Máximo o Confesor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMáximo o Confesor

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(el) Μάξιμος ο Ομολογητής Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento579 Editar o valor em Wikidata
Constantinopla Editar o valor em Wikidata
Morte13 de agosto de 662 Editar o valor em Wikidata (82/83 anos)
Egrisi (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Monxe
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeImperio Bizantino Editar o valor em Wikidata
RelixiónCristianismo calcedonio Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónteólogo , filósofo Editar o valor em Wikidata
ProfesoresSofrónio de Jerusalém (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlumnosAnastácio Sinaíta (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaGrego medieval (pt) Traducir e Grego antigo Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa13 de agosto
21 de xaneiro Editar o valor em Wikidata

Máximo o Confesor (nado en 580 en Constantinopla ou en Palestina) foi un importante teólogo e pensador cristián que defendeu a plena humanidade de Xesús de Nazaret fronte ao monotelismo sostido inicialmente polo patriarca de Constantinopla, polo papa e polo emperador de Bizancio. Del fican 90 obras sobre o home, a divindade e o cosmos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou sendo secretario do emperador Heraclio, chegando a ser unha das figuras máis salientables da burocracia imperial. Con todo, deixou a súa carreira pola vida monacal no ano 613. En efecto, repartiu os seus bens entre os marxinados e desfavorecidos e ingresou nun mosteiro preto de Chrisópolis, en Bitinia. Coa invasión persa na guerra de Bizancio contra o Imperio Sasánida, a persecución relixiosa deste Estado de fe zoroástrica, lévao a fuxir a Cartago no ano 626.

Nese momento, o emperador de Bizancio busca recuperar a fidelidade dos monofisitas co fin de manter a moi feble cohesión social do ameazado Imperio. Secundou esa posición o patriarcado de Constantinopla con patriarcas como Serxio e Pirro que formulan unha única vontade en Cristo, a divina. Máximo entende que isto é poñer en cuestión a redención e a encarnación subordinando a fe do pobo a estratexias políticas. Para el, resulta irrenunciable que, en Xesús home, Deus se une plenamente á humanidade, sen amputala nin desnaturalizala. Por amor, o Logos divino baléirase (kenose) no home Xesús onde se encontran, sen alteración, a natureza humana e a natureza divina. Aquí radica a esencia da redención da humanidade.

O papa Honorio defendera o monotelismo. Pero o papa daquela, Martiño I, convocou a Máximo a un sínodo onde a posición deste, defendendo as dúas vontades en Cristo, saíu triunfante. Isto provocou a carraxe do emperador Constantino II que mandou arrestar ao papa que foi torturado, vexado publicamente e desterrado. Máximo foi tamén capturado e levado a Constantinopla onde o torturaron co fin de que aceptase a posición imperial monotelita. A súa resistencia mantívoo en prisión dende o ano 653 a 655. Alí foi obxecto de constantes torturas e finalmente exiliado. Como queira que Máximo era venerado por gran parte do pobo cristián pola súa bondade, elocuencia e senso da xustiza, buscouse incesantemente a súa retractación. No ano 661 foi traído de novo a Constantinopla onde foi, unha vez máis, violentamente presionado. Ante a afouteza que amosaba, determinouse que se lle arrincara a lingua para non poder predicar endexamais. Asemade cortóuselle a man dereita co fin de que non volvera xa nunca a escribir. Novamente exiliado no mar Negro, Máximo faleceu debilitado polas torturas, as vexacións e as amputacións.

Haberá que esperar ao ano 681 para que a súa doutrina fose recoñecida como verdadeira no Concilio de III de Constantinopla e o papa Honorio considerado un herexe.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Influído polo pensamento neoplatónico, particularmente por Plotino. Máximo expón con categorías filosóficas helénicas a fe experimentada e transmitida, dende as primeiras testemuñas que viron e apalparon ao home Xesús de Nazaret ata os pais da Igrexa que formularon esa experiencia con conceptos gregos.

Para el, a integridade do ser humano ten unha dignidade infinita porque o Logos divino fíxose home divinizando todas as súas potencias, incluída a vontade humana.

No home unifícase todo o cosmos por iso a divinización do home na súa totalidade supón o rescate da Creación enteira das gadoupas do Mal e, polo tanto, redimíndoa da corrupción e da morte. Máximo defende a apocatástase ao igual que Oríxenes e Gregorio de Nisa. Todos os seres creados, o home e os mesmos demos serán finalmente redimidos e salvados. Porén existen textos non concluíntes:

Deus ama ao pecador porque así corresponde ao seu ser, El ten misericordia e simpatía coma se fose parvo ou un cego que camiña na escuridade...Coida de non afastarte porque é o amante e o amado...é esencialmente amor e así é nomeado
Epístola 1

Deus é o Ser en si, inconcibible e inefable, podemos albiscalo a través da natureza e as cousas creadas. O intelecto humano non pode abranguer a insondable e descoñecida profundidade da esencia divina:

Deus permanece agochado na súa mesma manifestación
Epístola 3

O coñecemento de Deus supón a superación das paixóns e transcender a razón sen negala. Dende a humildade, a graza eleva e perfecciona a capacidade do home que soamente así, dende unha "absoluta simplicidade" pode acadar a revelación de Deus inmediatamente atinxindo "o cume supremo da felicidade".

Isto non "ven a nós mediante a privación do noso poder intelectivo, nin como un complemento do noso intelecto, nin baixo forma dun agregado substancial ao noso intelecto. Non. O Logos fai brillar o poder do noso intelecto na súa propia cualidade e no seu propio acto".

Segundo Wolfhart Pannenberg, Máximo o Confesor, apoiándose na tradición platónica e nos escritos de Dionisio o Aeropaxita, puido interpretar o eros cósmico que actúa na autotrascendencia extática da vida e, sobre todo, do modo en que o home vive, como expresión do amor do Deus da Biblia, que introduciu no corazón das súas criaturas o eros para atraer a si pola natureza deste aos que conmove coa súa chamada[1]

O eros divino e o eros humano culminan no Cristo histórico onde Deus e o home óllanse como nun espello e recoñécense, pois

O amor de Deus e o amor dos homes son dous aspectos dun só amor total
Epístola 3

A verdade que se lle regala ao home gratuitamente ha de ser afirmada e defendida fronte aos poderes políticos e militares, incluso fronte ao propio emperador cristián.

Máximo foi tamén un referente ético. Nos Capítulos sobre o amor defende a necesidade de repartir o diñeiro entre os marxinados. E isto hai que facelo, "a imitación de Deus, no que atinxe ás necesidades corporais, sen discriminación algunha entre bos e malos, xustos e inxustos, senón que reparte a todos por igual...". O froito do amor consiste na beneficencia, na liberalidade e a paciencia. Sen isto a especulación teolóxica é cousa de Satán.

Pensadores cristiáns occidentais inicialmente perseguidos, como Hans Urs von Balthasar ou Henri de Lubac, reivindicaron o legado de Máximo o Confesor. A Igrexa ortodoxa tívoo sempre na maior consideración e estima como columna fundamental da teoloxía bizantina.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Opúscula teologica et polemica
  • Ambigua
  • Scholia
  • Capítulos sobre o amor
  • Centuria

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wolfhart Pannenberg, Antropología en perspectiva teológica, Ed. Sígueme. pax. 664. ISBN 84-301-1215-4

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]