Mīrābāī

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mīrābāī
Meera.png
Nacemento1498
 Merta City
Falecemento1546
 Dwarka
RelixiónHinduísmo
Ocupaciónpoetisa e escritora
CónxuxeBhoj Raj
editar datos en Wikidata ]

Mīrābāī ou Mirabai[1] (en devanágari मीराबाई), nada en Kudki (Rajasthan) en 1498 e finada en Dwarka en 1546, foi unha poeta mística hindú do movemento Bhakti. Ela referíase a deus, a quen vía como o seu marido, con diferentes nomes como Satguru, Prabhu Ji, Girdhar Nagar ou Krishna. Debido aos celos, a súa familia política non aprobaba que cantase e bailase publicamente porque pertencía á familia real de Mewarh e era princesa, mais amaba demasiado ao seu deus e sacrificou todo, mesmo a súa familia, por el. É unha venerada santa Bhakti, especialmente na tradición hindú do norte da India.[2][3]

Mīrābāī naceu na familia real de Merta, en Rajasthan. É mencionada en Bhaktamal, confirmando que era unha figura amplamente coñecida e valorada na cultura do século XVII.[4] A maioría das lenda sobre Mīrābāī mencionan a desconsideración das convencións sociais e familiares, a súa devoción a Krishna e a súa persecución pola súa familia política a causa da súa devoción.[4][5] Moitos contos e lendas haxiográficas tratan sobre ela, de forma que son inconsistentes entre elas ou moi diferentes nos detalles.[5][6]

Templos hindús como o de Chittorgarh están dedicados á súa memoria[5] e as lendas sobre a súa vida foron obxecto de filmes, bandas deseñadas e outras obras populares.[7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Templo a Krishna de Mīrābāī en Chittor Fort, Rajasthan

Non existen documentos auténticos sobre Mīrābāī, polo que os estudosos estableceron a súa biografía a través de fontes secundarias que a mencionan. Naceu en Kudki, unha aldea preto de Merta, actualmente no distrito Pali. O seu pai era Ratan Singh, descendente de Rao Rathor (fundador de Jodhpur). Cando tiña tres anos de idade, un sadhu chegou ao seu fogar e deulle ao seu pai unha figura do deus Krishna. O seu pai considerouno unha bendición especial e instalou a deidade no altar familiar. Mīrābāī quedou profundamente apegada a esa imaxe e negouse a comer ata que a deidade lle foi entregada. Comezou a vivir para a súa figura de Krishna, vestíao e comía só a comida que antes lle ofrecera nun prato. Resolveu converter a Krishna no seu único amigo, amante e esposo. Ao longo da súa turbulenta vida, nunca esqueceu esta relación coa figura.

Os seus pais casárona con Bhoj Raj, príncipe de Mewar, en 1516,[8][9] mais o seu esposo foi ferido nunha das guerras entre hindús e musulmáns no sultanato de Delhi en 1518 e faleceu polas feridas da batalla en 1521. O seu pai e o seu sogro foron asasinados algúns anos despois do seu home,[5] durante unha guerra contra o exército islámico de Babur, fundador do imperio Mughal no subcontinente indio.[10][11]

Trala morte do seu sogro, Vikram Singh converteuse no gobernante de Mewar. Segundo unha lenda popular, a súa familia política intentara moitas veces executala, enviándolle un vaso de veleno que lle dicían que era néctar ou enviándolle unha cesta cunha serpe en lugar de flores.[1][8] De acorda ás lendas haxiográficas, non foi ferida en ningún dos casos, coa serpe converténdose milagrosamente nunha imaxe de Krishna (ou nunha grilanda de flores dependendo da versión).[6][8] Noutra versión da lenda, Vikram Singh pídelle que se afogue ela mesma, o que ela intenta, mais aparece aboiando na auga.[12] Outra lenda afirma que o emperador mongol Akbar chegou con Tansen para visitala e agasallouna cun colar de perlas, mais os estudosos dubidan deste feito xa que Tansen entrou na corte de Akbar en 1562, quince anos despois da morte de Mīrābāī.[12] Tamén hai historias que din que Ravidas foi o seu gurú (mestre), mais tampouco hai evidencia histórica e a diferenza de cen anos entre as súas datas de nacemento suxiren que foi imposible.[12]

