MS Estonia
MS Estonia | |
---|---|
![]() Maqueta do MS Estonia | |
Historial | ![]() |
Estaleiro | Meyer Werft, Papenburg |
Tipo | transbordador |
Operador | Estline |
Porto de rexistro | Talín |
Posta en grella | 18 de novembro de 1979 |
Botado | 26 de abril de 1980 |
Destino | afundiuse o 28 de setembro de 1994 |
Características xerais | |
Eslora | 155,43 m |
Manga | 24,21 m |
Calado | 5,55 m |
Cubertas | 9 |
Propulsión | 4 motores MAN 8L40/45 |
Velocidade | 21 nós |
Capacidade | 2 000 pasaxeiros 460 coches |
O MS Estonia foi un transbordador-cruceiro construído en 1980 para a navieira finesa Rederi Ab Sally polo estaleiro Meyer Werft, en Papenburg, Alemaña Occidental. Foi utilizado en rutas de transbordadores entre Finlandia e Suecia por varias compañías (primeiro Viking Line, e despois EffJohn) ata finais de xaneiro de 1993, cando foi vendido a Nordström & Thulin para ser usado na ruta de Estline entre Talín e Estocolmo. O afundimanto do barco o 28 de setembro de 1994 no mar Báltico, entre Suecia, Finlandia e Estonia, foi un dos peores desastres marítimos en tempos de paz do século XX, levándose 852 vidas. Unha investigación oficial descubriu que un fallo nos peches da viseira de proa fixo que a auga entrase na cuberta dos coches e afundise rapidamente o barco. O informe tamén sinalou a falta de iniciativa da tripulación. Unha investigación en 2023 observou fallos de construción adicionais na viseira de proa.[1]
Construción
[editar | editar a fonte]O barco foi encargado orixinalmente ao estaleiro Meyer Werft de Papenburg, Alemaña, por unha navieira norueguesa dirixida por Parley Augustsen con tráfico previsto entre Noruega e Alemaña. No último momento a compañía retirou o seu pedido e o contrato foi para Rederi Ab Sally, un dos socios do consorcio Viking Line (SF Line, outro socio de Viking Line, tamén se interesara polo barco).[2]
O barco foi pedido nun momento de rápida expansión do tráfico entre Finlandia e Suecia, e tamén un momento onde o tamaño e a velocidade dos trasbordadores tamén estaba medrando, sendo durante un tempo o segundo transbordador máis grande operando no mar Báltico.[3] Orixinalmente foi concibido como un barco irmán do Diana II, construído en 1979 polo mesmo estaleiro para Rederi AB Slite, o terceiro socio en Viking Line. Cando Sally fíxose co contrato de construción, o barco foi alongado por extensión do tramo paralelo medio barco en 18,4 metros, e a superestrutura do barco foi redeseñada en gran medida.[2] O bulbo de proa e a rampla dianteira tamén foron lixeiramente alongados (0,83 e 0,725 m respectivamente).[3]
A construción dalgunhas partes do barco, como partes do casco e a superestrutura, foi subcontratada a outros estaleiros debido a que o contrato esixía un prazo de entrega moi curto. Porén, a viseira de proa e toda a estutura de unión ao casco foi realizada por Meyer Werft.[3]
Viking Line recibiu un total de catro barcos novos tan só en 1980, tres dos cales foron construídos para Rederi AB Sally. Ademais do Viking Sally (primeiro nome do Estonia), o Viking Saga e o seu irmán Viking Song tamén entraron en servizo en 1980, tendo sido construídos por Wärtsilä (agora Aker Finnyards) en Turku, Finlandia.
