesaña, Fidel Vidal Pérez, A. Gil Hernández, Luísa Villalta, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Ubaldo Cerqueiro, Enrique Alonso Quintás, Xavier Seoane, Francisco Taxes, Xavier Alcalá, Emilio López Méndez, Xosé Otero Abeledo, Xosé Luís Barreiro Rivas, Luis Diéguez, Ramón Carballal, Artur Queiroz, Luís Sobrado, Miguel Pérez Neira, Manuel Miragaia, Felipe Senén, E. Blanco Pereira, M. Suárez, Carlos Sixirei, Miguel Castelo, Xosé Lorenzo Tomé, Andrés Sarmiento, Lois Caeiro, Gustavo Docampo, Colectivo Xerminal, Xoán Carmona Badía, Raimundo Viejo, Camilo Nogueira Román, Román Garrido, X. M. Pujalte, Enrique Mandado, Margarita Soto, Xoel Gómez, López Facal, Carmen Cotelo, Xoán Ignacio Taibo ou Antón Arias Curto.

Xurxo Lobato e Fernando Bellas foron os encargados da fotografía.

Contidos e seccións[editar | editar a fonte]

Publicáronse contidos que atinxían directamente á sociedade, así como cuestións políticas e culturais. Promovía a creación e a participación dos lectores mediante cartas ou artigos de libre opinión. Os artigos presentaban unha organización con poucas variacións, que seguía a seguinte estrutura: política, sociedade, cultura, creación e farrapos, estrutura que unicamente se ve omitida no primeiro número (número 0) no cal os artigos non teñen unha clara organización.

Dentro destas seccións trátanse diversos temas como o cine, o folclore, a ecoloxía, a sexualidade, a toponimia, a relixión, a historia, a lingua, a arquitectura, a muller, as letras... Realízanse tamén reportaxes e entrevistas. Usualmente a propia editorial inclúe unha opinión propia ao principio de cada publicación sobre un tema de actualidade, trata sobre todo nesta subsección o desenvolvemento do referendo pola autonomía galega.

Xunto coa revista achegábase a serie “Pintores Galegos”, un suplemento dunha folla de extensión que repasaba a cronoloxía de artistas galegos, entre eles atopamos a: Luís Seoane, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Maside

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Tivo como principios básicos o galeguismo, o progresismo e a independencia. Solicitaba unha educación de carácter laico.

Edicións da publicación[editar | editar a fonte]

Número 0 - Maio 1980[editar | editar a fonte]

Preséntase a revista, anúnciase o seu obxectivo e ideoloxía. En canto a política trátase o uso do monte Iroite como centro de operacións aéreo da OTAN e sobre este asunto realízase unha entrevista ao ex-comandante Luis Otero Fernández; a reunión polos Pactos do Hostal nos que partidos galegos como o BNG só se propuxeran negociar a repartición de alcaldes; a problemática do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981; a unidade fronte ao Estatuto de Centros mediante o que a UCD pretendía a privatización do sistema educativo; e a recomposición do centro político en Galiza, así como o futuro de Unidade Galega.

O artigo Galicia en imáxenes ofrece unha historia gráfica de Galiza e trata o importante rol dos medios audiovisuais; expóñense os antecedentes do Día das Letras Galegas e o impacto que ten dito evento; enúnciase tamén a VIII edición do Concurso de obras teatrais convocado pola Agrupación Cultural Abrente; no cine fálase de Bernardo Bertolucci e na música da Orquesta Mondragón.

Na sección farrapos expóñense discos como A Galicia de Maeloc de Milladoiro, libros como Galletas Kokoschka non de Manolo Romón ou As ladillas do travesti de Antón Reixa, no apartado de comunicación destaca A TV e as autonomías de Pérez Ornia, en canto á sexualidade o ciclo A Sexualidade polos estudantes de Psicoloxía da Universidade de Galiza e na arte Xaquín Marín e Reimundo Patiño. Atópase tamén un apartado dedicado a culinaria.

