Madame Tussauds

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Madame Tussaud's»)

Coordenadas: 51°31′22″N 0°09′19″O / 51.52279, -0.15517

Logotigo do museo.

O Madame Tussauds é o museo de cera de Londres. Foi fundado pola escultora de cera Marie Tussaud posúe a colección de réplicas de personaxes famosos máis grande do mundo. É unha atracción turística de Londres, onde ten a súa sede central aínda que posúe diferentes sucursais noutras cidades coma Nova York, Berlín ou Hollywood.

Historia[editar | editar a fonte]

Marie Tussaud, naceu como Anna María Grosholtz (1761–1850) en Estrasburgo, Francia. A súa nai traballaba como ama de chaves para o Dr. Philippe Curtius en Berna, Suíza; que era un experto moldeador de cera que lle ensinou a Marie a súa técnica.

Tussaud creou a súa primeira figura de cera, de Voltaire, en 1777,[1] logo a Jean-Jacques Rousseau e a Benjamin Franklin. Durante a Revolución Francesa fixo diferentes esculturas das vítimas. Cando o doutor faleceu en 1794, herdou a súa colección de figuras de cera e pasou os seguintes 33 anos viaxando con elas por Europa. Casou con François Tussaud, en 1795, e dende esa data colleu o nome de Madame Tussaud. En 1802, viaxou a Londres despois de aceptar a invitación de Paul Philidor de expoñer as súas figuras nun salón-teatro. Pero non lle foi ben economicamente, xa que tiña que darlle a metade das súas ganancias a Philidor. Como resultado da guerra británica-francesa non puido regresar a Francia, entón comezou a viaxar coa súa colección a través de Gran Bretaña e de Irlanda. En 1831 arrendou un local en "Baker Street Bazaar" o oeste de Baker Street que se converte no primeiro fogar permanente do matrimonio Tussaud.[2]

En 1835 Marie abre o seu primeiro museo de cera en Baker Street, Londres. Unha das principais atraccións do museo é a cámara dos horrores que inclúe as figuras das vítimas da Revolución Francesa que ela creara durante a Revolución e outras creacións de asasinos e criminais.

Outra xente famosa foi engadida a exhibición, incluíndo a súa propia figura que se atopa a entrada do museo. A exposición orixinal contiña 400 figuras pero despois do lume de Londres en 1925 e das bombas xermanas de 1941 a colección reduciuse, pero algunha figura feita por ela aínda continúa exposta. Marie finou o 15 de abril de 1850 mentres durmía.

En 1883, o edificio quedou pequeno e ordenouse construír o actual edificio en Marylebone Road que foi aberto o público o 14 de xullo de 1884. En febreiro de 1889, o museo, tivo que ser vendido por problemas financeiros despois de que fracasaran varias técnicas propostas para atraer capital.

Actualmente o museo é un reclamo turístico e incorpora figuras de actores, coñecidos deportistas, políticos...

Lista de localizacións[3][editar | editar a fonte]

América do Norte: Las Vegas, Hollywood, Nova York e Washington, D.C..

Europa: Ámsterdan, Berlín, Blackpool, Londres e Viena.

Asia: Bangkok, Hong Kong, Iacarta, Shanghai e Toquio.

Australia: Sidney.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Du Plessis, Amelia. "England - Madame Tussauds". Informational site about England. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2011. Consultado o 12 de xullo de 2011. 
  2. Pilbeam (2006) pp.100-104
  3. "Madame Tussauds". Consultado o 29 de novembro de 2011.