Meyer Werft construíra unha gran catidade de barcos para varias compañías socias de Viking Line durante os anos 70. A construción da proa do buque consistía nunha viseira de apertura cara arriba e unha rampla para coches que se colocaba no interior da viseira cando estaba pechada. Tamén se utilizara unha construción de proa idéntica no Diana II.[4]
Historial de servizo
[editar | editar a fonte]O Estonia navegou anteriormente como Viking Sally (1980-1990), Silja Star (1990–1991), e Wasa King (1991–1993).[5]
Viking Line
[editar | editar a fonte]
O 29 de xuño de 1980 o Viking Sally foi entregado a Rederi Ab Sally e foi posto en servizo na ruta Turku-Mariehamn-Estocolmo[2][6] (durante o verán de 1982 operou a ruta Naantali-Mariehamn-Kapellskär). Era o barco máis grande que servira esa ruta naquel momento. Como outros moitos barcos, o Viking Sally sufriu algúns contratempos durante o seu servizo coa Viking Line, quedando encallado no arquipélago de Åland en maio de 1984 e sufrindo algúns problemas de hélice en abril do ano seguinte. En 1985 colocóuselle tamén unha "cola de pato".[6][2] En 1986 un pasaxeiro foi asasinado a bordo, e en 1987 houbo outro asasinato e un intento. Este último permanece sen resolverse. Rederi Ab Sally experimentara dificultades económicas durante gran parte dos anos 80 e a finais de 1987 Effoa e Johnson Line, donos do principal rival de Viking Line, a Silja Line, mercou Sally.[7] Como resultado desta adquisición, SF Line e Rederi AB Slite obrigaron a Sally a saír da Viking Line. O Viking Sally foi alugado a Rederi AB Slite para continuar coa súa ruta durante os seguintes tres anos.[6][2][8][7]
Silja Line
[editar | editar a fonte]
Cando o seu alugueiro rematou en abril de 1990, o Viking Sally tivo un cambio de servizo pouco habitual. Pintouse coas cores de Silja Line, rebautizouse como Silja Star e colocárono na mesma ruta que servira coa Viking Line: Turku-Mariehamn-Estocolmo.[6][2] A razón foi que a construción do novo barco de Silja para a ruta Helsinqui-Estocolmo atrasouse e un dos barcos da ruta Turku-Estocolmo, o Wellamo, foi transferido a esa ruta ata que o novo barco estivo completo en novembro de 1990.[9] Tamén en 1990 Effoa, Johnson Line e Rederi Ab Sally fusionáronse para formar EffJohn.
A primavera seguinte o Silja Star comezou o seu servizo coa Wasa Line, outra compañía propiedade de EffJohn. O seu nome foi cambiado a Wasa King e operou rutas que conectaban Vaasa, en Finlandia, con Umeå e Sundsvall en Suecia.[2][6][8]
Estline
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1993, á vez que EffJohn decidiu fusionar as operacións de Wasa Line dentro da Silja Line, o Wasa King foi vendido a Nordström & Thulin para ser usado na liña Talín-Estocolmo de Estline co nome de Estonia. A propiedade real do barco era bastante complexa para que Nordström & Thulin conseguise un préstamo para mercalo. Aínda que Nordström & Thulin era a compañía que adquiriu o Estonia, o propietario rexistrado era Estline Marine Co Ltd, de Nicosia, Chipre, que alugou o barco a E.Liini A/S, de Talín, Estonia (compañía irmá de Nordström & Thulin e ESCO), que á súa vez alugoullo a Estline AB. Como resultado, o barco estaba realmente rexistrado tanto en Chipre como en Estonia.[2][6][10]
O seu primeiro servizo co novo nome foi o däia 1 de febreiro de 1993.[10] Como o barco máis grande de propiedade estoniana da época, o Estonia simbolizou a independencia que o país recuperou despois do colapso da Unión Soviética.
Cubertas e instalacións
[editar | editar a fonte]O MS Estonia tiña un total de 11 cubertas, contando dende a máis baixa (0) ata a máis alta (10). As instalacións dos pasaxeiros atopábanse nas cubertas 6, 5, 4 e 1, mentres que os tripulantes ocupaban as cubertas 8 e 7. As cubertas 2 e 3 estaban dedicadas a carga.