Sen número - Xullo 1980:[editar | editar a fonte]

Na sección de política a editorial expón a súa opinión sobre o proxecto de Estatuto e considera que a imposibilidade de chegar a acordos unitarios trouxo como consecuencia o desaproveitamento do caudal de mobilización popular; Ramón Piñeiro lembra a súa derradeira conversa con Alexandre Bóveda, quen concibe o galeguismo como forza moi reducida que non pode garantir a súa efectividade, polo que se ha de confiar no galeguismo dos galegos; trátanse os rexionalismos, que xorden como proxectos ideolóxicos anticapitalistas; fálase do intento de secuestro de Franqueira polo terrorismo; Enrique Vázquez experto en política internacional expón o cambio de escenario político debido ás tendencias prosoviéticas en Afganistán e a nova semántica política da Casa Branca.

No referente a sociedade trátase a separación en dous polos da Igrexa, o apoio dos políticos polo Papa mostra unha carencia de respecto ao feito relixioso, só se pretende gañar electores. Santiago Romero e Suso Iglesias recrean o ambiente universitario compostelán. Xoel Gómez realiza unha reportaxe sobre a contaminación do río Miño da que se culpa a empresas como RENFE. Tamén se mostra o impacto da primeira presentación en público da propia revista Man Común e a súa posición aberta en canto ás críticas. Outro tema é a chegada das radios municipais a Galiza que posibilitan a liberdade de expresión popular, destaca Radio As Mariñas. En canto a sexualidade abórdase esta como problema colectivo e político e preténdese a ruptura co sistema das clases dominantes e do home que restrinxen a liberdade sexual. Móstrase tamén a opinión dos lectores sobre unha recente noticia de La Voz de Galicia.

A sección cultural ofrece unha opinión sobre a lingua e a loita pola vitalidade do galego, a normalización a nivel político e social. No apartado de letras explícase en que consiste a crítica literaria, o deber que ten o crítico de xulgar valorativamente e de discernir. Análise do erotismo desinhibido de Henry Miller, dos filmes do cineasta Woody Allen. Coméntanse dous libros de Historia de Galiza e un libro sobor do modernismo en Vigo.

Na creación e en farrapos promóvense obras como Ilustrísima de Carlos Casares, cancións como London Calling de The Clash e no teatro a Agrupación Cultural Abrente. Tamén se amosan traballos premiados de contos infantís convocado pola Agrupación Cultural O Facho.

Número 1 - Agosto 1980[editar | editar a fonte]

Na portada ten como subtítulo Tempo de Festa. Na sección política móstrase a opinión da editorial a respecto das responsabilidades diante do referendo, abandonando negociacións precarias para lograr un debate serio e aberto; a crise en Unidade Galega formada por: Partido Socialista Galego, Partido Obreiro Galego e Partido Galeguista; a análise da recomposición na esquerda galega e por tanto do PSOE; o nacionalismo da burguesía que se impoñía en Cataluña en mans de Jordi Pujol xunto coa crise do PSC.

En sociedade cobra importancia o peche de Radio As Mariñas, temas de ecoloxía expoñen como a empresa de José Masó, Industrias Balleneras S.A., estaba a superar o cota anual de capturas, analízase o antagonismo entre a defensa do medio ambiente e o mantemento dos postos de traballo no mundo obreiro. Anúncianse actividades lúdicas e resúmese o Festival Internacional do Mundo Celta en Ortigueira. En canto ao tema psicolóxico Fidel Vidal Pérez ofrece unha alternativa de psiquiatría comunitaria para a sociedade que promova o desenvolvemento do individuo.

Na cultura, Xavier Seoane realiza unha descrición da importancia da relación da música coa cultura, Manuel Vilanova expón a idea da creación dunha axencia de noticias galega: Galiza Press. Debátese a complicación e ambigüidade que presentaban as normas lingüísticas da Xunta. O Colectivo de Historia Xerminal fala dos comezos da industrialización.

En farrapos e na sección de creación anúnciase as IV Xornadas do Ensino en Galicia e Manuel Rivas fala da obra de Rafael Dieste.

No suplemento Pintores Galegos trátase a cronoloxía de Carlos Maside.

Número 2 - Setembro 1980[editar | editar a fonte]

Na portada anúnciase Galiza ante a CEE e tamén o problema do referendo galego que é tratado na sección de política. Trátase ademais a consolidación da liña nacionalista por parte do PSOE, a análise das loitas internas do UCD de Galiza e o exame da conciencia dos nacionalistas, con opinións de Carlos Vázquez Padín (Partido Obreiro Galego) e Claudio López Garrido (Partido Socialista Galego).

