Música da Roma antiga
| Música da Roma antiga | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||
Sábese menos sobre a música da antiga Roma que sobre a da antiga Grecia. A arte musical grega, aínda que deixou poucos exemplos rexistrados (só uns 40 fragmentos), persiste en diversas descricións e nun sistema ben desenvolvido, pero sobreviviron aínda menos reliquias da música romana, e as súas características seguen sendo en gran parte conxecturas.
Herdanza grega
[editar | editar a fonte]
Os romanos non foron moi orixinais en canto á arte, posto que importaron a maioría das súas técnicas e referencias estilísticas de Grecia, como se pode ver nos exemplos superviventes de escultura e pintura. Non é posíbel dicir con certeza se isto se repetiu na música, aínda que é bastante probábel. Pero, a diferenza dos gregos, sábese que non existía unha forte asociación entre a ética e a música entre os romanos.
Malia esta dependencia, existen rexistros da presenza xeneralizada da música en todos os aspectos da vida romana, desde as manobras militares e os grandes festivais, onde as actuacións a grande escala incluían centos de instrumentistas e empregaban instrumentos enormes, como cítaras do tamaño de carros, ata o uso discreto e doméstico de instrumentos solistas. As competicións musicais eran comúns e a educación musical considerábase un signo de distinción social.
Sistema
[editar | editar a fonte]Suponse que empregaban o sistema grego de modos na súa produción sonora e que a práctica sería principalmente monódica. A música vocal imitaría o patrón grego, aínda que adaptado ao ritmo peculiar da prosodia latina. O grao en que outros elementos exóxenos participaron na cultura musical romana tampouco está claro, e é concibíbel que houbese algún intercambio de influencias cos etruscos, asiáticos, africanos e pobos bárbaros do norte de Europa, integrantes de rexións que co tempo foron anexionadas polo Imperio en expansión. Unha das razóns das grandes lagoas no noso coñecemento da música romana é o desagrado con que os primeiros cristiáns consideraban o teatro, os festivais e os ritos pagáns, que foron suprimidos unha vez que o cristianismo se converteu na relixión oficial, xunto coa súa música.
É posíbel que os romanos tamén imitasen o sistema de notación grego para transcribiren as súas composicións, usando catro letras para indicar catro notas sucesivas que formaban un tetracordo. Os símbolos auxiliares enriba das letras indicarían a duración e o ritmo. Descoñécese ata que punto notaban a súa música. A arte da época deixou varias representacións de músicos, pero ningún deles estaba a ler partitura ningunha, e ata o de agora só se descubriu un número moi pequeno de fragmentos escritos, principalmente do Exipto helenístico, cunha variante da notación grega tradicional, e mesmo poden ser de orixe grega en lugar de romana. É posíbel que os pneumas medievais evolucionasen a partir da escura notación romana anterior. Boecio escribiu sobre música, pero a súa obra é máis unha descrición da música grega que un retrato da música romana do seu tempo.
Instrumental
[editar | editar a fonte]Grazas ao testemuño das artes visuais e a uns poucos exemplos descubertos, o noso coñecemento dos instrumentos da antiga Roma é moito máis rico que o noso coñecemento das súas composicións. Empregábanse moitos tipos de instrumentos en todos os xéneros principais: aerófonos, cordófonos e membranófonos.
Aerófonos
[editar | editar a fonte]
- Bucina e corno, tubos de bronce grandes e delgados coa forma da letra G, que se enrolaban arredor do corpo do músico e que podían ter ou non unha barra transversal para suxeitarse. Tiñan unha sección cónica e unha embocadura cónica. Tamén son de herdanza etrusca.
- Tuba. Non era como as tubas modernas, senón que tiña un tubo longo e cilíndrico de bronce cun extremo en forma de campá, semellante a unha trompeta. Tiña unha embocadura cónica extraíbel e non tiña válvulas, o que só permitía producir unha simple serie de sobretóns. Era un instrumento principalmente militar, aparentemente herdado dos etruscos. A lonxitude dos exemplos descubertos é duns 130 cm.
- Tibia. Unha versión latina do aulo grego, xeralmente dobre, cunha palleta e unha soa embocadura para manter xuntos os extremos dos dous tubos na boca do músico. As reconstrucións modernas indican que producía un son grave, como o do clarinete.
- Ascaule, phusalis e utriculium, tipos de gaitas.
- Frautas e frautas de Pan, semellantes aos exemplares modernos.
Cordófonos
[editar | editar a fonte]
- A lira, tomada dos gregos, era unha especie de arpa cun marco feito de cuncha de tartaruga e un número variábel de cordas que se pulsaban cos dedos.
- A cítara, que foi substituíndo gradualmente a lira no gusto romano, parecíase a esta última pero tiña unha caixa de resonancia máis grande e tocábase cun plectro. Era un dos instrumentos favoritos, empregado en numerosas ocasións, tanto públicas como privadas, e os seus virtuosos intérpretes eran quen de conmoveren o público ata as bágoas.
- Laúde, precursor das guitarras modernas. Na época romana, tiña tres cordas e non era moi popular, aínda que era máis doado de tocar que a lira ou a cítara.
Membranófonos
[editar | editar a fonte]Era unha das seccións máis ricas do instrumentarium romano, cunha profusión de campás, chocallos, sistros, címbalos, timbais e tambores empregados en todas as ocasións. Hai probas de que a música romana era fortemente rítmica e a percusión debeu desempeñar un papel importante no seguimento do tempo.

Órganos (aerófonos)
[editar | editar a fonte]Representado en mosaicos e fragmentos conservados en museos, o órgano romano semella ser un intermediario entre a gaita e os órganos que coñecemos hoxe. O seu mecanismo de acción non se elucidou completamente. Un tipo particularmente interesante é o hidraulus ou hydraulia (hydraulis), un órgano que funcionaba mediante presión de auga. Tamén foi herdado dos gregos, e en 1885 atopouse un modelo de arxila ben conservado en Cartago. As reconstrucións modernas producen un son suave e doce, axeitado para acompañar música vocal.