O Viking Sally desenvolveuse a partir de deseños previos de transbordadores Ro-Ro (roll on-roll off). Nos rexistros aparecía clasificado como un transbordador Ro-Ro para pasaxeiros e carga. Tiña un espazo continuo para transportar vehículos na cuberta principal (cubertas 2 e 3). Debaixo desta, na cuberta 1, había unha cuberta con camarotes de clase económica e a sala de motores. Na cuberta 0 había unha gran zona con piscinas e saunas. As zonas principais de camarotes atopábanse nas cubertas 4, 5 e 6, onde tamén había instalacións de restauración e entretemento para os pasaxeiros. Sobre estas, nas cubertas 7 e 8 estaban os camarotes da tripulación, e a ponte de mando atopábase na cuberta 9.[3]
O barco construíuse cunha rampla de carga na proa na cuberta dos vehículos, pechada por unha viseira articulada que se abría cara arriba, e con dúas ramplas de carga de popa. Os pasaxeiros tiñan portas de entrada ao buque nas cubertas 4 e 5 e as portas para o práctico e para o abastecemento de combustible estaban na cuberta dos vehículos.[3]
-
Planos das cubertas 0 a 5, así como as cubertas dos tanques
-
Planos das cubertas 6 a 10
Como Viking Sally
[editar | editar a fonte]9 | Ponte, sundeck[11] |
8 | Camarotes da tripulación, sundeck[12][11] |
7 | Camarotes e instalacións da tripulación, sundeck[13] |
6 | Cuberta de restaurante - comedor buffet, restaurante á carta, bar, camarotes exteriores e interiores[14] |
5 | Cuberta de entrada e cafetería - tendas libres de impostos, cafetería, snack bar, discoteca, butacas, parque infantil, camarotes exteriores e interiores[11][15] |
4 | Cuberta de conferencias - salas de conferencias, club nocturno, cine, camarotes exteriores e interiores[15] |
3 | Plataforma de coches[16] |
2 | Cuberta de coches[16] |
1 | Camarotes interiores,[14] sala de motores[13] |
0 | Sauna, piscina, salas de conferencias[14] |
Naufraxio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Naufraxio do MS Estonia.
Nacionalidades | Mortos | Superviventes | Total |
---|---|---|---|
![]() |
501 | 51 | 552 |
![]() |
285 | 62 | 347 |
![]() |
23 | 6 | 29 |
![]() |
11 | 4 | 15 |
![]() |
10 | 3 | 13 |
![]() |
6 | 3 | 9 |
![]() |
5 | 3 | 8 |
![]() |
5 | 1 | 6 |
![]() |
3 | 1 | 4 |
![]() |
2 | 0 | 2 |
![]() |
1 | 1 | 2 |
![]() |
1 | 1 | 2 |
![]() |
1 | 1 | 2 |
![]() |
1 | 0 | 1 |
![]() |
1 | 0 | 1 |
![]() |
1 | 0 | 1 |
![]() |
1 | 0 | 1 |
Total | 852 | 137 | 989 |
O Estonia afundíuse en augas internacionais o mércores 28 de setembro de 1994 entre as 00:50 e 01:50 (UTC+2) cando o barco cruzaba o mar Báltico en ruta dende Talín ata Estocolmo.[17] Na noite do afundimento o tempo no mar Báltico era tormentoso, cunha altura de ondas significativa duns 4 metros,[18] o barco sufriu unha escora severa que empeorou rapidamente, dificultando a súa recuperación. Menos dunha hora despois do primeiro sinal de que algo andaba mal, o barco afundiuse.