Na sección de sociedade, no cine, cítase a Pasolini e Oshima e fálase do erotismo, tamén da relación entre creación artística e costumes sociais. Cipriano Luís Jiménez Casas trata a creación de roles, a masculinidade e feminidade, maternidade e paternidade, así como a escolla e idealización amorosa.

En cultura Xesús Calo e Rafael Bárez expoñen os primeiros pasos dunha nova política urbanística, trátase a crítica totalmente destrutiva de Malapata, primeiro filme falado en galego.

A sección de farrapos trata presenzas de Jorge Luis Borges e Brenan. En canto ao apartado de comunicación maniféstase as I Xornadas de Comunicación nos Axuntamentos.

No suplemento Pintores Galegos trátase a cronoloxía de Castelao.

Número 3 - Outono 1980[editar | editar a fonte]

Este número foi publicado no outono de 1980, consta de 60 páxinas. A portada fai referencia ao ensino laico en Galiza. O tema principal deste número é o Estatuto de Autonomía, que ocupa o editorial e case toda a sección de política. Tamén encontramos reflexións sobre a República e o terrorismo en Galiza.

En canto ao apartado de sociedade, volvemos atopar referencias á educación laica. En relación co eido cultural e científico, aparecen escritos sobre Valle-Inclán e sobre as ideas de Piaget e Basaglia. Sobre a lingua podemos ler unha reflexión sobre a normativización do galego. Unha análise cinematográfica sobre Pasolini, e outra sobre un golpe militar ocupan o espazo dedicado á gran pantalla.

Na sección de creación, Xavier Seoane mostra o conto Folgor e morte dunha princesa, mentres que Xavier Alcalá expón un fragmento da súa novela Fábula, gañadora do premio literario Cidade da Coruña. No apartado das cartas Emilio López Méndez escribe Consideracións sobor de Galiza Press. Como de costume, conta coa sección O espello, de Manuel Rivas, e farrapos, a cargo de Xavier Seoane, que se centra nesta edición na radio.

O número conta ademais con algún anuncio publicitario de empresas galegas, a maioría relacionadas co eido cultural, así como cunha advertencia cara ás próximas publicacións, que contarán cun apartado extra centrado na industrialización de Galiza. Finalmente, o pintor seleccionado desta volta é Xosé Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro.

Número 4 - Novembro 1980[editar | editar a fonte]

Publicado en novembro do ano 1980, consta de 59 páxinas, e leva por título o nome do artigo principal, O Estatuto chega co frío; comeza cunha portada de Xoán Piñón. O Estatuto é precisamente o que enche case toda a sección de política, con tres extensos artigos sobre este proceso e as relacións entre os partidos políticos implicados, así como a sección Faiado. Este primeiro bloque remata cunha reflexión sobre a lei de montes e un escrito sobre as eleccións en Portugal.

O apartado de sociedade céntrase especialmente na educación e na etapa xuvenil (con dous artigos e a sección O Espello) e conta tamén cunha crítica social por parte de Manuel Miragaia. A singularidade do galego e a postura reintegracionista son tratados na sección da lingua.

No bloque cultural atopamos referencias á loita pola identidade, a relación con Portugal, e o comezo dunha desmitificación de Rosalía de Castro. En canto ao cine, fálase do festival de San Sebastián, así como de varios autores; tamén atopamos un artigo sobre a VIII Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia.

Volve aparecer a sección farrapos e Xosé Manuel Martínez Oca presenta o conto A desconocida. Para cerrar este número, a serie de pintores galegos está centrada en José María de Labra.

Número 5 - Nadal 1980[editar | editar a fonte]

Sae a luz no Nadal de 1980, e conta con 73 páxinas, debido a un apartado extra. Na portada faise referencia ao art. 32 da Constitución. Unha vez máis, enfoca o bloque da política maioritariamente no Estatuto Galego e o resultado das votacións, tratando este tema no editorial, así como noutros dous artigos.