Outras historias afirman que Mīrābāī deixou o reino de Mewar e dedicouse á peregrinación. Nos seus últimos anos viviu en Dwarka ou Vrindavan, onde as lendas contan que desapareceu milagrosamente fundíndose cunha imaxe de Krishna en 1547.[1][5] A pesar de que os milagres son discutidos polos estudosos pola falta de evidencia histórica, é recoñecido que Mīrābāīdedicou a súa vida a Krishna, compoñendo cánticos de devoción, unha ocupación pouco ortodoxa para unha viúva, que na India eran profundamente desprezadas, e foi unha das máis importantes santos poetas do movemento Bhakti.[1][12][13]

Obra[editar | editar a fonte]

Atribúense a Mīrābāī miles de poemas e loas apaixonadas a Krishna, mais os estudosos só cren que uns centos deles son auténticos, e os rexistros máis antigos suxiren que agás dous poemas, a maioría foron escritos no século XVIII.[14] Moitos poemas atribuídos a ela foron posiblemente compostos máis tarde por admiradores seus. Coñécense popularmente como bhajans, e son populares na India.[15]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

O compositor John Harbison adaptou as traducións de Bly de Mirabai Songs. Existe un documental titulado A Few Things I Know About Her, dirixido por Anjali Panjabi,[16] e dous coñecidos filmes realizados na India, Meera (1945), filme en lingua támil protagonizado por M. S. Subbulakshmi, e Meera (1979), filme en hindi de Gulzar. A serie Meera (2009–2010) tamén está baseado na súa vida.

A vida de Mīrābāī tamén se describe en Meera—The Lover…, álbum musical baseado en composicións orixinais para bhajans, estreado o 11 de outubro de 2009.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Mira Bai". Encyclopædia Britannica. 
  2. Karen Pechelis (2004), The Graceful Guru, Oxford University Press, ISBN 978-0195145373, páxinas 21-23, 29-30
  3. Neeti Sadarangani (2004), Bhakti Poetry in Medieval India: Its Inception, Cultural Encounter and Impact, Sarup & Sons, ISBN 978-8176254366, páxinas 76-80
  4. 4,0 4,1 Catherine Asher and Cynthia Talbot (2006), India before Europe, Cambridge University Press, ISBN 978-0521809047, páxina 109
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Usha Nilsson (1997), Mira bai, Sahitya Akademi, ISBN 978-8126004119, páxinas 1-15
  6. 6,0 6,1 Nancy Martin-Kershaw (2014), Faces of the Feminine in Ancient, Medieval, and Modern India (Editor: Mandakranta Bose), Oxford University Press, ISBN 978-0195352771, páxinas 162-178
  7. Edwin Bryant (2007), Krishna: A Sourcebook, Oxford University Press, ISBN 978-0195148923, páxina 242
  8. 8,0 8,1 8,2 Usha Nilsson (1997), Mira bai, Sahitya Akademi, ISBN 978-8126004119, pages 12-13
  9. Nancy Martin-Kershaw (2014), Faces of the Feminine in Ancient, Medieval, and Modern India (Editor: Mandakranta Bose), Oxford University Press, ISBN 978-0195352771, page 165
  10. David Kinsley (1997), Tradition and Modernity in Bhakti Movements (Editor: J Lele), Brill Academic, ISBN 978-9004063709, pages 88-89
  11. SR Bakshi (2002), Mirabai: Saints of India, Criterion, ISBN 978-8179380239, páxinas 42-45, 282-283
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Usha Nilsson (1997), Mira bai, Sahitya Akademi, ISBN 978-8126004119, páxinas 16-17
  13. John S Hawley (2005), Three Bhakti Voices: Mirabai, Surdas and Kabir in Their Times and Ours, Oxford University Press, ISBN 978-0195670851, páxina 128-130
  14. John Stratton Hawley (2002), Asceticism (Editors: Vincent Wimbush, Richard Valantasi), Oxford University Press, ISBN 978-0195151381, páxinas 301-302
  15. Edwin Bryant (2007), Krishna: A Sourcebook, Oxford University Press, ISBN 978-0195148923, páxina 254
  16. "Legend of Mira Bai retold by Anjali Panjabi". The Times of India. 4 de outubro de 2002. 
  17. Vandana Vishwas: Home

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]