Outros barcos, primeiro o MS Mariella e despois o MS Silja Europa, chegaron ao lugar do accidente con relativa rapidez. Porén, carecían de métodos eficaces para salvar á xente na auga: os botes salvavidas non podían ser botados no mar axitado. Só 34 persoas foron rescatadas directamente dos barcos, a maioría delas polo Mariella, e outras 104 persoas foron rescatadas coa axuda de helicópteros.[19]
O informe oficial chegou á conclusión de que a viseira de proa separouse do buque, abrindo a rampla. O barco xa estaba escorado debido a que a carga estaba mal distribuída e escora aumentou rapidamente inundando as cubertas e os camarotes. A enerxía non tardou en fallar por completo, impedindo a busca e rescate, e non se declarou unha emerxencia a gran escala durante 90 minutos. Das 989 persoas que estaban a bordo, 137 foron rescatadas. O informe criticou principalmente a construción do buque, así como a actitude pasiva da tripulación, ao non percibir que a auga entraba na cuberta de vehículos, atrasando a alarma e proporcionando unha orientación mínima desde a ponte.
O afundimento foi un dos maiores desastres marítimos do século XX.[20] É o terceiro maior naufraxio en tempo de paz dun barco europeo, tras o RMS Titanic (1912) e o RMS Empress of Ireland (1914), e o naufraxio máis mortífero en tempo de paz que se produciu en augas europeas, con 852 vidas.[21] Hai memoriais do evento en Talín e Estocolmo.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sinking of the Estonia (1994)". Britannica (en inglés). Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Wasa King". www.vasabatarna.se. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "MV Estonia - final report: Chapter 3 - The vessel". onse.fi. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ "The DIANA II incident". web.archive.org. 2001-05-22. Archived from the original on 22 de maio de 2001. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ "MS Estonia - EstLine". www.estline.ee. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "M/S VIKING SALLY (1980)". www.faktaomfartyg.se. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 7,0 7,1 "Viking Line Viking Sally Ferry Postcards". www.simplonpc.co.uk. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 8,0 8,1 "MV Estonia - final report. Chapter 2 - Operating history under Finnish flag". onse.fi. Consultado o 2025-04-04.
- ↑ "M/S WELLAMO (1986)". www.faktaomfartyg.se. Consultado o 2025-04-03.
- ↑ 10,0 10,1 "MV Estonia - final report: Chapter 2 - Under Estonian flag". onse.fi. Consultado o 2025-04-04.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 "Viking Sally deck plan". Viking Line brochure (en finés, sueco, e inglés). Vasabåtarna.se. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ "General arrangement". www.estoniaferrydisaster.net. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ 13,0 13,1 "Viking Sally General Arrangement plan". Vasabåtarna.se. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 "Viking Sally Restaurant deck 6 plan". Viking Line brochure (en sueco e finés). Vasabåtarna.se. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ 15,0 15,1 "Viking Sally Conference deck 4 plan". Viking Line brochure (en sueco e finés). Vasabåtarna.se. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ 16,0 16,1 "Viking Sally cutaway". Viking Line brochure (en sueco, finés, e inglés). Vasabåtarna.se. Consultado o 4 de abril de 2025.
- ↑ "MV Eestonia - final report: Chapter 1 - The accident". onse.fi. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ "MV Estonia - final report: Chapter 5 The circumstances of the voyage". onse.fi. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ "MV Estonia - final report: Chapter 7 The rescue operation". onse.fi. Consultado o 2025-04-07.
- ↑ Bierens, Joost J. L. M., ed. (2006). Handbook on Drowning: Prevention, Rescue, Treatment. SpringerLink Bücher. Berlin, Heidelberg: Springer-Verlag Berlin Heidelberg. pp. 650–652. ISBN 978-3-540-43973-8.
- ↑ "Estonia shipwreck investigator and nautical linguist Captain Uno Laur dies". ERR (en inglés). 2018-10-08. Consultado o 2025-04-04.
- ↑ "sites-of-memory.de Tallinn memorial to the sunken "Estonia"". sites-of-memory.de. Consultado o 2025-04-04.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: MS Estonia ![]() |
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Estonia |