Na sección O Espello, Manuel Rivas fai unha crítica do grupo Ultreya, e Emilio L. Méndez outra sobre o uso dos idiomas estranxeiros. A sección Libre Opinión ocúpaa Gustavo Docampo. Este número conta cun apartado de historia, do Colectivo Xerminal, centrado nun libro de Xosé Luis García sobre os deputados galeguistas da República, e outro de ciencia de Xavier Alcalá, que se enfoca no microcosmos. No ámbito do galego, aparecen a sección lingua, sobre as dúas correntes do galego, e a sección letras, centrada na traxedia divulgativa da nosa lírica medieval. Tras isto, aparece por primeira vez Man Común Extra, unha ampliación da revista, que trata a industrialización en Galicia dende o ámbito da investigación, o punto de vista financeiro e o desenvolvemento económico; conta con 10 artigos.

Cara ao final aparecen como sempre os apartados audiovisuais: cine e radio; a sección arte, centrada no artista Facal; a ópera na Coruña e un artigo sobre a figura de Fosse. Tamén a sección farrapos, que se divide en poesía (falando sobre a falta de Xosé Conde Fernández) e teatro (acerca dun artigo da revista Pipirijaina). Para a creación, elíxese un relato curto de Tino Rábade, e as cartas tratan unha queixa sobre o tráfico. Luis Caruncho é o pintor que cerra este número.

Número 6 - Xaneiro 1981[editar | editar a fonte]

Publicado en xaneiro do 1981, conta con 49 páxinas, e leva por título o nome do editorial: O laberinto do futuro. No apartado de política, dous artigos, un de Manuel Rivas e outro de X. A. Gaciño, que falan sobre a perda das esperanzas logo do referendo e as perspectivas de futuro. O resto desta sección fórmano outro artigo sobre o Estatuto, poñendo o galego en relación co catalán, e a sección O Espello, na que Manuel Rivas fala sobre a relación política-hostalaría.

Xa dentro das reflexións sociais, Emilio López Pérez alerta sobre os perigos da OTAN, Artur Queiroz mostra o panorama político da África Austral, e Xulio Pardellas de Blas e Xosé Cruces falan da pesca e a súa influencia na economía en Galiza. Ademais, móstrase a importancia do idioma para a creación de Sempre en Galiza, e Nacho Taibo amósanos o seu caderno de viaxe, Bren. Na sección ciencia e técnica Xavier Alcalá fala sobre a volta do coche eléctrico e o seu funcionamento. No ámbito lingüístico, faise unha comparación entre antilusismo e hiperlusificación.

Na sección Historia, A eirexa en Galiza, do Colectivo Xerminal. Carlos P. Martínez Pereiro fala sobre a obra A esmorga. Farrapos trata neste número concursos, poesía, libros e natureza. Como sempre, hai un espazo para o cine. Na división das creacións, atopamos unha serie de escolmas, así como o relato Recordo murcho de París, de Nacho Taibo, e no lado das cartas vemos dúas respostas: unha a Antón Landeira e outra a Claudio López Garrido. Para rematar, a serie de pintores galegos, con Xosé Lodeiro de protagonista.

Número 7 - febreiro 1981[editar | editar a fonte]

Este número foi publicado en febreiro do ano 1981 e consta de 49 páxinas. O nome do artigo principal é Os Ancares: A escola, un luxo ao que non teñen dereito.

No ámbito político fálase de problemas como a representación da dereita ou o eurocomunismo.

No ámbito da sociedade atópanse as subseccións: faiado, con noticias como os problemas da neve lucense ou unha guerra pesqueira, O Espello, onde se atopan, por exemplo, historias escritas por Manuel Rivas e, por último, Libre Opinión, onde hai tres artigos: o primeiro trata a aclaración dun caso de asasinato, o segundo relata as diferentes perspectivas que o movemento obreiro vai tomar de agora en adiante e o último presenta unha ironía sobre as persoas castelanistas que se queixan de que o galego teña maior presenza no ámbito educativo.

No ámbito da cultura, destaca unha crítica a un novo festival de cine en Vigo, as Cartas Pigmeias, escritas por Manuel Miragaia. Tamén atopamos a sección farrapos.

Na sección creación séguese a tratar a narrativa portuguesa actual. Neste caso, será unha análise de Dinis Machado e a súa obra O que dis, Molero. As subseccións cartas e The Enxebre Herald Tribune (xunto con Fiestra Entreaberta) seguen a estar presentes. Na serie Pintores Galegos o pintor a analizar neste número será Ánxel Huete.

Número 8 - Marzo 1981[editar | editar a fonte]

Foi publicado en marzo de 1981, tendo como artigo principal A Xunta desapareceu. Ten 49 páxinas. No ámbito da política, analízase e cóntase con claridade os sucesos do 23-F, o intento de golpe de estado realizado por Antonio Tejero o 23 de febreiro do 1981. A subsección editorial leva unhas reflexións sobre que facer despois do mesmo.

No ámbito da sociedade, ábrese unha nova subsección de nome ciencia e técnica, onde se pasará a falar do Transbordador espacial Columbia. Tamén a sección historia, onde o artigo trata o nacionalismo. Ábrese a subsección caderno de viaxe, por Nacho Taibo, neste caso pasará a falar do Río do Ceo.

No eido cultural, Xoel Gómez faille unha entrevista a Eduardo Alonso acerca do teatro galego, mentres que na subsección letras Carlos Martínez Pereiro fai unha crítica da poesía de Luís Pimentel. Miguel Castelo lembra a Celso Emilio Ferreiro. Continúase coa sección farrapos.

Na creación, coa narrativa portuguesa actual, analizarase A Fotomontagem, por parte do autor Artur Portela. Seguirase coa subsección The Enxebre Herald Tribune e cartas. O Espello está presente nesta sección cunha crítica ao presidente Adolfo Suárez, feita por Manuel Rivas. O pintor a analizar na serie Pintores Galegos é Antón Patiño Pérez.

Número 9 - Abril 1981[editar | editar a fonte]

Publicouse en abril de 1981, con 49 páxinas. O seu titular principal é Crise Pesqueira: A única saída.

No ámbito da política, séguese a aclarar temas do golpismo, mais hai temas como a necesidade dun novo sindicalismo apoiada por Luís Burgos. Tamén é destacable un pequeno apartado onde se pasará a falar un pouco acerca da historia do Uruguai polos anos 50 e 60, un tempo de loita para o país.

No ámbito da sociedade, pásase a analizar o pasado e presente da parroquia, por parte de Carmen Cotelo. En ciencia e técnica, analízase o telescopio espacial e en historia, fálase dun novo libro que relata a historia de España.

Na cultura, Ramón Piñeiro lembra a Fermín Penzol polo seu falecemento, e Xoel Gómez entrevista a Ricardo Carballo Calero.

A subsección arte traerá unha carta dirixida ao director da Escola Superior X, por parte dalgúns editores como Manuel Rivas ou Xavier Seoane. A intención será achegar as súas inquedanzas acerca da arte contemporánea. A pequena subsección farrapos segue estando na revista.

Na creación, e na narrativa portuguesa actual, analizarase o libro Campaniça de Manuel de Fonseca. The Enxebre Herald Tribune (xunto con Fiestra Entreaberta) e cartas tamén son parte da sección. O pintor a analizar será Alfonso Abelenda Escudero.

Número 10 - Maio 1981[editar | editar a fonte]

Foi o último número, publicado en maio de 1981. Conta con 49 páxinas. O seu artigo principal é O Ano das Letras Galegas, ao redor do cal xira toda a revista.

Na política, trátase os temas da crise municipal coruñesa, a campaña anticatalá e a fame andaluza. Miguel Anxo Murado García fala do ecoloxismo e Emilio López Méndez do partido laborista.

A sección de sociedade redúcese a dous traballos: O Colectivo Xerminal e Antonio Meijide Pardo, así como o habitual de Xavier Alcalá. A subsección ciencia e técnica tratará O Enfoque Sonar.

Na sección de cultura, dedícanse dezaseis páxinas ao Día das Letras Galegas. Tamén un ano de narrativa por Miguel Pérez Romero e Xavier Seoane. Outra lembranza de Salvador Lorenzana ao seu amigo Álvaro Cunqueiro, recentemente falecido. Séguese coa sección farrapos, anúncianse nela un concurso e un disco. A subsección caderno de viaxe, por Xoán Ignacio Taibo, aparece de novo, falando da Terra de Min.

En creación, na parte da narrativa portuguesa actual, fálase de Antonio Alves Redol e a súa obra Barranco de Cegos. Tamén unha historia escrita por Manuel Rivas que relata o roubo da mesa de braseiro de Don Ramón vivida por un policía de nome Firuco Turnes. Séguese co humor da Fiestra Entreaberta xunto con The Enxebre Herald Tribune, e envíanse cartas. O pintor a analizar en Pintores Galegos será Xosé Luís de Dios.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]